Saltar ao contido

A Comarca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Comarca
Legendarium de J. R. R. Tolkien
Matamata (Nova Zelandia), o escenario da Comarca na triloxía de Peter Jackson.
A Comarca (vermello) na Terra Media, Terceira Idade 3019.
Primeira apariciónO hobbit
Información
TipoRexión
GobernanteThain e alcalde da Comarca
LocalizaciónNoroeste da Terra Media

A Comarca (na súa versión orixinal en inglés: The Shire) é unha localización ficticia que forma parte do legendarium creado polo escritor británico J. R. R. Tolkien e que aparece nas súas novelas O hobbit e O Señor dos Aneis.

É unha rexión situada no noroeste da Terra Media, un dos continentes do mundo ficticio de Arda onde transcorre a maior parte do legendarium de J. R. R. Tolkien. Atópase, á súa vez, dentro da gran rexión de Eriador, onde anteriormente existiu o reino de Arnor. Está poboada exclusivamente por hobbits, unha raza emparentada cos homes e caracterizada pola súa baixa estatura.[1] Fundada a mediados da Terceira Idade do Sol, a súa historia coñecida é reducida e sen apenas acontecementos importantes debido á natureza pacífica dos seus habitantes, a excepción dos feitos ocorridos durante a Guerra do Anel.

Os hobbits chámana Sûza (que significa «Comarca») ou Sûzat («A Comarca»), termos que teñen a súa orixe no rohírrico, a lingua de Rohan coa que entraron en contacto antes de colonizar a Comarca.[2] Por outro lado, na lingua élfica sindarin chámana i Drann.[3] Tamén é chamada Catro cadernas, nome que fai referencia á súa división territorial.

Se ben non aparece mencionada como tal na novela O hobbit, J. R. R. Tolkien xa tiña entón unha idea de como era a Comarca, creada «oficialmente» durante a composición do primeiro capítulo de O Señor dos Aneis[4] e inspirada principalmente no barrio de Sarehole, Birmingham, onde o autor viviu durante a súa nenez.[5]

Descrición na ficción

[editar | editar a fonte]
Mapa esquemático da Comarca

Tolkien foi moi minucioso no tocante aos detalles exactos da Comarca. O hobbit e O Señor dos Aneis conteñen pouca información sobre a súa elaborada[6] xeografía ficticia, historia, calendario e constitución, se ben os apéndices de edicións posteriores recollen máis detalles. O académico especializado en Tolkien Tom Shippey comenta que, de todos os xeitos, espertan na mente do lector unha sensación de «profundidade», dun lugar complexo e real, unha cualidade que Tolkien consideraba esencial para o éxito dunha obra de fantasía.[7]

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Xeografía da Terra Media.

Catro cadernas

[editar | editar a fonte]

Na ficción de Tolkien, descríbese a Comarca como unha terra pequena pero fermosa, idílica e próspera, adorada polos hobbits que a habitaban. Tiñan agricultura, pero non industrializada. A paisaxe estaba formada por outeiros de calcaria e fragas, como a campiña inglesa. A Comarca estaba situada no interior, e a maioría dos hobbits temía o Mar.[T 1] A súa extensión era de 40 leguas (193 km ou 120 millas)[T 2] de leste a oeste e 50 leguas (241 km ou 150 millas) de norte a sur, cunha área aproximada de 47 000 m² (18 000 millas cadradas):[T 1][T 3] máis ou menos equivalente aos Midlands ingleses. A principal parte da Comarca, e a máis vella, estaba delimitada ao leste polo río Brandiviño, ao norte por terras altas que ascendían até os Outeiros de Tardefosca, ao oeste polas Lombas Distantes e ao sur por unhas brañas. Máis adiante expandiuse cara ao leste até Gamoedo entre o Brandiviño e o Bosque Vello, e (moito máis tarde) cara ao oeste, até a Marca Occidental entre as Lombas Distantes e os Outeiros das Torres.[T 1][T 4][6]

Un precedente da Comarca: o mapa de 1761 de Hans Henrik Knoff amosa a división de Islandia en catro cadernas —Norte, Sur, Leste e Oeste.[8]

