Guerra de Inverno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guerra de Inverno
Finn ski troops.jpg
Patrulla de esquiadores fineses o 12 de xaneiro de 1940.
Data: 30 de novembro de 193913 de marzo de 1940
Lugar: leste de Finlandia
Conflito: Segunda Guerra Mundial
Desenlace: paz interina
Resultado: Finlandia perdeu o 10% do seu territorio
Combatentes
Flag of Finland.svg Finlandia Flag of the Soviet Union.svg Unión Soviética

Flag of Finland.svg República Democrática de Finlandia

Forzas en combate
337.000 - 346.500 homes[1][2]

32 tanques
[3] 114 avións[4]

425.640 - 760.578 homes

998.100 homes (total)
2.514 - 6.541 tanques[5]
3.880 avións

Efectos
Mortes: 25.904 mortos ou desaparecidos[6]

43.557 feridos[7]
1.000 capturados[8]
957 civís en ataques aéreos[6]
20–30 tanques
62 avións
70.000 total de baixas

Mortes: 126.875 mortos ou desaparecidos

188.671 feridos[9]
5.572 capturados[10]
3.543 tanques[11][12][13]
261 - 515 avións[13][14]
323.000 total de baixas

A Guerra de Inverno (en finés: talvisota, en sueco: vinterkriget, en ruso: Зимняя война, (Zimnjaja vojna)) foi un conflito militar entre a Unión Soviética e Finlandia. Comezou cunha ofensiva soviética o día 30 de novembro de 1939 (dous meses despois do inicio da Segunda Guerra Mundial e da invasión soviética de Polonia), e rematou o 13 de marzo de 1940 co Tratado de paz de Moscova. A Sociedade de Nacións considerou o ataque ilegal e expulsou a Unión Soviética da Sociedade o 14 de decembro de 1939.

Os soviéticos tiñan tres veces máis soldados que os fineses, trinta veces máis avións, e cen veces máis tanques. O Exército Vermello, porén, fora paralizado pola Gran Purga de Iosif Stalin de 1937, reducindo a moral e a eficacia do exército pouco tempo antes do inicio da guerra. Con máis de 30.000 dos seus oficiais executados ou presos, incluídos moitos altos mandos, o Exército Vermello en 1939 tiña moitos oficiais de nivel medio e alto inexpertos. Debido a estes factores, e a alta moral das forzas finesas, Finlandia foi capaz de resistir a invasión soviética moito máis tempo do que os soviéticos agardaban.[15]

As hostilidades remataron o 13 de marzo de 1940 coa sinatura do Tratado de paz de Moscova. Finlandia cedeu o 11% dos seus territorios previos á guerra e o 30% dos seus activos económicos á Unión Soviética. As perdas no Exército Vermello foron moi altas, e a reputación internacional do país sufriu. As forzas soviéticas non cumpriron o seu obxectivo de conquistar completamente Finlandia, pero gañaron terreo substancial ao longo do lago Ladoga e territorio no norte do país.[16] Os fineses, porén, conservaron a súa soberanía e melloraron a súa reputación internacional.

O tratado de paz frustrou o plan Franco-Británico de enviar tropas a Finlandia polo norte de Escandinavia. Un dos obxectivos principais desa operación era o de tomar o control das minas de ferro do norte de Suecia e cortar a súa subministración a Alemaña.

Transfondo[editar | editar a fonte]

Política de Finlandia[editar | editar a fonte]

Ata os inicios do século XIX, Finlandia constituía a parte leste do Reino de Suecia. En 1809, para protexer a súa capital imperial, San Petersburgo, os rusos conquistaron Finlandia e convertérona nun estado tapón autónomo dentro do Imperio Ruso.[17] O Gran Ducado de Finlandia gozou dunha ampla autonomía dentro do Imperio ata finais do século, cando Rusia comezou a intentar asimilar Finlandia como parte dunha política xeral para fortalecer o goberno central e unificar o Imperio a través da Rusificación. Aínda que falidos, debido ás loitas internas en Rusia, eses intentos arruinaron as relacións cos fineses e incrementaron o apoio dos movementos pola auto-determinación en Finlandia.[18]

O estoupido da Primeira Guerra Mundial e o colapso do Imperio Ruso déronlle a Finlandia unha oportunidade; o 6 de decembro de 1917 o Senado de Finlandia declarou a independencia do país. O novo goberno bolxevique ruso era débil, e coa ameaza dunha guerra civil que se aveciñaba recoñeceu ao novo goberno finés só tres semanas despois da declaración de independencia.[18] A soberanía foi totalmente conseguida en maio de 1918 tras unha curta guerra civil e a expulsión das tropas bolxeviques.[19]

Finlandia uniuse á Sociedade de Nacións en 1920. O país solicitou garantías de seguridade á Sociedade, pero o seu obxectivo principal era a cooperación cos países escandinavos. Os militares fineses e suecos cooperaron amplamente, pero centráronse máis no intercambio de información e os plans de defensa das illas Åland que en exercicios militares, ou no almacenamento ou despregue de material. Porén, o goberno de Suecia comprometeuse coidadosamente coa política exterior de Finlandia.[20] Outra política finesa foi a cooperación militar secreta entre Finlandia e Estonia.[21]

Os anos 20 e o comezo dos 30 foron tempos politicamente inestables en Finlandia. O Partido Comunista de Finlandia foi declarado ilegal en 1931, e o Lapuan liike (Movemento Lapua) organizou actos violentos anti-comunistas, que culminaron no fracasado levantamento de 1932. A partir de entón o ultra-nacionalista Isänmaallinen kansanliike (Movemento Patriótico Popular) tivo unha presenza minoritaria (a súa máxima representación foi de 14 escanos dos 200 que conformaban o Parlamento).[22] A finais dos anos 30, a economía finesa, orientada cara a exportación, estaba en crecemento e o país case solucionara os seus problemas políticos.[23]

Relacións e políticas soviético-finesas[editar | editar a fonte]

Despois da intervencións soviética na Guerra Civil Finesa en 1918, ningún tratado de paz formal foi asinado. En 1918 e 1919 forzas voluntarias finesas levaron a cabo dúas incursións militares sen éxito a través da fronteira rusa: as expedicións Viena e Aunus. En 1920 comunistas fineses baseados na Rusia Soviética intentaron asasinar ao antigo comandante en xefe da finesa Suojeluskunta (Garda Branca), o xeneral Carl Gustaf Emil Mannerheim. O 14 de outubro de 1920, Finlandia e a Rusia Soviética asinaron o Tratado de Tartu, confirmando a nova fronteira entre os dous países igual que a vella entre o Gran Ducado de Finlandia e o Imperio Ruso. Ademais, Finlandia recibiu Petsamo, co seu porto libre de xeo no océano Ártico. A pesar da sinatura do tratado, as relacións entre os dous países mantivéronse tensas. O goberno finés permitiu a voluntarios cruzar a fronteira para apoiar o levantamento de carelia Oriental en 1921, e os comunistas fineses na Unión Soviética continuaron preparando un desquite cruzando a fronteira e realizando un ataque dentro de Finlandia, coñecido como "Läskikapina" (motín da carne de porco), en 1922.[24]

