Rohan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estandarte de Rohan

Rohan é un dos reinos pertencentes ó mundo fantástico de O Señor dos Aneis (do británico J. R. R. Tolkien). É un país de guerreiros e gandeiros, localizado na zona central do noroeste da Terra Media, entre o río Anduin, o Isen e as Ered Nimrais. Os seus habitantes son os descendentes dos éothéod de Rhovanion, pobos criadores de cabalos que viviron durante os primeiros séculos da Terceira Idade en Eriador e que á súa vez descendían da Segunda Casa dos Edain que abandonaron Beleriand antes das dúas últimas grandes guerras contra Morgoth.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Rohan é descrito por Tolkien como unha terra de pastos altos abaneados polo vento; en moitas ocasións Tolkien fai referencia a el como «un mar de pastos». Cara finais da Terceira Idade, durante a Guerra do Anel, Rohan tiña unha área aproximada dun terzo dos territorios de Gondor e fora orixinalmente, baixo o nome de Calenardhon, unha provincia do reino do sur.

Rexións[editar | editar a fonte]

O territorio de Rohan está organizado en tres circunscricións principais:

  • Estemnet (A Chaira do Leste): a gran rexión de pastos do reino, situada entre o río Onodló, as Ered Nimrais e a corrente do Nevado.
  • Oestemnet (A Chaira do Oeste): localízase entre o río, as Montañas Brancas e os cursos do Nevado e o Isen.
  • O Páramo: rexión situada entre o Bosque de Fangorn e o Anduin, ten como límite Norte o río Limclaro, como fronteira sur o Onodló e linda ó oeste co propio Onodló e co bosque de Fangorn. Trátase dunha meseta de escasos recursos e a finais da Terceira Idade estaba practicamente deshabitada.

Límites[editar | editar a fonte]

As fronteiras de Rohan están determinadas polos ríos Isen e Adorn ó oeste; ó sur as Montañas Brancas que o separan de Gondor; ó leste o río Anduin e a corrente do Mehring; e o Limclaro e o bosque de Fangorn ó norte.

Cidades[editar | editar a fonte]

A capital do reino é Edoras, ó pé das Ered Nimrais. No seu punto máis elevado atópase o castelo dos reis, a sala do hidromel Meduseld ou Castelo de Ouro. O Meduseld é un gran edificio de tellado dourado que foi construído por Brego, fillo de Eorl, no ano 2569. No seu interior atópase o trono dourado do rei, grandes columnas recubertas de oro e paredes con relevos das que colgan ricos tapices. Por riba de Edoras está O Sagrario, auténtico refuxio sagrado para os eotheod.

A segunda cidade máis importante é Hornburg, que está enclavada no Abismo de Helmo, conformando una fortaleza practicamente inexpugnable. En Hornburg atópanse as estancias de Aglarond, as Cavernas Escintilantes, cavidades naturais das montañas que foron ampliadas e melloradas por Gimli, fillo de Glóin.

Outra cidade de certa relevancia é Aldbühr, capital do Folde Este, que foi fundada por Gondor co nome de Calmirië.

Por último está Stowbühr, estratexicamente emprazada no curso medio do Onodló.

División política e administrativa[editar | editar a fonte]

A Marca dos Xinetes está organizada politicamente en tres distritos, que á súa vez constitúen circunscricións militares.

  • O Páramo: ó norte do Onodló, debido á súa escasa poboación non tiña case ningunha relevancia económica ou comercial, pois tódalas rutas cos vales altos do Anduin estaban a miúdo cortadas e o tráfico de Rhovanion chegaba a través de Anórien.

Folde Leste[editar | editar a fonte]

Abarca tanto as terras ó sur do Onodló como os pastos altos ó norte do río que se estenden ata o Páramo. Dende Aldbühr controlábanse as mandas de animais e o tránsito de persoas a través do Mehring.

Folde Oeste[editar | editar a fonte]

Dende Fangorn ata o Nevado, o Folde Oeste concentra nos seus vales á maioría da poboación da Marca. Hornburg é a cidade fortín máis importante.

Estrutura militar[editar | editar a fonte]

Mariscais da Marca[editar | editar a fonte]

Os emnets estaban comandados por mariscais. A súa xurisdición era absoluta, pois gobernaban en representación do rei. Durante o reinado de Théoden eran Théodred (primeiro mariscal e xefe de tódolos exércitos en ausencia do seu pai), Erkenbrand (segundo mariscal, quen tiña ó seu cargo Oestemnet) e Éomer (terceiro mariscal, que defendía Estemnet).

Cando Théodred caeu na Batalla dos Vaos do Isen, Elfhelm ocupou o seu lugar de mando dos regulares de Edoras e asumiu o cargo de segundo ó mando por detrás do restablecido rei Théoden, que asumiu o seu cargo de primeiro mariscal.