A Comarca estaba dividida en catro cadernas (cuartas partes),[T 5] ao igual que Islandia no pasado;[8] de xeito similar, o condado de Yorkshire estivera dividido en tres distritos.[9] A Pedra das Tres Cadernas marcaba aproximadamente o centro da Comarca.[T 6] Estaba inspirada en Four Shire Stone (que significa «Pedra dos Catro Condados»), preto de Moreton-in-Marsh, onde outrora lindaban entre si catro condados, e dende 1931, fano tres.[10][a] En Inglaterra hai varias «Pedras dos Tres Condados» (Three Shire Stones), como no Distrito dos Lagos,[12] e antigamente había «Carballos dos Tres Condados» (Three Shire Oaks), como en Whitwell, Derbyshire, coa función de marcar o lugar no que confluían tres condados.[13] Pipin naceu en Pozobranco (Whitwell no orixinal inglés), na Terra de Tuc.[T 7] Dentro das cadernas están as terras natais dalgúns clans, non recoñecidas oficialmente: case todos os Tuc viven en Redobrada ou preto dela, no País do Outeiro Verde.[6][b]

Gamoedo, tamén coñecida como as «Marcas Leste», estaba xusto ao leste da Comarca, alén do río Brandiviño. Recibía o seu nome da familia Brandigamo, e fundárase «moito tempo antes» como «unha especie de colonia da Comarca»."[15] O rei Elessar outorgou a Fronteira do Oeste, tamén chamada as «Marcas Oeste», á Comarca despois da Guerra do Anel.[T 5][T 8]

Artigo principal: Prebe (Terra Media).

Ao leste da Comarca atopábase a illada vila de Prebe, que era única pola convivencia de hobbits e homes. Nela estaba a pousada chamada O Poni Rampante,[T 9] célebre pola súa excelente cervexa, que os hobbits e mais o mago Gandalf tiveron ocasión de probar.[T 10] Moitos dos habitantes de Prebe, incluído o pousadeiro Orxeiro Manteiga (Barliman Butterbur no orixinal inglés), tiñan apelidos de orixe vexetal. O termo inglés butterbur refírese a unha planta do xénero Petasites que Tolkien describía como «repoluda e grosa», elixida claramente porque resultaba axeitada para un home gordo.[T 11][16] Tolkien suxería dúas orixes posíbeis para a xente de Prebe: unha alternativa era que fora fundada e poboada por homes dos Edain que non chegaron a Beleriand na Primeira Idade, ficando ao leste das montañas en Eriador; a outra era que os homes procedían dos brunos.[T 9][T 12] O nome orixinal de Prebe, Bree, significa «outeiro»; Tolkien xustificou o topónimo situando a vila e a Terra de Prebe circundante en torno a un outeiro, chamado Momprebe. O nome da vila Brill, en Buckinghamshire, un lugar que Tolkien adoitaba visitar[T 13][17] e que o inspirou na creación de Prebe,[T 13] ten o mesmo significado: Brill é unha contracción moderna de Breʒ-hyll. Ambas as sílabas queren dicir «outeiro» –a primeira en céltico e a segunda en inglés antigo.[18]

Véxase tamén: Limpando a Comarca.

Os primeiros asentamentos de hobbits na Comarca datan do ano 1601 da Terceira Idade (ano 1 da Era da Comarca), e foron iniciativa dos irmáns Marcho e Blanco. Os hobbits do val do Anduin migraran ao oeste atravesando as perigosas Montañas Bretemosas, vivindo en zonas inhabitadas de Eriador antes de se trasladaren á Comarca.[6]

