Númenor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Númenor
Legendarium de J. R. R. Tolkien
Nisimaldar.
Primeira apariciónO Señor dos Aneis
Información
TipoReino insular
GobernanteFundador: Elros Tar-Minyatur
LocalizaciónOeste da Terra Media
Outros nomesO reino do sur

Númenor ou Númenórë, que significa «terra do oeste» na lingua quenya, é un reino ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien. Tratábase dunha illa que se erguía desde as profundidades do Gran Mar Belegaer, situada a medio camiño entre a Terra Media e as Terras Imperecedoiras. Os Valar concedéronllela aos Edain na Segunda Idade, como recompensa pola súa axuda durante as Guerras de Beleriand.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia da Primeira Idade é a crónica da longa derrota dos Eldar (os elfos) e dos Edain (os homes) por parte de Morgoth e os seus exércitos. Unha derrota que finalmente foi revertida por Eärendil o Mariñeiro que, acompañado pola súa esposa Elwing sucou os mares até o Antigo Oeste, a terra de Valinor, para pregar a axuda dos Valar (os Poderes, ou os "deuses"). Os Valar que acudiron ao rogo de Eärendil marcharon á batalla contra Morgoth na Guerra da Cólera, trala que foi vencido, capturado e afastado do mundo. Emporiso, Sauron o Maia, lugartenente de Morgoth, evitou ser capturado e quedou activo en Endor (a Terra Media).

Como recompensa polo seu sufrimento na longa derrota, os Valar permitiron aos Eldar navegar cara a Valinor (aínda que moitos escolleron quedar na Terra Media). Para os Edain, os Valar fixeron xurdir a illa de Númenor.

O primeiro rei de Númenor foi Elros, chamado Tar-Minyatur, fillo de Eärendil e Elwing, os cales eran semielfos. Ao final da Primeira Idade, aos semielfos concedéuselles a posibilidade de elixir a raza á que desexaban pertencer. Eärendil escolleu a raza da súa esposa e decidiu pertencer aos Eldar. Na Terra Media, o seu fillo Elros elixiu ser contado entre os homes e conduciu aos Edain a Númenor. Elrond, o seu irmán, escolleu ser contado entre os elfos que quedaban na Terra Media, onde se converteu no capitán e chanceler de Gil-Galad, o Alto Rei dos elfos na Terra Media.

Aos Dúnedain, como eran chamados os Numenorianos, os Valar outorgáronlles unha vida tres veces máis longa cá dos homes normais, e a Elros foille outorgada unha vida de 500 anos. Durante preto de tres mil anos, case a totalidade da Segunda Idade, os Numenorianos desenvolveron unha civilización cada vez máis avanzada e expansiva que estendeu o seu poder ao longo das costas da Terra Media.

Nos últimos séculos da Segunda Idade, con todo, o orgullo fixo que os Numenorianos, encabezados polo seu rei, Ar-Pharazôn, desafiasen o poder de Sauron e o fixesen prisioneiro. Desde a súa prisión, Sauron manipulou o temor á morte dos Numenorianos, até inducilos a render culto a Morgoth e a se rebelaren contra dos Valar. Finalmente, logrou persuadilos para atacaren Valinor, na crenza de que esas terras lles darían a inmortalidade.

Eru Ilúvatar, o Ser supremo, ardeu en cólera e, como castigo, afundiu Númenor baixo as augas xunto cos Numenorianos rebeldes. Nesa catástrofe Sauron tamén sucumbiu, de xeito que nunca máis puido adoptar unha forma fermosa. Ademais, Eru separou Aman de Arda, dándolle forma esférica a esta última e deixando a Aman fóra dela. Desde entón a única forma de chegar a Aman foi seguir o camiño recto (tanxente á superficie esférica de Arda) desde os Portos Grises (noroeste da Terra Media) usando unha nave élfica. Da hecatombe só se salvaron os Fieis liderados por Elendil, que desembarcaron na Terra Media e fundaron os reinos do Norte (Arnor) e do Sur (Gondor).