Sinatura do pacto de non-agresión en 1932

En 1932 a Unión Soviética asinou un pacto de non agresión con Finlandia, que foi reafirmado por un período de 10 anos enn 1934.[24] Porén, as relacións entre os dous países mantivéronse en gran medida de minimis. Mentres que o comercio exterior de Finlandia estaba en auxe, menos do 1% do mesmo producíase coa Unión Soviética. En 1934, a Unión Soviética uniuse á Sociedade de Nacións.[24]

Durante a época de Stalin a propaganda soviética pintou aos líderes fineses como unha "camarilla fascista, cruel e reaccionaria". O mariscal Carl Gustaf Mannerheim e Väinö Tanner, o líder do Suomen Sosialidemokraattinen Puolue (Partido Socialdemócrata Finés), foron obxecto de desprezo en particular.[25] Con Iosif Stalin gañando case o poder absoluto tras a Gran Purga de 1938, a Unión Soviética cambiou a súa política externa cara Finlandia a finais dos anos 30. A Unión Soviética comezou a perseguir a reconquista das provincias que a tsarato ruso perdera durante o caos da Revolución de Outubro e da Guerra Civil Rusa. O líder soviético cría que o vello imperio tiña unha seguridade e unhas posesións territoriais ideais, e quería que a acabada de bautizar cidade de Leningrado gozase dunha seguridade semellante.[26]

Negociacións[editar | editar a fonte]

En abril de 1938, o axente do NKVD Boris Yartsev contactou co ministro de asuntos exteriores finés Rudolf Holsti e co primeiro ministro Aimo Cajander, afirmando que a Unión Soviética non confiaba en Alemaña e que unha guerra entre os dous países era considerada posible. O Exército Vermello non agardaría pasivamente tras as fronteiras e "avanzaría para atoparse co inimigo". Os representantes fineses aseguráronlle a Yartsev que Finlandia se comprometía a unha política de neutralidade e que o país se oporía a calquera incursión armada. Yartsev suxeriulle a Finlandia que cedese ou arrendase algunhas das illas do golfo de Finlandia nas proximidades de Leningrado pero negouse.[27][28]

As negociacións continuaron ao longo de 1938 sen resultados. A recepción finesa ás peticións soviéticas foi decididamente fría, xa que a violenta colectivización e as purgas de Stalin deron unha opinión pobre do país. Ademais, gran parte da elite comunista finesa na Unión Soviética fora executada durante a Gran Purga, empanando aínda máis a súa imaxe en Finlandia. No mesmo tempo Finlandia estaba intentando negociar un plan de cooperación militar con Suecia, coa esperanza de conseguir unha defensa conxunta das illas Åland.[29]

A Unión Soviética e a Alemaña nazi asinaron o Pacto Ribbentrop-Molotov en agosto de 1939. O pacto era nominalmente un tratado de non-agresión, pero incluía un protocolo segredo polo cal os países do leste de Europa eran divididos en esferas de interese, e Finlandia caeu na esfera soviética. O 1 de setembro de 1939 Alemaña comezou a súa invasión de Polonia, e dous días despois Reino Unido e Francia declaráronlle a guerra. Pouco despois os soviéticos invadiron o leste de Polonia. Os estados bálticos foron forzados a aceptar tratados permitindo aos soviéticos establecer bases militares e estacionar tropas no seu territorio.[30] O goberno de Estonia aceptou o ultimato, asinando o correspondente acordo en setembro. Letonia e Lituania faríano no mes de outubro. Ao contrario que os países bálticos, Finlandia iniciou unha mobilización progresiva co pretexto dun "adestramento adicional de refresco".[31]

Os soviéticos xa tiñan comezado unha intensa mobilización preto da fronteira finesa entre 1938 e 1939. Porén, as tropas de asalto precisas para a invasión non comezaron a despregarse ata outubro de 1939. Os plans operacionais feitos en setembro agardaban comezar a invasión no mes de novembro.[32][33]

Preparativos da guerra[editar | editar a fonte]

O 5 de outubro de 1939 a Unión Soviética convidou a unha delegación finesa a negociar en Moscova. Juho Kusti Paasikivi, o embaixador en Suecia, foi enviado a Moscova para representar ao goberno finés.[31] Os soviéticos esixiron que a fronteira entre os dous países no istmo de Corelia se movese cara o oeste ata un punto só a 30 km ao leste de Viipuri, e que os fineses destruísen todas as fortificacións existentes no istmo. Tamén demandaron a cesión de illas no golfo de Finlandia ademais da península de Kalastajansaarento. Por outra banda, os fineses deberían abandonar a península de Hanko durante 30 anos e permitir aos soviéticos establecer unha base militar alí. A cambio, a Unión Soviética cedería dous concellos con dúas veces o territorio demandado a Finlandia.[31][34] Aceptar as peticións soviéticas forzaría aos fineses a desmantelar as súas defensas na Carelia finesa.[35]

A oferta soviética dividíu ao goberno finés, pero finalmente foi rexeitada. O 31 de outubro, na asemblea do Soviet Supremo, Molotov anunciou as demandas soviéticas en público. Os fineses realizaron dúas contra-ofertas polas que Finlandia cedía a zona de Terijoki, o cal duplicaría a distancia entre Leningrado e a fronteira, moito menos do que os soviéticos esixían.[36] Dende o punto de vista soviético as negociacións chegaran xa ao seu fin.