Trala caída de Arnor, a Comarca mantívose como reino independente; a xente da Comarca elixía un Thain que asumía os poderes do rei. Os primeiros Thains eran os xefes do clan Gamovello. Cando os Gamovello se asentaron en Gamoedo, o cargo de Thain transferiuse pacificamente ao clan Tuc. Os Montesíos do Norte protexían en segredo a Comarca, vixiando as fronteiras e repelendo os intrusos. Polo xeral, os únicos estraños que entraban na Comarca eran ananos que viaxaban polo Gran Camiño dende as súas minas nas Montañas Azuis e, ás veces, elfos que se dirixían aos Portos Grises. En 1147 E.C., os hobbits impediron unha invasión de orcos na Batalla dos Campos Verdes. En 1158 E.C., milleiros de hobbits faleceron no Longo Inverno e na gran fame que o seguiu.[T 14] No Inverno Cruel de 1311 C.E., lobos brancos procedentes de Forodwaith invadiron a Comarca cruzando o río Brandiviño conxelado.

A casa de Bilbo e, máis tarde, Frodo Bulseiro en Vila Bulsa, Hobbiton construída en Nova Zelandia

Os protagonistas d’O hobbit e O Señor dos Aneis, Bilbo e Frodo Bulseiro, vivían en Vila Bulsa,[c] un luxoso smial ou burato-hobbit escavado no Outeiro, na parte norte da vila de Hobbiton na Caderna Oeste.[d] En 1341 E.C., Bilbo Bulseiro deixou a Comarca ao emprender a aventura que se relata n’O hobbit. Volveu o ano seguinte, traendo consigo un anel máxico que resultou ser o Anel Único. Catro Espectros do Anel invadiron a Comarca na procura do Anel.[T 15] Mentres Frodo, Sam, Merri e Pipin estaban fóra na súa misión de destruír o Anel, Saruman apoderouse da Comarca a través do seu secuaz Loto Sacovila-Bulseiro. Xuntos gobernaron a Comarca como unha parodia de estado moderno, con rufíans armados, talla de árbores, destrución de fermosos edificios antigos e fea industrialización.[T 16]

A Comarca foi liberada coa axuda de Frodo e os seus compañeiros ao volveren da Batalla de Ribadauga (a derradeira batalla da Guerra do Anel).[T 16] A Comarca replantouse con terra do xardín de Galadriel en Lothlórien (un agasallo para Sam). Os habitantes da Comarca consideraron o ano 1420 E.C. como o máis produtivo e próspero da súa historia.[T 17]

Segundo Tom Shippey, Tolkien inventou partes da Terra Media para resolver o envurullo lingüístico que creara sen querer ao empregar diferentes linguas europeas como base para as dos pobos do seu legendarium.[22]

Os hobbits da Comarca falaban a Oestron ou Lingua Común da Terra Media. Porén, Tolkien presentou o seu idioma como inglés moderno n’O hobbit e O Señor dos Aneis, igual que usara a lingua nórdica antiga para os nomes dos ananos. Para resolver este envurullo lingüístico, creou a ficción de que as linguas de certas partes da Terra Media foran «traducidas» a diversas linguas europeas, inventando o idioma dos Xinetes de Rohan, o rohírrico, que logo «traduciu» como o dialecto mercio do inglés antigo, que coñecía ben.[22][T 18] Deste xeito estabeleceuse unha relación semellante a unha liñaxe entre Rohan e a Comarca.[22]

A Comarca tiña un goberno moi básico. O alcalde de Pedra Furada era o cargo de maior rango e, na práctica, equivalente ao alcalde da Comarca.[23] Había un Servizo de Carteiros para o correo e 12 "oficiais" (tres por cada caderna) da Vixilancia para a policía; a súa función principal era reunir o gando extraviado. A xeito de reforzos había un número variábel de "Fronteirizos",[e] un corpo non oficial que vixiaba as raias. No período d’O Señor dos Aneis, había moitos máis Fronteirizos do habitual, un dos poucos indicios que tiñan os hobbits sobre os turbulentos tempos que corrían. Os líderes das principais familias exercían autoridade sobre os seus territorios.[6]

O Señor de Gamoedo, xefe hereditario do clan Brandigamo, gobernaba Gamoedo e tiña unha certa autoridade sobre o Estrago, xusto alén do río Brandiviño.[6]