A historia da caída de Númenor cóntase na Akallabêth, libro incluído no Silmarillion. Outras historias de Númenor da man de Tolkien poden lerse na obra Unfinished Tales of Númenor and Middle-earth.

Goberno[editar | editar a fonte]

Os máximos gobernantes de Númenor sempre foron os reis. Elros foi o primeiro deles e gobernou durante 410 anos ata a súa morte, pero a partir do seu fillo Vardamir, os Reis Numenorianos adoptaron o costume de ceder o cetro ao seu herdeiro antes de morrer, e así se mantivo até os días de Tar-Atanamir.

Os reis tomaban os seus títulos na lingua quenya. Con todo, Ar-Adûnakhôr adoptou o seu título en adûnaico, a lingua Numenoriana, o que causou un maior distanciamento entre a realeza e os Fieis. Anos despois, Tar-Palantir volvería adoptar o seu título en quenya, molesto polo que fixeran os outros reis, aínda que Ar-Pharazôn de novo volveu ao adûnaico.

O cetro era o principal sinal da realeza en Númenor. Nun principio pasaba ao maior dos fillos homes, pero Tar-Aldarion só tivo unha filla, polo que promulgou unha lei segundo a cal o cetro pasaría sempre ao vástago maior, sen distinción de sexo. Así, no ano 1075 da Segunda Idade, Tar-Aldarion cedeu o cetro á súa filla Ancalimë, que se converteu na primeira raíña. O cetro non puido ser salvado no Desastre de Númenor e afundiuse co resto da illa.

Había unha serie de obxectos e tesouros que pasaron en herdanza polos Reis de Númenor: Aranrúth, a espada que usaba o rei, que antes era a do Rei Thingol de Doriath, e que Elwing lle deu ao seu fillo Elros; o Anel de Barahir, que foi o único que sobreviviu á Caída de Númenor, porque Tar Elendil llo deu á súa filla Silmariën e así foi preservado polos Señores de Andúnië; Dramborleg, a gran machada de Tuor; e o arco de Bregor.

O Mito[editar | editar a fonte]

A historia de Númenor lembra á lenda platónica da Atlántida, unha illa cunha civilización moi próspera que debido a unha catástrofe natural acabou afundida baixo o mar.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A forma da illa de Númenor asemellaba unha estrela de cinco puntas. A parte central, chamada Mittalmar, ocupaba pouco máis de 400 km ao longo e ao ancho. A partir dela estendíanse cinco penínsulas que formaban cinco rexións distintas: Forostar, Andustar, Hyarnustar, Hyarrostar e mais Orrostar. A meirande parte da illa estaba bordeada por cantís e, agás o sur, poucas zonas tiñan costas chas.

  • Mittalmar: esta rexión tiña poucas elevacións e incluía extensas praderías con pouca superficie arbórea, o que a convertía na principal rexión de pastoreo da illa, especialmente a parte suroeste (Emerië). A parte leste de Mittalmar chamábase Arandor, que significa «terra do rei» en quenya. Nela atopábase o Meneltarma, a cidade de Armenelos e mais o porto de Rómenna. O río Nunduinë («río do oeste») nacía nesta rexión e ao longo do seu curso bañaba as augas do lago Nísinen («auga fragrante»).
  • Forostar: era a rexión setentrional da illa. Era pedregosa e a menos fértil. Cara ao Cabo do Norte erguíanse as montañas de Sorontil («pico de aguia») que creaban grandes cantís nos que aniñaban moitas aguias.
  • Andustar: era a rexión situada ao oeste. O norte era montañoso, mentres que no sur había grandes fragas. Ao oeste había tres baías, e a que estaba máis ao norte chamábase Baía de Andúnië porque nela se atopaba o Porto de Andúnië. Entre Andustar e Hyarnustar estaba a Baía de Eldanna, na que desembocaba o río Nunduinë, no porto de Eldalondë («porto dos elfos»). Nos seus arredores medraban as Nísimaldar, as árbores que os Elfos trouxeran de Aman.
  • Hyarnustar: era a rexión suroccidental, montañosa no suroeste e cálida no leste. O río Siril servía de fronteira entre as rexións de Hyarnustar e Hyarrostar, e desembocaba no mar entre pantanos cubertos de xuncos, en cuxas beiras había amplas praias onde vivían case todos os pescadores.
  • Hyarrostar: era a rexión sur. Nela medraban moitas especies de árbores e había grandes plantacións da árbore laurinquë (que significa «chea de ouro»), porque a súa madeira era moi útil para facer barcos. O porto de Nindamos era a vila principal da rexión.
  • Orrostar: era a rexión oriental, fría pero fértil, con montañas no norte e chairas no sur. Nas partes suroeste de Orrostar había grandes plantacións de gran.[1]