O bombardeo de Mainila[editar | editar a fonte]

O 26 de novembro informouse dun incidente na fronteira preto da vila de Mainila. Un posto fronteirizo soviético foi bombardeado por descoñecidos co resultado, segundo informes soviéticos, de catro gardas mortos e nove feridos. As investigacións realizadas por varios historiadores fineses e rusos chegaron á conclusión de que o ataque realizouse dende o lado soviético da fronteira por unha unidade do NKVD, co propósito de proporcionarlle á Unión Soviética un casus belli e un pretexto para rematar o pacto de non-agresión.[37]

O ministro de exteriores soviético, Vyacheslav Molotov, afirmou que foi un ataque da artillería finesa e esixiu que Finlandia se desculpase polo incidente e movese as súas tropas a 20-25 km da fronteira.[38] Finlandia negou a súa responsabilidade polo ataque, rexeitou as demandas e solicitou unha comisión soviético-finesa para investigar os feitos. A Unión Soviética dixo entón que a resposta finesa fora hostil e renunciou ao pacto de non-agresión o 28 de novembro. Noa anos seguintes a historiografía soviética describiu o incidente como unha provocación finesa. As dúbidas sobre a versión oficial soviética só apareceron a finais dos anos 80, nos tempos da glasnost. Porén, o feito continuou dividindo á historiografía rusa incluso despois do colapso da Unión Soviética.[39]

Ofensiva militar e política soviética[editar | editar a fonte]

O 30 de novembro as forzas soviéticas invadiron Finlandia con 21 divisións, que sumaban ao redor de 450.000 homes, e bombardearon Helsinki. Posteriormente o estadista finés J. K. Paasikivi comentou que o ataque soviético sen unha declaración de guerra violaba tres pactos distintos de non-agresión: o Tratado de Tartu asinado en 1920, o pacto de non-agresión entre Finlandia e a Unión Soviética asinado en 1932 e renovado en 1934, e tamén a Convención da Sociedade de Nacións, que a Unión Soviética asinara en 1934. C.G.E. Mannerheim foi nomeado comandante en xefe das forzas de defensa finesas despois do ataque soviético. Na reordenación, o goberno finés nomeou a Risto Ryti como novo primeiro ministro a Väinö Tanner ministro de exteriores.

O 1 de decembro a Unión Soviética creou un goberno tírete coa intención de dirixir Finlandia despois de que o Exército Vermello conquistase o país. Chamado República Democrática de Finlandia, estaba encabezado por O. W. Kuusinen. Este goberno tamén foi chamado "O goberno Terijoki", bautizado así pola vila de Terijoki, o primeiro lugar capturado polos soviéticos. Despois da guerra o goberno títere disolveuse. Dende o comezo da guerra a clase obreira permaneceu leal ao goberno de Helsinki. A unidade nacional finesa contra a invasión soviética sería posteriormente bautizada como o "espírito da guerra de Inverno".

No comezo da guerra Finlandia levou o tema da invasión soviética ante a Sociedade de Nacións. A Sociedade expulsaría á Unión Soviética o 14 de decembro e pediulle aos seus membros que axudasen a Finlandia.

Avance soviético cara a Liña Mannerheim[editar | editar a fonte]

Plan militar soviético[editar | editar a fonte]

Principais ataques soviéticos entre o 30 de novembro e o 22 de decembro de 1939

No comezo da guerra agardábase a vitoria total sobre Finlandia nunhas poucas semanas. O Exército Vermello acababa de rematar a invasión do leste de Polonia con menos de 1.000 baixas. As expectativas de Stalin dun rápido triunfo soviético foron amparadas polo político Andrei Zhdanov e o estratego militar Kliment Voroshilov, pero outros xenerais tiñan as súas dúbidas. O xefe do Estado Maior do Exército Vermello, Boris Shaposhnikov, avogou por unha seria preparación loxística, de apoio de lume e unha orde racional de batalla, despregando ás mellores unidades do exército. O mando militar de Zhdanov, Kirill Meretskov, informou ao comezo das hostilidades: "O terreo das futuras operacións está dividido por lagos, ríos, pantanos, e case na súa totalidade cuberto por bosques... O uso axeitado das nosas forzas será difícil". Porén, esas dúbidas non se viron reflectidas no seu despregue das tropas. Meretskov anunciou publicamente que a campaña finesa levaría como moito dúas semanas. Os soldados soviéticos tamén foran advertidos de que non cruzasen a fronteira con Suecia por erro.

As purgas de Stalin devastaran o corpo de oficiais do Exército Vermello; entre os purgados estaban tres dos seus cinco mariscais, 220 dos seus 264 mandos de división e rangos máis altos, e 36.761 oficiais de todas as graduacións. menos da metade dos oficiais continuaban en servizo. Estes foron comunmente substituídos por soldados menos competentes pero máis leais que os seus superiores. Por outra banda, os mandos das unidades estaban supervisados por un comisario político, que ratificaban as decisións militares polos seus méritos políticos, complicando aínda máis a cadea de mando soviética. Este sistema de mando dual acabou coa independencia dos oficiais de mando.

Despois das batallas de Khalkhin Gol, o alto mando soviético estaba dividido en dúas faccións. Un deles estaba representado por veteranos da Guerra Civil Española, o xeneral P V. Rychagov representando á Forza Aérea, o xeneral experto en tanques Dimitry Pavlov, e o xeneral favorito de Stalin, o mariscal Grigory Kulik, xefe de artillería. O outro bando estaba liderado por veteranos de Khalkhin Gol, o xeneral Gueorgui Zhukov, do Exército Vermello, e o xeneral G. P. Kravchenko, da Forza Aérea. baixo esta estrutura de mando dividida, as leccións da "primeira guerra a gran escala usando tanques, artillería e aviación" da Unión Soviética en Nomonhan non foron escoitadas. Como resultado, durante a Guerra de Inverno, os tanques BT rusos tiveron menos éxito e á Unión Soviética levoulle tres meses e un millón de homes máis para conseguir o que fixo Zhukov en Khalkhin Gol en dez días.

Orde de batalla soviético[editar | editar a fonte]

Os xenerais soviéticos estaban impresionados polo éxito da blitzkrieg alemá. Porén, a blitzkrieg fora adaptada para as condicións do centro de Europa, cunha densa e ben cartografada rede de estradas pavimentadas. Os exércitos que loitaban no centro do continente tiñan situados os centros de comunicacións e subministración, polo que podían ser doadamente asignados como obxectivos dos rexementos de vehículos blindados. Os centros do exército finés, pola contra, estaban no interior do país. Non había estradas pavimentadas, e incluso as vías de terra ou grava eran escasas ; a meirande parte do terreo consistía en bosques e pantanos sen camiños. Librar unha guerra lóstrego en Finlandia era unha proposta moi difícil, e o Exército Vermello non foi capaz de conseguir o nivel de coordinación táctico e de iniciativa local preciso para realizar a blitzkrieg no teatro finés.