De maneira similar, o xefe do clan Tuc, a miúdo chamado «O Tuc», gobernaba a morada ancestral dos Grandes Smials dos Tuc, a vila de Redobrada e a zona da Terra de Tuc,[6] e desempeñaba o cargo de Thain.[23]

Inspiración

[editar | editar a fonte]

Un calco de Inglaterra

[editar | editar a fonte]

Shippey escribe que a Comarca non é simplemente evocadora de Inglaterra: Tolkien esmerouse en crear a Comarca como un calco de Inglaterra, elemento por elemento.[25]

Análise de Tom Shippey da creación da Comarca de Tolkien como calco de Inglaterra[25]
Elemento A Comarca Inglaterra
Orixe dos habitantes O Ángulo entre os ríos Fontecinza (Mitheithel) e Altauga (Bruinen) dende o leste (a través de Eriador)
Angeln entre o Fiorde de Flensburgo e o Schlei, dende o leste (a través do Mar do Norte), de aí o nome «Inglaterra» (England en inglés)
Tres tribos orixinais Rexos, Pepeludos e Nidios Anglos, Saxóns e Xutos[f]
Fundadores lendarios chamados «cabalo»[g] Marcho e Blanco Hengest e Horsa
Período de paz civil 272 anos dende a Batalla dos Campos Verdes até a Batalla de Ribadauga 270 anos dende a Batalla de Sedgemoor até O Señor dos Aneis
Organización Alcaldes, xuntas, oficiais Como «unha Inglaterra anticuada e idealizada»
Apelidos p. ex. Ribeira (Banks), Argalleiro (Boffin), Bocho (Bolger), Cinchapreta (Bracegirdle), Brandigamo (Brandybuck), Teixugo (Brockhouse), Cacho (Chubb), Cotón (Cotton), Belcativos (Fairbairns), Becho (Grubb), Gardafeo (Hayward), Birimbao (Hornblower), Nogueiras (Noakes), Patagrande (Proudfoot), Tuc (Took), Somonte (Underhill), Patabranca (Whitfoot) Na versión orixinal en inglés, son todos apelidos ingleses. Tolkien comenta, por exemplo, que «Bracegirdle» (Cinchapreta en galego) «utilízase no texto, por suposto, en relación coa tendencia dos hobbits a ser repoludos e, polo tanto, a levar os cintos pretos».[T 19]
Topónimos p. ex. «Nombote» (Nobottle en inglés)
p. ex. «Gamoedo» (Buckland en inglés)
Nobottle, Northamptonshire
Buckland, Oxfordshire
Edificios industriais á beira do Canal de Worcester e Birmingham, preto de Tardebigge, Worcestershire

Existen outras conexións; Tolkien equiparaba a latitude de Hobbiton á de Oxford (é dicir, arredor dos 52° N).[T 20] A Comarca correspóndese aproximadamente coa rexión dos Midlands do Oeste de Inglaterra nun pasado remoto, estendéndose a Worcestershire (onde medrou Tolkien), formando, en palabras de Shippey, «unha unidade cultural moi arraigada na historia».[27] O nome da vila de Farthinghoe en Northamptonshire inspirou a idea de dividir a Comarca en catro cadernas (Farthings en inglés).[11] Tolkien escribiu que a herba de pipa «só florece en lugares recollidos e cálidos, como Fondolongo»;"[T 1] no século XVII, a zona de Evesham en Worcestershire era célebre polo seu tabaco.[28]

Nomes enxebres

[editar | editar a fonte]

Tolkien deulle á Comarca un carácter enxebre e inglés de diversos xeitos, dende o uso de nomes como Travesa da Bulsada (Bagshot Row no orixinal inglés)[h] e o Muíño até pubs rurais con nomes comúns como «O Dragón Verde» (The Green Dragon no orixinal inglés) en Ribadauga,[i] «A Mata de Hedra» (The Ivy Bush no orixinal inglés), preto de Hobbiton no camiño de Ribadauga,[j] e «A Perca de Ouro» (The Golden Perch no orixinal inglés) en Cepeira, soado pola súa excelente cervexa.[31][32][33] Michael Stanton comenta en J.R.R. Tolkien Encyclopedia que a Comarca está baseada en parte na nenez de Tolkien en Sarehole e en parte na vida rural inglesa en xeral con, en palabras de Tolkien, «xardíns, árbores e agro sen mecanizar».[6][T 21] A capital da Comarca, Pedra Furada (Michel Delving no orixinal inglés) é un calembur filolóxico: o nome en inglés soa moi semellante ao da vila Micheldever en Hampshire, pero significa «Moita Cavada» de buratos-hobbit, do inglés antigo micel, «gran» e delfan, «cavar».[34]

