Valfendido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Interior de Valfendido

Valfendido (en Sindarin: Imladris, e en Oestron: Karningul) é un posto avanzado élfico da Terra Media creada por J. R. R. Tolkien. Foi fundado por Elrond durante a Segunda Idade da Terra Media (catro ou cinco mil anos antes dos acontecementos descritos n'O Señor dos Aneis), e foi el tamén o seu gobernante. Alén de Elrond e a súa familia, outros notábeis elfos viviron alí, entre eles Glorfindel e Erestor.

Valfendido é unha tradución directa ou calco do nome Sindarin Imladris, "val profundo da fenda". Tamén é coñecido como O Derradeiro Lar ao Oeste das montañas, en alusión ao territorio silvestre que se estende alén das Montañas Bretemosas.

Xeografía e historia[editar | editar a fonte]

Valfendido está situado no bordo dunha estreita foz do río Bruinen ou Altauga (un dos accesos principais a Valfendido é a través do próximo vao de Bruinen), mais encóntrase ben agochado entre os páramos e as faldras das Hithaeglir ou Montañas Bretemosas.

Valfendido foi fundado en 1697 da Segunda Idade, cando unha tropa enviada por Gil-galad desde Lindon e dirixida por Elrond rescatou os refuxiados provenientes de Eregion do exército de Sauron e foi empurrada cara aos outeiros de Rhudaur. A seguir, as hostes de Sauron asediaron o refuxio durante tres anos, até que un exército de axuda enviado por Gil-galad atacou, xunto cos defensores, o exército asediador e aniquilouno. Valfendido sufriu un novo ataque no século catorce da Terceira Idade cando os exércitos do Rei Bruxo lanzaron unha ofensiva contra o refuxio. Logo dalgúns anos, estes foron expulsados polos reforzos procedentes de Lothlórien.

N'O Hobbit, Bilbo Bulseiro detívose en Valfendido cos ananos no seu camiño cara á Montaña Solitaria, e tamén no traxecto de volta á Comarca con Gandalf.

N'O Señor dos Aneis, Frodo Bulseiro e os seus compañeiros Hobbits viaxaron a Valfendido, onde se encontraron con Bilbo, que se retirara alí após o seu 111º aniversario para escribir a súas memorias, Unha Viaxe de Ida e Volta. Tamén chegaron a Valfendido diversos Elfos, Ananos e Homes, con diferentes misións; no Consello de Elrond souberon que todas as súas misións estaban vencelladas ao destino do Anel Único, e que debían decidir que facer ao respecto. Ao cabo, foron os Hobbits os que tiveron maior peso na decisión.

Elrond viviu en Valfendido coa súa familia — a súa esposa Celebrían, os seus fillos Elladan e Elrohir e a súa filla Arwen. Elrond tamén acolleu o mozo Aragorn, que morou con eles en segredo até a súa idade adulta. Porén, Celebrían quedou traumatizada logo de ser capturada e torturada por Orcos (malia ser rescatada) e acabou abandonando a Terra Media para marchar ao reino de Valinor. Arwen (quen tamén viviu un tempo cos seus avós maternos Galadriel e Celeborn no reino de Lórien) deixaría máis tarde Valfendido para se converter na raíña de Aragorn, logo de ser este coroado rei de Gondor.

Ao comezo da Cuarta Idade, Elrond abandonou Valfendido, que durante un tempo seguiu habitado por Elladan e Elrohir, aos que máis tarde se uniu Celeborn. Descoñécese cando Valfendido foi abandonado definitivamente.

Inspiración[editar | editar a fonte]

O aspecto físico do val de Valfendido semella estar baseado no Lauterbrunnental en Suíza, por onde J. R. R. Tolkien fixera camiñadas en 1911[1], e a casa de Elrond e máis a estreita ponte no escenario de Watersmeet Lodge en Dorset, Reino Unido. No filme de Peter Jackson A Irmandade do Anel, os exteriores escollidos para a rodaxe de Valfendido foron os do Kaitoke Regional Park en Upper Hutt, Nova Zelandia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rivendell in Swizterland. scv.bu.edu. Recompilado o 10 de xullo de 2007.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

http://tolkiengateway.net/wiki/Rivendell (en inglés)