As forzas soviéticas foron colocadas do seguinte xeito:

  • O Sétimo Exército, formado por nove divisións, un corpo de tanques e tres brigadas de tanques, foi situado no istmo de Carelia. O seu obxectivo era a cidade de Viipuri. A forza foi posteriormente dividida no 7º e o 13º Exércitos.
  • O Oitavo Exército, formado por seis divisións e unha brigada de tanques, foi situado no lago Ladoga. A súa misión era o de executar unha manobra de flanqueo ao redor da ribeira norte do lago para atacar a retagarda da liña Mannerheim.
  • O Noveno Exército, colocado para atacar o centro de Finlandia. Estaba composto por tres divisións, cunha adicional en camiño. O seu obxectivo era atacar polo centro cara o oeste e dividir o país pola metade.
  • O Décimo cuarto Exército, formado por tres divisións, estaba baseado en Múrmansk. O seu obxectivo era capturar o porto de Petsamo e despois avanzar cara a cidade de Rovaniemi.

Orde de batalla finés[editar | editar a fonte]

A estratexia finesa foi ditada pola xeografía. A fronteira coa Unión Soviética tiña máis de 1.000 quilómetros de longo, pero a meirande parte do terreo era infranqueable, coa excepción dun feixe de estradas sen pavimentar. Nos cálculos previos á guerra, o Estado Maior finés, que estableceu o seu cuartel xeral en Mikkeli, estimou que habería sete divisións soviéticas no istmo, e non máis de cinco ao longo de toda a fronteira ao norte do lago Ladoga. Nese caso, os atacantes tiñan 3 veces máis forzas. O ratio verdadeiro era moito maior; por exemplo, 12 divisións soviéticas foron despregadas no norte do lago.

Un problema aínda maior que a falta de soldados era a falta de material; os envíos do exterior de armas anti-tanque e avións chegaran en pequenas cantidades. A falta munición era alarmante, xa que só había balas e combustible para non máis de 60 días. Esta falta de munición impedía aos fineses contraatacar coa artillería ou facer fogo de saturación. As unidades de tanques finesas eran operacionalmente inexistentes.

As forzas finesas estaban situadas como se indica:

  • O Exército do Istmo estaba formado por seis divisións baixo o mando de Hugo Österman. O II. Corpo do Exército estaba situado no flanco dereito e o III. no flanco esquerdo.
  • O IV. Corpo do Exército estaba localizado no lago Ladoga. Estaba formado por dúas divisións baixo o mando de Juho Heiskanen, que ao pouco tempo foi substituído por Woldemar Hägglund.
  • O Grupo Norte de Finlandia era unha colección de gardas Cívicos, gardas de fronteira, e unidades de reservistas dirixidos por Wiljo Tuompo.

Primeiras batallas[editar | editar a fonte]

Diagrama da batalla no istmo de Corelia que ilustra as posicións das tropas soviéticas e finesas. The Red Army penetrated dozens of kilometers into Finnish territory, but stopped at the Mannerheim Line.
A situación da guerra en decembro. As unidades soviéticas chegaran á principal liña finesa de defensa, a liña Mannerheim, no istmo de Carelia.      Liña Mannerheim     División finesa (XX) ou Corpo (XXX)     División soviética (XX), Corpo (XXX) ou Exército (XXXX) -XX- Límite de división finesa
-XXX- Límite de corpo finés

A liña Mannerheim, unha serie de estruturas defensivas finesas, estaba localizada no istmo de Carelia duns 30 a 75 km da fronteira soviética. O número de soldados do Exército Vermello no istmo era duns 250.000 contra 130.000 fineses. O mando finés despregou unha forza de cobertura duns 21.000 homes na zona en fronte da liña co obxectivo de atrasar e danar ao Exército Vermello antes de que alcanzase as defensas.

En combate, a principal causa de confusión entre os soldados fineses foron os tanques soviético. Os fineses tiñan poucas armas anti-tanque e un adestramento insuficiente en tácticas de loita moderna contra este tipo de vehículos. Porén, a principal táctica utilizada polos tanques era unha sinxela carga frontal, e a debilidade desa táctica podía ser doadamente aproveitada. Os fineses aprenderon que a unha distancia próxima os tanques podían ser atacados de moitas formas; por exemplo, troncos e barras de ferro situados entre as rodas podían inmobilizar un tanque. Ao pouco tempo os fineses idearon unha mellor arma para ese propósito, o cóctel Molotov. Tratábase dunha botella de cristal enchida con líquido inflamable, cunha sinxela mecha. Os cócteis Molotov serían finalmente producidos en masa pola compañía finesa Alko, con mistos incluídos para poder prendelos. Oitenta tanques soviéticos foron destruídos na zona de combate da fronteira.

Cara o 6 de decembro todas as forzas de cobertura finesas retiráranse cara a liña Mannerheim. O Exército Vermello comezara o seu primeiro gran ataque cara a liña en Taipale (a zona entre a ribeira do lago Ladoga, o río Taipale e a canle de Suvanto). Ao longo do sector de Suvanto, os fineses tiñan unha lixeira vantaxe pola altura e a terra seca que permitía cavar nela. A artillería finesa explorara a zona e tiña feitos xa plans para disparar, anticipándose ao asalto soviético. A batalla de Taipale comezou con 48 horas de ataque da artillería soviética. Despois do bombardeo, a infantería soviética atacou a través do terreo aberto, pero foi rexeitado con graves perdas. Do 6 ao 12 de decembro, o Exército Vermello continuou intentando atacar cunha soa división. Despois diso reforzou a súa artillería e trouxo tanques e a 10ª división de fusileiros ata a fronte de Taipale. O 14 de decembro as reforzadas forzas soviéticas lanzaron un novo ataque pero foron rexeitadas novamente. Unha terceira división entrou na loita pero con resultados moi pobres, e entrou en pánico baixo o fogo da artillería finesa. Os asaltos continuaron sen éxito, e o Exército Vermello sofreu grandes perdas. Un ataque típico dos soviéticos durante a batalla adoitaba a rematar en só unha hora con 1.000 mortos e 27 tanques abandonados no xeo.

Ao norte do lago Ladoga, na fronte de Ladoga Carelia, as unidades defensoras finesas confiaron no terreo. Ladoga Carelia era un gran bosque virxe e non tiña unha rede de estradas para o moderno Exército Vermello. Porén, o Oitavo Exército soviético estendera unha nola liña de ferrocarril ata a fronteira, a cal podía duplicar a capacidade de subministración cara a fronte. Pero o 12 de decembro o avance da 139ª división de fusileiros soviética, apoiada, pola 56ª división de fusileiros, foi derrotada na Batalla de Tolvajärvi por unha forza moito menor baixo o mando de Paavo Talvela, converténdose na primeira vitoria finesa da guerra.

