Gil-galad

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Gil-Galad (que traducido do sindarin significa «estrela radiante») é un personaxe ficticio que forma parte do legendarium creado polo escritor británico J. R. R. Tolkien e que aparece na súa novela póstuma O Silmarillion; é, ademais, mencionado na obra O Señor dos Aneis, en cuxos apéndices se ofrecen máis detalles da súa historia. É un elfo do clan Noldor, fillo de Fingon.

Historia[editar | editar a fonte]

O seu nome era Ereinion (en élfico ‘descendente de reis’), pero chegou a ser máis coñecido polo seu alcume Gil-Galad. Era fillo de Fingon e o derradeiro dos descendentes de Finwë Nölome na Terra Media, xunto con Galadriel e Elrond.

Despois da morte do seu tío Turgon no ano 517 P. E., convértese no último dos Altos Reis dos Noldor no exilio.

Naceu na Primeira Idade en Hithlum durante o principado de Fingon e durante o reinado do seu avó Fingolfin. Alí viviron en paz as tres xeracións ata que estourou a Dagor Bragollach, na cal cae o seu avó Fingolfin en duelo persoal contra Morgoth, e na que os reinos Noldorin son arrasados, morrendo moitos dos parentes de Ereinion.

Gil-Galad morreu na da gran alianza de homes e elfos contra Sauron, cando o Señor Escuro, completamente acurralado, sae de Barad-dûr e combate ós señores dos dous exércitos: Gil-Galad, Círdan e Elrond pola parte dos elfos e Elendil e o seu fillo Isildur, pola dos homes.