Experiencia durante a nenez

[editar | editar a fonte]

A industrialización da Comarca estaba baseada na experiencia de Tolkien durante a súa nenez co estrago da paisaxe rural de Worcestershire pola difusión da industria pesada a medida que medraba a cidade de Birmingham.[T 22] Unha interpretación posíbel é que o capítulo «Limpando a Comarca», que relata unha revolución dos hobbits e a restauración da Comarca preindustrial, contén un elemento de desexo cumprido por parte do autor, ao que se suma o corno máxico que Merri emprega para chamar os habitantes á acción.[35]

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

A Comarca aparece no filmes de animación The Hobbit de 1977[36] e The Lord of the Rings de 1978.[37]

Parte da Comarca creada para os filmes da Terra Media de Peter Jackson, nunha granxa preto de Matamata, en Nova Zelandia.

Na triloxía cinematográfica d’O Señor dos Aneis de Peter Jackson, a Comarca aparece en The Fellowship of the Ring e en The Return of the King. As escenas da Comarca rodáronse nunha localización preto de Matamata, en Nova Zelandia. Trala rodaxe, devolveuse a zona ao seu estado natural, pero mesmo sen o set do filme, converteuse nunha importante atracción turística. Por mor do mal tempo, non foi posíbel demoler inmediatamente 18 dos 37 buratos-hobbit; antes de que se puidesen retomar as obras, a afluencia de turistas superou as 12 000 visitas anuais á granxa de Ian Alexander, onde estiveran situadas Hobbiton e Vila Bulsa.[38]

A versión de Prebe de Jackson presenta constantemente un aspecto desagradábel e ameazador, ao que se suman efectos especiais e o Ollo de Sauron cando Frodo pon o Anel.[39] Na adaptación animada de Ralph Bakshi d’O Señor dos Aneis de 1978, Alan Tilvern puxo a voz de Orxeiro Manteiga (como «Pousadeiro»);[40] David Weatherley interpretou a Manteiga na versión de Jackson,[41] mentres que James Grout foi o actor elixido para o serial radiofónico d’O Señor dos Aneis producido por BBC Radio en 1981.[42] Na adaptación rusa de baixo orzamento d’A Irmandade do Anel de 1991, titulada Khraniteli, Manteiga aparece como «Lavr Narkiss», interpretado por Nikolay Burov.[43] Na miniserie televisiva de Yle de 1993 Hobitit, o papel de Manteiga («Viljami Voivalvatti» en finés, que significa «Guillerme Manteiga») recaeu en Mikko Kivinen.[44]

Jackson volveu incluír a Comarca nos seus filmes The Hobbit: An Unexpected Journey e The Hobbit: The Battle of the Five Armies. As escenas da Comarca rodáronse na mesma localización.[45]

No videoxogo de estratexia en tempo real The Lord of the Rings: The Battle for Middle Earth II de 2006, a Comarca aparece como nivel na campaña da facción malvada, na que o xogador a invade comandando un exército de trasnos, e como mapa no modo multixogador de escaramuza.[46]

No videoxogo de rol multixogador masivo en liña The Lord of the Rings Online de 2007, a Comarca aparece case na súa totalidade como unha das principais rexións do xogo. A Comarca está habitada por centos de personaxes non xogadores, e o xogador pode participar en centos de misións. As únicas partes do mapa orixinal de Christopher Tolkien que non están incluídas no xogo son algunhas zonas da Caderna Oeste e a maioría da Caderna Sur. Amais, parte da Caderna Norte forma parte da rexión de Tardefosca, por motivos de xogabilidade.[47]