No centro e no norte de Finlandia as estradas eran escasas e o terreo hostil. Os fineses non agardaban ataques a gran escala, pero os soviéticos enviaron oito divisións, fortemente apoiadas por blindados e artillería. A 155ª división de fusileiros atacou en Lieksa, e máis ao norte a 44ª división atacou Kuhmo. A 163ª división de fusileiros foi despregada en Suomussalmi coa misión de partir Finlandia en dous marchando sobre a estrada de Raate. Na Laponia finesa as 88ª e 122ª divisións de fusileiros soviéticas atacaron Salla. O porto ártico de Petsamo foi atacado pola 104ª división de fusileiros de montaña por mar e por terra, apoiada por artillería naval.

Defensa de Finlandia[editar | editar a fonte]

Condicións meteorolóxicas[editar | editar a fonte]

O inverno de 1939-1940 foi excepcionalmente frío. Un lugar do istmo de Carelia experimentou unha temperatura récord de −43 °C o día 16 de xaneiro de 1940. No comezo da guerra só aqueles soldados fineses que estaban en servizo activo tiñan uniformes e armas. O resto tivo que loitar coa súa propia roupa, prendas de inverno co único engadido dunha insignia. Os soldados fineses nese clima tiñan a vantaxe de ser expertos no esquí de fondo.

O frío, a neve, o bosque e as longas horas de escuridade eran factores que podían favorecer aos fineses. Levaban capas de roupa, e as tropas esquiadoras vestían unha camuflaxe branco nevado. Este camuflaxe facíaos case invisibles, e adicáronse a realizar ataques de guerrilla contra as columnas soviéticas. Ao comezo da guerra os tanques soviéticos estaban pintados na cor estándar verde oliv, e os homes vestían os uniformes caqui regulares. Non foi ata xaneiro de 1940 cando os soviéticos pintaron o seu equipo de branco e proporcionáronlle traxes de inverno á súa infantería.

A meirande parte dos soldados soviéticos tiñan roupas de inverno axeitadas, pero algunhas unidades non estaban ben equipadas. Na batalla de Suomussalmi moitos soldados morreron de queimaduras por conxelación. As tropas soviéticas non tiñan habilidades de esquí, polo que os seus movementos restrinxíanse ás estradas e víronse forzados a marchar en longas columnas. Ademais, o Exército Vermello carecía de tendas para o inverno e os homes tiñan que durmir en improvisados refuxios. Algunhas unidades soviéticas tiveron ata un 10% de baixas por conxelación antes de cruzar a fronteira finesa. A pesares disto, o clima frío proporcionoulles unha vantaxe: os tanques soviéticos podían moverse con máis facilidade sobre o terreo e os corpos de auga conxelados, en lugar de quedar inmobilizados nos pantanos e na lama.

Antes da Guerra de Inverno ningún exército loitara nesas condicións de conxelación. Nos hospitais de campaña operábase e se realizaban amputacións a −20 °C, mentres tras as lonas dos mesmos chegábanse a temperaturas de -30°C. Os soldados fineses feridos podían contar cunha sala de operacións climatizada, e isto mellorou as súas habilidades de loita mentres empeoraba as dos soviéticos.

Tácticas finesas[editar | editar a fonte]

Nas batallas dende Ladoga Carelia ata o porto de Petsamo os fineses usaron tácticas de guerrilla. O Exército Vermello era superior en número e material, pero os fineses usaron as vantaxes da velocidade, as tácticas e a economía das forzas. Particularmenta na fronte de Ladoga Carelia e durante a batalla da estrada Raate, os fineses illaron a pequenas porcións das forzas soviéticas superiores en número. Cos soviéticos divididos en pequenos grupos, os fineses podían loitar con eles individualmente e atacar dende todos lados.

Para moitas das cercadas tropas soviéticas en bolsas (motti en finés), manterse con vida era un calvario semellante ao combate. Os homes morrían de fame e conxelación e soportaban moi malas condicións sanitarias. O historiador William R. Trotter describe esas condicións así: "O soldado soviético non tiña elección. Se se negaba a loitar, podía ser fusilado. Se intentaba meterse no bosque, morrería de conxelación. E a rendición non era unha opción para el; a propaganda soviética dicíalle que os fineses torturaban aos prisioneiros ata a morte".

Defensa da liña Mannerheim[editar | editar a fonte]

Trincheiras na liña Mannerheim

O terreo no istmo de carelia non permitía a utilización de tácticas de guerrilla, polo que os fineses víronse forzados a recorrer á máis convencional liña Mannerheim, cos seus flancos protexidos por grandes corpos de auga. A propaganda soviética afirmaba que era tan forte ou máis que a liña Maginot francesa. Os historiadores fineses, pola súa banda, menosprezaron a forza da liña, insistindo en que na súa maior parte estaba formada por trincheiras e refuxios cubertos por troncos convencionais.

Os fineses construíran 221 puntos fortes ao longo do istmo de Carelia, a meirande parte deles a comezos dos anos 20. Moitos foron ampliados a finais dos 30. A pesar desas preparacións defensivas, incluso as partes más preparadas da liña Mannerheim só tiñan un búnker de formigón armado por quilómetro. En xeral, a liña era máis débil que outras liñas defensivas semellantes de Europa. Segundo os fineses, a fortaleza real da liña eran os "túzaros defensores con moito sisu" (unha expresión que podería traducirse como valor ou espírito de loita).

No lado leste do istmo o Exército Vermello intentou abrirse paso a través da liña na batalla de Taipale. No lado oeste as unidades soviéticas encararon á liña finesa en Summa, preto da vila de Viipuri, o día 16 de decembro. Os fineses construíran 41 bunquers de cemento reforzados na zona de Summa, facendo a liña defensiva máis forte nesa área que calquera outra do istmo de Carelia. Porén, debido a un erro de planificación, o pantano próximo de Munasuo tiña un oco de 1 quilómetro de ancho na liña Durante a primeira batalla de Summa un feixe de tanques atravesaron a delgada liña o 19 de decembro, aínda que os soviéticos non aproveitaron a situación debido á escasa colaboración entre as distintas unidades do exército. Os fineses permaneceron nas súas trincheiras, permitindo aos tanques soviéticos moverse con liberdade entre as liñas finesa, xa que os defensores non tiñan armas anti-tanque axeitadas. Porén, os fineses tiveron éxito rexeitando o principal ataque inimigo. Os tanques, atrapados tras as liñas inimigas, atacaron os puntos fortes de forma aleatoria ata que finalmente foron destruídos (20 en total). Cara o 22 de decembro a batalla rematou cunha vitoria finesa.