O capítulo A Description of the Island of Númenor do libro "Unfinished Tales of Númenor and Middle-earth" contén un mapa da illa de Númenor, xunto coa súa descrición.

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

A fauna e a flora de Númenor é descrita como abundante e diversa, con moitas especies únicas de cada rexión. Alén diso, a illa tiña especies autóctonas, ausentes na Terra Media, moitas delas traídas polos Valar a través dos elfos de Aman. A árbore máis famosa é a Árbore Branca, Nimloth, que crecía no patio do Rei en Armenelos. Outras árbores crecían na rexión das Nísimaldar, eran perennes e na súa maioría, perfumadas. Moitas non teñen un papel salientable na historia.

A maioría da fauna en Númenor compúñase de aves mariñas, e a pesca era a principal fonte de alimento dos seus habitantes. Das especies únicas só se coñecen os Kirinki, un paxaro de plumas vermellas e as Grandes Aguias.

Cultura[editar | editar a fonte]

Os habitantes de Númenor, chamados normalmente Numerorianos ou Homes do Oeste, eran descendentes dos Edain, un grupo de Humanos que vivía no nordés da Terra Media e tornáranse na raza mortal máis culturalmente avanzada. Despois da súa chegada á illa, os seus coñecementos e habilidades foron desenvolvidos polas ensinanzas dos Valar e dos elfos de Tol Eressëa.

A maioría dos Numerorianos descendía do Pobo de Hador e eran loiros con ollos azuis. A meirande parte dos que vivían no oeste da illa, especialmente en Andustar, descendía do Pobo de Bëor, e tiñan a pel morena e ollos cinzentos. Algunha xente do Pobo de Haleth foron para Númenor, acompañados por varias familias de Dúnedain. Estes últimos volverían para a Terra Media co tempo.

A causa diso, a lingua dos Numenorianos, o Adûnaico, derivou principalmente da fala dos Hadorianos. De acordo con algúns escritos de Tolkien, os descendentes do pobo de Bëor falaban unha forma de Adûnaico con acento, mentres que os outros deixaran de usar as súas linguas mesmo antes de chegaren á illa, pasando a empregar a lingua dos elfos grises (o Sindarin) como o seu idioma habitual. En todos os textos, mentres, consta que a maioría dos Numenorianos sabían o Sindarin, e era moi usado pola nobreza, que tamén coñecía o Alto élfico, ou Quenya, empregado en documentos oficiais, traballos artísticos e en nomes. Esa situación mudou cando a amizade cos elfos rematou. O uso das linguas élficas declinou, até que o rei Ar-Adûnakhôr prohibiu o seu uso, e o coñecemento desas linguas só foi preservado polos Fieis, os que non se rebelaran contra os Valar.

Os Numenorianos eran extremadamente competentes nas artes e nos traballos manuais, mais era nos barcos e nos instrumentos marítimos onde máis salientaban. Eran grandes mariñeiros, explorando o mundo en todas as direccións, excepto o oeste, por mor da prohibición dos Valar. Viaxaban a miúdo ás praias da Terra Media, onde instruían os seus habitantes, mesmo ensinándolles o cultivo, o que supuxo unha considerable mellora das súas condicións de vida.

Os Numenorianos tamén eran competentes no adestramento de cabalos, que cabalgaban polas amplas chairas en Mittalmar. Aínda que eran un pobo pacífico, as súas armas, armaduras e habilidades de montar eran as máis avanzadas de Arda, coa única excepción dos Valar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Unfinished Tales: "A Description of Númenor".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]