No videoxogo de acción The Lord of the Rings: Conquest de 2009, a Comarca aparece como un dos campos de batalla durante a campaña da facción malvada, na que se ve arrasada polas forzas de Mordor.[48]

Games Workshop tamén produciu en 2004 un suplemento titulado The Scouring of the Shire para o xogo de batallas estratéxicas The Lord of the Rings. Este suplemento contiña regras para un gran número de miniaturas que representaban o estado da Comarca trala conclusión da Guerra do Anel.[49]

  1. Tom Shippey sostén que o topónimo Farthinghoe (en Northamptonshire) levou a Tolkien a pensar neste tema.[11]
  2. O País do Outeiro Verde (Green Hill Country no orixinal inglés) situado a ambos os lados do camiño de Redobrada podería ter recibido o seu nome de Green Hill Road, preto de Mosely, onde vivían os avós de Tolkien.[14]
  3. «Bag End» (a versión orixinal en inglés de Vila Bulsa) era o nome real do fogar de Jane Neave, tía de Tolkien, en Dormston, no condado de Worcestershire.[20][21]
  4. A visión de Tolkien de Vila Bulsa aparece nas súas ilustracións para O hobbit. A súa acuarela The Hill: Hobbiton-across-the Water amosa o exterior e a campiña circundante, mentres que The Hall at Bag-End [sic] representa o interior.
  5. Neste caso, o termo «Fronteirizo» refírese a unha persoa que vixía unha fronteira. En inglés trátase dun calembur, porque na época de Tolkien, a palabra orixinal («Bounder») tamén significaba «persoa deshonrosa».[24]
  6. Shippey comenta que ambas as nacións esqueceran as súas orixes.[26]
  7. Inglés antigo: hengest, semental; hors, cabalo; *marh, cabalo, cf "egua"; blanca, cabalo branco en Beowulf[25]
  8. Bagshot é unha vila de Surrey, e dá a impresión de estar relacionada con Bulseiro (Baggins) e Vila Bulsa (Bag End).
  9. Había un pub chamado Green Dragon en St Aldate's, Oxford, na época de Tolkien.[29]
  10. Hai un pub chamado Ivy Bush en Hagley Road preto de onde viviu Tolkien en Birmingham.[30]

Referencias

[editar | editar a fonte]

Primarias

[editar | editar a fonte]
Esta listaxe identifica a localización de cada elemento na obra escrita de Tolkien.
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Tolkien 1954a, Prólogo
  2. Segundo Tolkien, unha legua equivale a 3 millas, véxase Unfinished Tales, The Disaster of the Gladden Fields, Appendix on Númenórean Measure.
  3. Tolkien 1975, «Caderna», «Comarca»
  4. Tolkien 1955, Apéndice B e Apéndice C.
  5. 5,0 5,1 Tolkien 1954a, «Prólogo», «Da ordenación da Comarca»
  6. Tolkien 1954a, Mapa de parte da Comarca.
  7. Tolkien 1955, libro 5, cap. 1 «Minas Tirith»
  8. Tolkien 1955, Apéndice B
  9. 9,0 9,1 Tolkien 1954a, libro 1, cap. 9 «Baixo o emblema do Poni Rampante»
  10. Tolkien 1954a, libro 2, cap. 2 «O consello de Elrond»
  11. Tolkien 1975, «Manteiga»
  12. Tolkien 1955, Apéndice F
  13. 13,0 13,1 Tolkien 1988, cap. 7, p. 131, nota 6. «Prebe ... [estaba] baseada en Brill ... un lugar que coñecía ben».
  14. Tolkien 1955, Apéndice B, "Third Age"
  15. Tolkien 1954a, libro 2, cap. 2 «O consello de Elrond»
  16. 16,0 16,1 Tolkien 1955, libro 6, cap. 8 «Limpando a Comarca»
  17. Tolkien 1955, libro 6, cap. 9 «Os portos grises»
  18. Tolkien 1955, Apéndice F, On Translation
  19. Tolkien, J. R. R. (1967) Guide to the Names in The Lord of the Rings. Dispoñíbel en A Tolkien Compass (1975) e en The Lord of the Rings: A Reader's Companion (2005), e en liña en Guide to the Names in The Lord of the Rings en Academia.edu.
  20. Carpenter 1981 Letters #294, 8 de febreiro de 1967
  21. Carpenter 1981 Letters #213 a Deborah Webster, 25 de outubro de 1958
  22. Tolkien 1954a, "Foreword to the Second Edition"