O avance soviético detívose na liña Mannerheim. As tropas do Exército Vermello tiñan a moral baixa e escaseza de subministracións, polo que finalmente rexeitaron participar en máis ataques frontais suicidas. Os fineses, liderados polo xeneral Harald Öhquist, decidiron lanzar un contraataque e rodear a tres divisións soviéticas nun motti preto de Viipuri o 23 de decembro. O plan de Öhquist era audaz, pero fracasou. Os fineses perderon 1.300 homes, e os soviéticos estimaron posteriormente que perderan un número semellante.

Batallas en Ladoga Carelia[editar | editar a fonte]

A forza do Exército Vermello ao norte do lago Ladoga (en Ladoga carelia) sorprendeu ao Estado Maior finés. Dúas divisións finesas foron despregadas alí: a 12ª división liderada por Lauri Tiainen e a 13ª división dirixida por Hannu Hannuksela. Tamén tiñan o apoio dun grupo de tres brigadas, sendo a súa forza total duns 30.000 homes. Os soviéticos despregaron unha división en case todas as estradas que conducían cara o oeste dende a fronteira. O Oitavo Exército estaba liderado por Ivan Khabarov, que foi substituído por Grigori Shtern o 13 de setembro. A misión dos soviéticos era destruír as tropas finesas da zona de Ladoga Carelia e avanzar cara a área entre Sortavala e Joensuu nun prazo de dez días. Os soviéticos tiñan unha vantaxe de 3:1 e homes e de 5:1 en artillería, a demais de ter a supremacía aérea.

Batallas en Lagoga Carelia.

As forzas finesas asustáronse e retiráronse ante a impresionante fronte soviética. O comandante do IV Corpo do Exército finés foi substituído por Woldemar Hägglund o 4 de decembro. O 7 de decembro, na metade da fronte de Ladoga Carelia, as unidades finesas retrocederon ata preto do río Kollaa. Este non ofrecía protección de seu, pero ao longo do seu curso había cristas de ata 10 metros de alto. A batalla de Kollaa durou ata o final da guerra. Unha famosa frase, "Kollaa resistirá" (finés: Kollaa kestää) converteuse nun lema lendario entre os fineses. Ademais, á lenda de Kollaa contribuíu o deancotirador Simo Häyhä, alcumado "a morte branca" polos soviéticos, que serviu na fronte de Kollaa e matou a 505 soldados inimigos confirmados. Cara o norte os fineses retiráronse dende Ägläjärvi cara Tolvajärvi o 5 de decembro e rexeitaron unha ofensiva soviética na batalla de Tolvajärvi o 11 de decembro.

No sur, dúas divisións soviéticas uníronse no lado norte da estrada costeira do lago Ladoga. Ao igual que con anterioridade, esas divisións foron atrapadas polas unidades finesas con máis mobilidade que foron capaces de contraatacar dende o norte cara o flanco das columnas soviéticas. O 19 de decembro o fineses cesaron temporalmente os seus asaltos, xa que os soldados estaban exhaustos. Non foi ata o período entre o 6 e o 16 de xaneiro de 1940 cando os fineses atacaron novamente, cortando á división soviética en grupos máis pequenos en mottis de distintos tamaños.

Contrariamente ás expectativas finesas, as divisións soviéticas cercadas non intentaron abrirse paso cara o leste e atrincheiráronse, agardando reforzos e subministracións por aire. Como os fineses non tiñan a suficiente artillería pesada e estaban escasos de homes non adoitaban a facer ataques directos aos mottis; na súa vez centrábanse en eliminar as ameazas máis perigosas. A miúdo as tácticas dos motti non formaban parte dunha doutrina planificada senón máis ben eran unha adaptación dos fineses ao comportamento das tropas soviéticas baixo o seu fogo.

A pesar do frío e da fame os soldados soviéticos non se rendían doadamente e loitaban con valentía, a miúdo afianzando os seus tanques para ser usados como fortíns e construíndo refuxios de madeira. Algúns soldados especialistas fineses foron chamados para atacar os mottis; o máis famoso foi o maior Matti Aarnio, ou "Motti-Matti", como foi coñecido.

No norte de Carelia, as forzas soviéticas foron máis hábiles en Ilomantsi e Lieksa. Os fineses usaron efectivas tácticas de guerrilla, collendo unha especial vantaxe polas súas superiores habilidades esquiando e pola súa camuflaxe, executando moitos ataques e emboscadas sorpresa. Cara o final de decembro os soviéticos decidiron retroceder e transferir recursos a outras frontes máis críticas.

Operación Suomussalmi–Raate[editar | editar a fonte]

A Suomussalmi–Raate foi unha operación dobre, que posteriormente sería usado por académicos militares como un exemplo clásico de o que tropas ben dirixidas e tácticas innovadoras poden facer contra un inimigo moito maior. Suomussalmi era un pequeno pobo de 4.000 habitantes. A zona tiña grandes lagos, moitos bosques virxes e poucas estradas. O mando finés cría que os soviéticos non poderían atacar alí, pero o Exército Vermello enviou dúas divisións á zona con ordes de cruzar os bosques, capturar a cidade de Oulu e finalmente cortar Finlandia en dous. Había dúas estradas que conducían a Suomussalmi dende a fronteira: a estrada de Juntusranta no norte e a de Raate no sur.

A batalla da estrada de Raate, ocorrida durante o mes que durou a batalla de Suomussalmi, deu lugar a unha das maiores perdas da guerra de Inverno. A 44ª división e partes da 163ª división soviética, e total uns 14.000 homes, foron case completamente esnaquizadas por unha emboscada finesa mentres marchaban ao longo dunha estrada a través do bosque. Unha pequena unidade bloqueou o avance soviético mentres que o coronel finés Hjalmar Siilasvuo e a sía 9ª división cortou o camiño de retirada, dividindo as forzas inimigas en pequenos fragmentos, e posteriormente procedendo a destruír os grupos separados a medida que estes se retiraban. Os soviéticos sufriron 7.000 - 9.000 baixas, mentres que os fineses perderon unicamente uns 400 homes. Ademais, as tropas finesas capturaron ducias de tanques, pezas de artillería, canóns ati-tanque, centos de camións, case 2.000 cabalos, milleiros de rifles, munición e subministracións médicas.

Laponia finesa[editar | editar a fonte]

Soldados soviéticos en trincheiras

Na Laponia finesa, os bosques facíanse menos densos cara o norte, onde non había árbores. Polo tanto, a zona era ideal para o despregue de tanques, aínda que estaba despoboado e sufría abundantes nevadas. Os fineses só agardaban ataques parciais e patrullas de recoñecemento, pero os soviéticos enviaron divisións completas. O 11 de decembro os fineses reorganizaron a defensa de Laponia e crearon o Grupo Laponia a partir do Grupo Norte de Finlandia, liderado por Kurt Wallenius.

