Isildur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Isildur (en quenya namorado da Lúa ou servente da Lúa) é un personaxe da Terra Media creado polo escritor J. R. R. Tolkien.

Era un home de Númenor, irmán maior de Anárion e fillo de Elendil o Alto, pertencente á nobreza numenoriana. Cóntase na Akallabêth que Isildur escapuliuse entre os gardas do rei Ar-Phârazon e chegou á Árbore Branca de Númenor, Nimloth, para tomar un froito del, prevendo talvez a súa futura destrución por orde de Sauron. Dese froito naceu despois a Árbore Branca de Minas Ithil.

Cando o rei Ar-Phârazon, último rei de Númenor, decidiu invadir Valinor por consello de Sauron, os Elendili, amigos dos Elfos, escaparon ó leste, antes da destrución da illa de Númenor. Entre eles ían Elendil e os seus fillos Isildur e Anárion, que fundaron despois os reinos de Arnor e Gondor respectivamente. Isildur tivo catro fillos: Elendur, Aratan, Ciryon e Valandil. Do último, o menor descende a liña de sucesión dos Reis de Arnor.

Máis tarde, ó final da Segunda Idade, Isildur partiu á guerra contra Mordor, e durante a batalla de Dagorlad loitou xunto co seu pai e os Elfos. Ó chegaren á porta de Barad-Dûr, Sauron mesmo saíu da súa torre, e loitou contra Elendil, matándoo xunto a Gil-Galad, rei dos elfos. Nese momento Isildur tomou a Narsil, a espada quebrada do seu pai, e cortoulle a Sauron o dedo co Anel Único. Entón Sauron perdeu o seu poder, e desapareceu. Isildur tomou o Anel e gardouno como prenda pola morte do seu pai e o seu irmán durante a guerra, malia que Elrond e Círdan cominárono a destruílo na lava do próximo Monte do Destino para asegurar a derrota de Sauron.

Isildur, tras plantar a Árbore Branca en Minas Anor en memoria do seu irmán Anárion e confiar o reinado de Gondor ó seu sobriño Meneldil, partiu cara ó norte para facerse cargo do reino de Arnor en nome do seu pai. Pero, ó ser atacado por orcos nos Campos Ledos, puxo o Anel, sabendo que o faría invisible, e botouse ó río Anduin. O Anel vingou ó seu creador e traizoou a Isildur, deslizándose do seu dedo. Os orcos vírono e matárono con frechas. Os seus tres fillos maiores, que o acompañaran á guerra, tamén morreron nese masacre. Só Ohtar o escudeiro, xunto con outros dous homes, logrou sobrevivir, e levou os fragmentos de Narsil a Valfendido. Valandil, por entón apenas un neno, convértese en rei de Arnor.

Predecesor:
Elendil
Escudo Arnor.svg
Rei de Arnor

3441 S. E. - 2 T. E.
Sucesor:
Valandil
Predecesor:
Elendil
Escudo Gondor.svg
Rei de Gondor

3441 S. E. - 2 T. E.
Sucesor:
Meneldil