Secundarias

[editar | editar a fonte]
  1. Tolkien, J. R. R. (1993). "Prólogo". El Señor de los Anillos. il. Alan Lee, trad. Luis Domènech e Matilde Horne. Barcelona: Minotauro. ISBN 84-450-7179-3. 
  2. Tolkien, J. R. R. (2002). "El apéndice sobre las lenguas". Los pueblos de la Tierra Media. ed. Christopher Tolkien, trad. Estela Gutiérrez Torres. Barcelona: Minotauro. ISBN 84-450-7359-1. 
  3. Tolkien, J. R. R. (1997). "Epílogo". El fin de la Tercera Edad. ed. Christopher Tolkien, trad. Elías Sarhan. Barcelona: Minotauro. ISBN 84-450-7245-5. 
  4. Tolkien, J. R. R. (1993). "Una reunión inesperada". El retorno de la sombra. ed. Christopher Tolkien, trad. Teresa Gottlieb. Barcelona: Minotauro. ISBN 84-450-7155-6. 
  5. Carpenter, Humphrey (1993). "Carta #178". Las cartas de J. R. R. Tolkien. col. Christopher Tolkien, trad. Rubén Masera. Barcelona: Minotauro. ISBN 84-450-7121-1. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 Stanton 2013, pp. 607–608.
  7. Shippey 2005, pp. 117–118.
  8. 8,0 8,1 "Insvlae Islandiae delineatio". Islandskort. Consultado o 24 febreiro de 2020. 
  9. Modelo:Cite dictionary
  10. "Moreton-in-Marsh Tourist Information and Travel Guide". cotswolds.info. Consultado o 12 de agosto de 2013. 
  11. 11,0 11,1 Shippey 2005, p. 114.
  12. "Iconic Lake District Three Shires Stone is toppled". The Westmorland Gazette. 12 de agosto de 2017. 
  13. "Whitwell Wood". Cheshire Now. Consultado o 4 de agosto de 2020. 
  14. Blackham, Robert S. (2012). J.R.R. Tolkien: Inspiring Lives. History Press. p. 88. ISBN 978-0-7524-9097-7. 
  15. Tolkien 1954a, libro 1, cap. 5 «Conspiración desenmascarada»
  16. Judd, Walter S.; Judd, Graham A. (2017). Flora of Middle-Earth: Plants of J. R. R. Tolkien's Legendarium. Oxford University Press. pp. 342–344. ISBN 978-0-19-027631-7. 
  17. Tom Shippey, Tolkien and Iceland: The Philology of Envy Arquivado 2007-10-14 en Wayback Machine.
  18. 18,0 18,1 Mills, A. D. (1993). Brill. A Dictionary of English Place-Names (Oxford University Press). p. 52. ISBN 0192831313. 
  19. ""The Prancing Pony by Barliman Butterbur"" (PDF). ADCBooks. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de abril de 2013. Consultado o 26 de setembro de 2014. 
  20. "Lord of the Rings inspiration in the archives". Explore the Past (Worcestershire Historic Environment Record). 29 de maio de 2013. 
  21. Morton, Andrew (2009). Tolkien's Bag End. Studley, Warwickshire: Brewin Books. ISBN 978-1-85858-455-3. OCLC 551485018.  Morton escribiu un informe dos seus achados para a Tolkien Library.
  22. 22,0 22,1 22,2 Shippey 2005, pp. 131–133.
  23. 23,0 23,1 A Irmandade do Anel, «Prólogo», «Da ordenación da Comarca»
  24. "bounder". Cambridge Dictionary. Consultado o 13 de setembro de 2021. 
  25. 25,0 25,1 25,2 Shippey 2005, pp. 115–118.
  26. Shippey 2005, p. 116.
  27. Shippey, Tom. Tolkien and the West Midlands: The Roots of Romance, Lembas Extra (1995), reeditado en Roots and Branches, Walking Tree (2007); map