No sur de Laponia, preto do pequeno pobo rural de Salla, as forzas soviéticas avanzaron con dúas divisións, a 88ª e a 112ª, cun total de 35.000 homes. Na batalla de Salla os soviéticos avanzaron doadamente cara o pobo, onde o camiño se bifurcaba. As tropas do lado norte movéronse cara Pelkosenniemi, mentres que o resto dirixiuse cara Kemijärvi. O 17 de decembro o grupo norte soviético, formado por un rexemento de infantería, un batallón e unha compañía de tanques, foi flanqueado por un batallón finés. A 112ª división retrocedeu, deixando gran parte do seu equipo pesado e dos seus vehículos atrás. Despois dese éxito os fineses transportaron reforzos cara a liña defensiva en fronte de Kemijärvi. Os soviéticos atacaron as defensas sen éxito. Os fineses contraatacaron e os soviéticos tiveron que retroceder cara unha nova liña defensiva onde permaneceron o resto da guerra.

Cara o norte estaba o único porto de Finlandia libre de xeo no Ártico, Petsamo. Os fineses non tiñan homes suficientes para defender a zona ao igual que fixeran no istmo de Carelia. Na batalla de Petsamo a 104ª división soviética atacou á 104ª compañía de cobertura independente finesa. Estes entregaron doadamente Petsamo e concentráronse en accións para atrasar aos soviéticos. A zona no tiña árbores, facía moito vento e era relativamente baixa, polo que non ofrecía moitas opcións de defensa. Porén, durante o inverno, os fineses de Laponia tiñan a vantaxe da case constante escuridade e das temperaturas extremas. Os fineses realizaron ataques de guerrilla contra as liñas de subministración e patrullas soviéticas. Como resultado, os movementos soviéticos foron detidos.

Ruptura soviética da liña Mannerheim[editar | editar a fonte]

Cambios no Exército Vermello e preparación da ofensiva[editar | editar a fonte]

Iosif Stalin non estaba satisfeito cos resultados do primeiro mes da campaña finesa. O Exército Vermello fora humillado. Cara a terceira semana da guerra a propaganda soviética estivera traballando duro para explicar os erros do exército soviético á poboación: culpaban ao mal terreo e ao duro clima, e falsamente afirmaba que a liña Mannerheim era máis forte que a liña Maginot, e que os estadounidense enviaran 1.000 dos seus mellores pilotos a Finlandia. Ao Xefe do Estado Maior Boris Shaposhnikov déuselle o poder total sobre as operacións no teatro finés, e ordenou a suspensión dos ataques frontais a finais de decembro. Kliment Voroshilov foi substituído por Semyon Timoshenko como mando das forzas soviéticas na guerra o 7 de xaneiro.

O obxectivo principal do ataque soviético cambiouse ao istmo de Carelia. Timoshenko e Zhdanov reorganizaron e reforzaron o control entre as diferentes unidades en servizo no Exército Vermello. Tamén cambiaron as doutrinas tácticas para responder á realidade da situación. Todas as forzas soviéticas do istmo de Carelia dividíronse en dous exércitos: o 7º e o 13º Exército. O primeiro deles, agora baixo o mando de Kirill Meretskov, concentraría o 75% da súa forza contra os 16 km de extensión da liña Mannerheim entre Taipale e o pantano de Munasuo. As tácticas serían básicas: unha cuña blindada para o ataque inicial, seguida pola principal forza de infantería e de vehículos de asalto. O Exército Vermello preparouse para localizar as fortificacións finesas de primeira liña. A 123ª división de asalto ensaiou o ataque con maquetas a tamaño natural. Os soviéticos enviaron un gran número de novos tanques e pezas de artillería á zona. As tropas incrementáronse de 10 a 25-26 divisións, seis ou sete brigadas de tanques e varios pelotóns blindados independentes, totalizando 600.000 homes. O 1 de febreiro o Exército Vermello comezou unha ofensiva masiva, disparando 300.000 proxectís de artillería sobre as liñas finesas nas 24 primeiras horas de bombardeo.

Ofensiva total soviética no istmo de Carelia[editar | editar a fonte]

Aínda que a fronte do istmo de Carelia estivo menos activo en xaneiro que en decembro, os soviéticos comezaron a incrementar os bombardeos, desgastando aos defensores e minguando as súas fortificacións. Durante as horas de día, os fineses refuxiábanse dentro das fortificacións e reparábanas durante a noite. A situación rapidamente levou á extenuación dos defensores, que perderon uns 3.000 homes na guerra de trincheiras. Os soviéticos tamén fixeron algúns pequenos ataques de infantería ocasionalmente cunha ou dúas compañías. Debido á escaseza de munición, os emprazamentos artilleiros fineses recibiron a orde de disparar só contra ameazas directas. O 1 de febreiro os soviéticos intensificaron aínda máis os ataques de artillería e os bombardeos aéreos.

Situación no derradeiro día da guerra

Aínda que os soviéticos refinaron as súas tácticas e a súa moral mellorou, os xenerais aínda estaban dispostos a aceptar perdas masivas para conseguir os seus obxectivos. Os ataques cubríanse con cortinas de fume, artillería pesada e apoio blindado, pero a infantería cargaba en campo aberto e en formacións densas. A diferencia das tácticas de decembro, os tanques soviéticos avanzaban en números pequenos. Os fineses non podían eliminar doadamente os tanques se a infantería os protexía. Despois de 10 días de descargas de artillería durante as 24 horas, os soviéticos lograron un gran avance no lado oeste do istmo na segunda batalla de Summa.

O 11 de febreiro os soviéticos tiñan ao redor de 460.000 homes, sobre 3.350 pezas de artillería, uns 3.000 tanques e 1.300 avións despregados no istmo de Carelia. O Exército Vermello estivo constantemente recibindo novos soldados dende a ruptura. No lado contrario, os fineses dispuñan de oito divisións, cun total de 150.000 homes. Un por un, os bastións dos defensores foron caendo baixo os ataques soviéticos e os fineses víronse forzados a retroceder. O 15 de febreiro Mannerheim autorizou unha retirada xeral do Segundo Corpo á anterior liña defensiva. No lado este do istmo os fineses continuaron resistindo os asaltos, rexeitando aos soviéticos na batalla de Taipale.

