Casa Mülder

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Edificio Mülder")

Coordenadas: 42°14′25″N 08°43′20″O / 42.24028, -8.72222

Edificio Mülder en 2016.

A casa Mülder é unha construción de 1907 situada no cruzamento das rúas Monteros Ríos con Pablo Morillo, en Vigo. Trátase do mellor exemplo de arquitectura modernista existente na cidade, que ten un rico patrimonio arquitectónico neste estilo.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi construída por Manuel Gómez Román, pero asinada por Manuel Felipe Quintana.[1] O arquitecto levantou un edificio para Enrique Mülder Palmer en estilo modernista, con influencias vienesas e belgas.

Construción e estilo[editar | editar a fonte]

Vista do edificio dende a rúa Montero Ríos.

O seu estilo modernista é ben visible, na liña dos primeiros edificios do arquitecto, como o Edificio Simeón, moi próximo. Consta de tres andares con baixo, cun corpo circular na esquina rematado por unha cúpula con forma de ovo e revestida de placas cerámicas brillantes. Os vans que abarcan dous andares e os áticos por riba das cornixas danlle unha acentuada verticalidade á construción, efecto ao que contribúen tamén os pináculos por riba da cuberta.[2] Hai que destacar a esteronomía do edificio, onde as superficies chás transfórmanse en corpos saíntes curvos mediante arcos abucinados de superficie alabeada. Na planta baixa destaca o arco carpanel, e sobre ela hai un balcón corrido con aberturas curvas no petril, pechado con ferro forxado. Nos laterais da fachada principal hai dous corpos laterais que sobresaen, dándolle gran mobilidade ao edificio. Destaca na decoración o excepcional traballo de cantaría e o uso de cerámica.

Na fachada hai unha placa de granito cun relevo de bronce do busto de Manuel Gómez Román.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

 
Detalle do balcón corrido da primeira planta na fachada principal. 
Detalle do arco na entrada principal, para o acceso ao baixo comercial. 
Detalle dos azulexos

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Garrido Rodríguez, Jaime, 2000, Arquitectura da Pedra en Vigo, Construcións Conde, Vigo, p. 340.
  2. Garrido Rodríguez, Jaime, 2000, Arquitectura da Pedra en Vigo, Construcións Conde, Vigo, p. 341.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]