  28. Hooker, Mark T. (2009). The Hobbitonian Anthology. Llyfrawr. p. 92. ISBN 978-1448617012. 
  29. Garth, John (2020). Tolkien's Worlds: The Places That Inspired the Writer's Imagination. Quarto Publishing. p. 20. ISBN 978-0-7112-4127-5. 
  30. "Tolkien-Themed Walk – 1st March 2015". Birmingham Conservation Trust. 13 de febreiro de 2015. Consultado o 23 de marzo de 2020. We pass the Ivy Bush where old Ham Gamgee held court 
  31. Duriez, Colin (1992). The J.R.R. Tolkien Handbook: A Comprehensive Guide to His Life, Writings, and World of Middle-earth. Baker Book House. pp. 121ff. ISBN 978-0-8010-3014-7. 
  32. Tyler, J. E. A. (1976). The Tolkien Companion. Macmillan. p. 201. ISBN 9780333196335. 
  33. Rateliff, John D. (2009). "A Kind of Elvish Craft': Tolkien as Literary Craftsman". Tolkien Studies (West Virginia University Press) 6: 11ff. doi:10.1353/tks.0.0048. 
  34. Hammond, Wayne G.; Scull, Christina (2005). The Lord of the Rings: A Reader's Companion. HarperCollins. p. 26. ISBN 978-0-00-720907-1. 
  35. Shippey 2005, pp. 198–199.
  36. Gilkeson, Austin (17 de setembro de 2018). "1977's The Hobbit Showed Us the Future of Pop Culture". TOR. Consultado o 12 de abril de 2020. 
  37. Langford, Barry (2013) [2007]. "Bakshi, Ralph (1938-)". En Drout, Michael D. C. J.R.R. Tolkien Encyclopedia: Scholarship and Critical Assessment. Routledge. pp. 47–49. ISBN 978-0-415-86511-1. 
  38. Huffstutter, P. J. (24 de outubro 2003). "Not Just a Tolkien Amount". Los Angeles Times. 
  39. Croft, Janet Brennan (2005). "Mithril Coats and Tin Ears: 'Anticipation' and 'Flattening' in Peter Jackson's The Lord of the Rings Films". En Croft, Janet Brennan. Tolkien on Film: Essays on Peter Jackson's The Lord of the Rings. Mythopoeic Press. p. 68. ISBN 1-887726-09-8. 
  40. "Innkeeper". Behind the Voice Actors. Consultado o 25 de setembro de 2020. 
  41. "David Weatherley". RBA Management. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2022. Consultado o 25 de setembro de 2020. 
  42. "Inspector Morse actor James Grout dies at 84". BBC News. 5 de xullo de 2012. Consultado o 25 de setembro de 2020. 
  43. "[Khraniteli] The Fellowship of the Ring (1991-): Full Cast & Crew". IMDb. Consultado o 7 de abril de 2021. 
  44. "Barliman Butterbur". WhatCharacter. Consultado o 25 de setembro de 2020. 
  45. Bray, Adam (21 de maio de 2012). "Hanging out in Hobbiton". CNN. Consultado o 20 de novembro de 2013. 
  46. Ocampo, Jason (2 de marzo de 2006). "Review The Lord of the Rings, The Battle for Middle-earth II Review". Consultado o 12 de abril de 2020. 
  47. "The Lord of the Rings Online Vault: The Shire". IGN. Consultado o 12 de abril de 2020. 
  48. Wolfe, Adam (6 de febreiro de 2009). "Trophy Guide – The Lord of the Rings: Conquest". Playstation Lifestyle. Consultado o 12 de abril de 2020. 
  49. "The Scouring of the Shire". Games Workshop. Consultado o 12 de abril de 2020.