Negociacións de paz[editar | editar a fonte]

Aínda que os fineses intentaron re-abrir as negociacións con Moscova de todos os xeitos posibles durante a guerra, os soviéticos non responderon. A principios de xaneiro, a dramaturga comunista e feminista finesa Hella Wuolijoki contactou co goberno finés. Ofreceuse a contactar con Moscova a través da embaixadora da Unión Soviética en Suecia, Alexandra Kollontai. Wuolijoki partiu cara Estocolmo e reuniuse con Kollontai nun hotel en segredo. Ao pouco tempo Molotov decidiu recoñecer ao goberno de Ryti–Tanner como o goberno legal de Finlandia e poñer fin ao goberno títere de Terijoki Government que os soviéticos instalaran.[40]

Cara mediados de febreiro quedou claro que as forzas finesas se achegaban rapidamente á extenuación. Para os soviéticos as baixas eran altas, a situación era unha fonte de vergoña para o réxime soviético, e había risco dunha intervención franco-británica. Ademais, co desxeo de primavera aproximándose, as forzas soviéticas arriscábanse a perderse nos bosques. O ministro de exteriores finés, Väinö Tanner, chegou a Estocolmo o 12 de febreiro e negociou os termos de paz cos soviéticos a través dos suecos.. Representantes alemáns, non conscientes de que as negociacións se estaban levando a cabo, suxeriron o 17 de febreiro que Finlandia negociase coa Unión Soviética.[41]

Tanto os alemáns como os suecos desexaban que a guerra rematase. Alemaña temía perder o ferro do norte de Suecia e ameazou con atacar se os suecos permitían pasar ás forzas aliadas. Os alemáns tiñan un plan teórico de invasión chamado Studie Nord contra os países escandinavos, que posteriormente converteuse na Operación Weserübung.[42] Cando o Consello de Ministros de Finlandia vacilou ante as duras condicións soviéticas, o rei sueco Gustav V fixo unha declaración pública o 19 de febreiro, na cal confirmaba que rexeitara as peticións dos fineses para que se enviasen tropas suecas. O 25 de febreiro describíronse en detalle os termos de paz soviéticos, e o 25 de febreiro os goberno finés aceptounos e amosouse disposto a iniciar as negociacións.[43]

Últimos días da guerra[editar | editar a fonte]

O 5 de marzo o Exército Vermello avanzou entre 10 e 15 km tras a liña Mannerheim e entrou nos suburbios de Viipuri. O mesmo día os soviéticos estableceron unha cabeza de praia no oeste do golfo de Viipuri. Os fineses propuxeron un armisticio ese día, pero os soviéticos, agardando manter a presión sobre o goberno finés, rexeitaron a oferta ao día seguinte. A delegación de paz finesa viaxou a Moscova, a través de Estocolmo, a onde chegou o 7 de marzo. Os soviéticos fixeron máis demandas xa que a súa situación militar era forte e estaba mellorando. O 9 de marzo a situación militar finesa no istmo de Carelia era grave, xa que as tropas estaban experimentando serias perdas. Ademais, non quedaba munición de artillería e as armas estaban esgotándose. O goberno finés, decatándose de que a agardada expedición franco-británica non chegaría a tempo, xa que Noruega e Suecia non concederan permiso de paso ás tropas, tiña poucas opcións e aceptou os termos soviéticos.[44] O tratado formal de paz foi asinado en Moscova o 12 de marzo. O alto o fogo fíxose efectivo no día seguinte ao mediodía pola hora de Leningrado (11:00 a.m. en Helsinki).[45]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Palokangas (1999), pp. 299–300
  2. Juutilainen & Koskimaa (2005), p. 83
  3. Palokangas (1999), p. 318
  4. Peltonen (1999)
  5. Kantakoski (1998), p. 260
  6. 6,0 6,1 Kurenmaa and Lentilä (2005).
  7. Lentilä and Juutilainen (1999), p. 821
  8. Malmi (1999), p. 792
  9. Krivosheyev (1997), pp. 77–78.
  10. Manninen (1999b), p. 815
  11. Kilin (1999)
  12. Kantakoski (1998), p. 286
  13. 13,0 13,1 Manninen (1999b), pp. 810–811.
  14. Kilin (1999), p. 381
  15. Ries (1988), pp. 79–80
  16. VanDyke (1997), p. 44
  17. Trotter 2002, pp. 3–5
  18. 18,0 18,1 Trotter (2002), pp. 4–6.
  19. Jowett & Snodgrass (2006), p. 3
  20. Turtola (1999a), pp. 21–24
  21. Turtola (1999a), pp. 33–34
  22. Edwards (2006), pp. 26–27
  23. Edwards (2006), p. 18.
  24. 24,0 24,1 24,2 Turtola (1999a), pp. 30–33.
  25. Edwards (2006), pp. 32–33
  26. Edwards (2006), pp. 28–29.
  27. Trotter (2002), pp. 12–13
  28. Turtola (1999a), pp. 32–33
  29. Turtola (1999a), pp. 34–35
  30. Engle and Paananen (1985), p. 6
  31. 31,0 31,1 31,2 Turtola (1999a), pp. 38–41.
  32. Ries (1988), pp. 55–56
  33. Manninen (1999a), pp. 141–148
  34. Trotter (2002), pp. 14–16
  35. Jowett & Snodgrass (2006), p. 4
  36. Turtola (1999a), pp. 41–43
  37. Ries (1988), pp. 77–78
  38. Tanner (1950), pp. 85–86
  39. Kilin (2007a), pp. 99–100
  40. Trotter (2002), pp. 234–235
  41. Trotter (2002), pp. 246–247
  42. Edwards (2006), p. 261
  43. Trotter (2002), pp. 247–248
  44. Trotter (2002), pp. 249–251
  45. Trotter (2002), p. 254

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

P military green.png
A Galipedia ten un portal sobre:
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Guerra de Inverno

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Condon, Richard. Traducido por López-Pozas Carreño, Carlos (1976) (en castelán). Guerra de invierno : Rusia contra Finlandia. Madrid: San Martín S.L.. ISBN 84-7140-128-2.
  • Edwards, Robert. (2006) (en inglés). White Death: Russia's War on Finland 1939–40. Londres: Weidenfeld & Nicolson. ISBN 978-0-297-84630-7.
  • Palokangas, Markku. (1999) (en finés). Suomalaisjoukkojen aseistus ja varustus.
  • Ries, Tomas. (1988) (en inglés). Cold Will: The Defense of Finland. Londres: Brassey's Defence Publishers. ISBN 0-08-033592-6.
  • Trotter, William R. (1991) (en inglés). The Winter War: The Russo–Finnish War of 1939–40. Nova York: Workman Publishing Company. ISBN 1-85410-881-6.
  • Van Dyke, Carl. (1997) (en inglés). The Soviet Invasion of Finland, 1939–40. Routledge. ISBN 0-7146-4314-9.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]