Cando Éomer chegou ó trono Elfhelm seguiu sendo o responsable da guarnición de Edoras, o que equivale a ser alto mariscal, pois en batalla era o máximo mando despois do propio rei. Erkenbrand mantívose como segundo mariscal e Estemnet, historicamente en mans da Casa de Éomund (que era a que agora gobernaba o reino), recaeu en la figura de Grimbold, membro dunha das casas máis influentes e heroe da Batalla dos Campos de Pelennor.

Éored[editar | editar a fonte]

Cabaleiro de Rohan.

É unha formación de cabalería, de número variable, pero que en tempos de guerra podía chegar ós 2.000 xinetes, perfectamente montados e equipados. Cada mariscal da marca tiña ó seu lado un éored da súa casa, é dicir, cabaleiros que respondían directamente ás ordes do mariscal e que vivían na sede de cada marca. Os demais éored estaban comandados por capitáns (como é o caso de Dúnhere), elixidos polos mariscais de acordo co seu valor e co seu adestramento.

O nome éored é de orixe anglosaxón e componse da partícula eoh- que significa ‘cabalo’ e da partícula -rad que significa ‘cabalgar’.

Éoherë[editar | editar a fonte]

Chamábase así a todo o conxunto da cabalería de Rohan e estaba composto por tódolos éored. Estaba comandada polo propio rei en persoa, xa que nunca se acantonaba á totalidade do exército salvo en caso de guerra. Aínda que probablemente en tempos da primeira liñaxe o acantonamento total puidera ter reunido cifras preto dos 30.000 xinetes, Théoden só puido reunir n'O Sagrario 10.000 cabaleiros dos cales só 6.000 acudiron a socorrer a Minas Tirith.

Ó igual que éored, o termo provén da lingua anglosaxoa, sendo a segunda partícula -herë, que significaba ‘hoste’ ou ‘exército’, é dicir, éoherë é ‘exército de cabalería’.

Infantería[editar | editar a fonte]

A infantería do reino de Rohan é case inexistente, reducíndose a guarnicións de postos fronteirizos, fortes e garda real das principais cidades. Aínda que non hai compañías de arqueiros como tal en campaña, si os hai dacabalo, sendo realmente temíbeis.

Cultura[editar | editar a fonte]

Os dúnedain de Gondor pensaban que os rohirrim estaban lonxanamente emparentados con eles (sendo descendentes dos Atanari ou Edain na Primeira Idade) e os describían como Homes Medios: non tan cultos e hábiles como os numenóreanos, pero superiores ós Homes da Escuridade, que louvaban e servían a Sauron.

Os rohirrim caracterizábanse por ser altos, fortes e de pel pálida e cabelos loiros, con ollos azuis ou verdes na súa maioría. Acostumaban levar o cabelo longo e trenzado. Eran por natureza serios, firmes e feros cos seus inimigos, pero á vez xenerosos e xoviais en tempos de paz.

Tiveron contacto cos elfos na Primeira Idade, cando aprenderon de Eru. Porén, ó igual que os dúnedain, non o adoraron en templos. Veneraban a Oromë o Cazador, ó cal chamaban Béma.

Cabalos e guerra[editar | editar a fonte]

Un estandarte de Rohan.

Os rohirrim eran recoñecidos xinetes e criadores de cabalos. O seu exército estaba principalmente composto por cabalería, dividida en unidades chamadas éoreds. Os integrantes deste exército eran na súa maioría milicia, ben adestrada, convocada en tempos de guerra; os verdadeiros soldados a tempo completo eran un grupo menor dentro da poboación. Ían armados de lanzas e espadas longas, e protexíanse con escudos redondos, un helmo lixeiro e cotas de mallas que os cubrían ata os xeonllos.

En tempos de guerra, todo home capaz de empuñar un arma era recrutado no exército; ademais estaban obrigados polo Xuramento de Eorl a axudar a Gondor en caso de necesidade. A solicitude de axuda se presentaba mediante o envío da frecha vermella ou co acendido das almenaras de Gondor, grandes fogueiras que eran prendidas en tempos de necesidade e que estaban aliñadas sobre as Montañas Brancas en Anórien setentrional.

Entre os cabalos de Rohan estaban os mearas, os máis nobres e rápidos de toda Arda; Felaróf foi o pai e o máis veloz de todos eles.

Es por esta asociación entre home e cabalo, non só en tempos de guerra, pola que recibiron o nome de rohirrim (que en sindarin significa ‘señores dos cabalos’ e Rohan (derivado de rochand, que significa ‘casa dos señores dos cabalos’).

Algúns rohirrim importantes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]