Batalla de Okinawa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Okinawa
Parte de a Guerra do Pacífico da Segunda Guerra Mundial
Ww2 158.jpg
Un infante de Mariña da 1.ª División abre fogo co seu Thompson, mentres o seu compañeiro se cobre.
Data 1 de abril de 194521 de xuño de 1945
Lugar Okinawa
Resultado Vitoria Aliada
Belixerantes
US flag 48 stars.svg Estados Unidos
Reino Unido Reino Unido (só forzas navais)
Flag of Japan.svg Imperio do Xapón
Líderes
US flag 48 stars.svg Simon Bolivar Buckner

US flag 48 stars.svg Roy Geiger
US flag 48 stars.svg Joseph Stilwell
US flag 48 stars.svg Chester W. Nimitz
US flag 48 stars.svg Raymond A. Spruance
Flag of the United Kingdom.svg Bruce Fraser

Flag of Japan.svg Mitsuru Ushijima

Flag of Japan.svg Isamu Chō
Flag of Japan.svg Hiromichi Yahara
Flag of Japan.svg Minoru Ota
Flag of Japan.svg Keizō Komura

Forzas en combate
183 000 marines e soldados do exército[1] 107 000 soldados
24 000 milicianos
Baixas
12 520 mortos ou desaparecidos
36 631 feridos[2]
110 000 mortos aproximadamente
7 400 prisioneiros[2]

A Batalla de Okinawa (nome en clave: Operación Iceberg), librouse na illa de Ryukyu de Okinawa e foi o maior asalto anfibio na Guerra do Pacífico.[3][4] Combateuse durante 82 días, desde principios de abril até mediados de xuño de 1945.

A batalla denominouse Tifón de Aceiro en inglés Typhoon of Steel, e chuvia de aceiro (Tetsu no ame) ou vento violento de aceiro (Tetsu no Bofu) en xaponés. Estas denominacións dan conta da ferocidade dos combates, a intensidade dos disparos, e a enorme cantidade de buques aliados e vehículos blindados que asaltaron a illa. A batalla resultou ser unha das que tivo máis vítimas, civís e militares, en toda a Segunda Guerra Mundial: a totalidade dos falecidos supera o cuarto de millón. Cinco divisións do XXIV Corpo dos EUA, a 7.ª, 27.ª, 77.ª, 81.ª e 96.ª, e dúas divisións de Marines, a 1.ª e 6.ª, combateron na illa, mentres que a 2.ª División de Marines se mantivo en reserva e non se planteou que desembarcara. A invasión foi apoiada por forzas aéreas navais, anfibias e tácticas.

O obxectivo principal da operación era apoderarse da gran illa de Okinawa a só 340 km de distancia do Xapón. Despois dunha longa campaña de ir choutando de illa en illa (os estadounidenses denominaron isto island hopping), os Aliados achegábanse ao Xapón, e planearon usar Okinawa como base para as operacións aéreas para invadir o territorio xaponés, co nome en clave Operación Downfall. Finalmente os bombardeos atómicos sobre Hiroshima e Nagasaki e a entrada soviética na guerra provocarían a rendición do Xapón tan só unhas semanas despois da fin dos combates en Okinawa.

Orde de batalla[editar | editar a fonte]

Forzas terrestres[editar | editar a fonte]

As forzas terrestres estadounidenses encadrábanse dentro do X Exército, comandado polo Tenente Xeneral Simon Bolivar Buckner, Jr. O X Exército estaba composto por dous corpos: o III Corpo Anfibio comandado polo Xeneral Maior Roy Geiger, que se compoñía da 1.ª e 6.ª División de Marines, e o XXIV Corpo baixo o mando do Xeneral Maior John R. Hodge, que se compoñía da 7.ª e 96.ª Divisións de Infantería. A 2.ª División de Marines e o X Exército tamén controlaba a 27.ª e 77.ª Divisións de Infantería, que nun principio manteríanse en reserva. En total, o X Exército contaba con máis de 180 000 homes, 102 000 do exército e 81 000 do Corpo de Marines.

A forza xaponesa (sobre todo defensiva) na campaña compoñíase duns 67.000 efectivos pertencentes ao 32.º Exército e uns 9000 efectivos da Armada Imperial Xaponesa que se encontraban na Base Naval de Oroku (só uns poucos centos dos cales foran adestrados e equipados para combate terrestre), apoiados por 39 000 habitantes das Illas Ryūkyū (incluídos 24 000 recrutados apresuradamente para a milicia chamada Boeitai e 15 000 traballadores non uniformados), ademais de 1500 alumnos de escolas secundarias organizados en primeira liña da fronte como Unidades de Voluntarios Ferro e Sangue (Iron and Blood Volunteer Units) e 600 alumnas Himeyuri organizadas nunha unidade de enfermería. O 32.º Exército inicialmente consistía na 9.ª, 24.ª e 62.ª Divisións e a 44.ª Brigada Mixta Independente.[2] A 9.ª División trasladouse a Taiwán antes da invasión, dando lugar a un cambio nos plans defensivos xaponeses.[2] A resistencia primaria debería de ser no sur, comandada polo Tenente Xeneral Mitsuru Ushijima, o seu Xefe de Estado Maior, o Tenente Xeneral Isamu Chō e o seu xefe de operacións, Coronel Hiromichi Yahara. Yahara avogou por unha estratexia defensiva, e Chō por unha ofensiva. No norte, o coronel Udo Takehido estaba ao mando. As tropas da Armada foron lideradas polo Contraalmirante Minoru Ōta.

Esperábase que os estadounidenses desembarcaran de seis a dez divisións para enfrontarse ás tres divisións (unha delas coa metade de efectivos).

Forzas navais[editar | editar a fonte]

A mediados de marzo a Armada dos Estados Unidos e os seus aliados reuniron unha flota composta por 330 buques de guerra e 1.139 buques de transporte.[5] Entre os buques de guerra encontrábanse 8 portaavións estadounidenses, os Enterprise, Essex, Intrepid, Hornet, Franklin, Bunker Hill, Cowpens, San Jacinto, 4 portaavións de escolta, os Savo Island, Petrof Bay, Sargent Bay e Steamer Bay, 9 cruceiros, 14 acoirazados, e 12 destrutores.[6]O esforzo na ofensiva de primavera de 1945 foi moito maior que o da ofensiva da primavera anterior en Europa, durante o desembarco de Normandía, onde os Aliados empregaran 284 buques.[7] A maioría dos avións de caza, dos bombardeiros en picado e dos avións de ataque a terra pertencían á Armada dos EUA, con base nos portaavións. Os xaponeses utilizaran as tácticas kamikaze desde a Batalla do Golfo de Leyte, pero por primeira vez convertéronse nunha parte importante da defensa. Entre o desembarco estadounidense do 1 de abril e o 25 de maio, producíronse sete ataques kamikaze, nos que se utilizaron máis de 1500 avións.

Aínda que as forzas terrestres aliadas estaban compostas enteiramente por unidades estadounidenses, buques da Flota Británica do Pacífico (BPF coñecida na Armada dos EUA como Task Force 57) proporcionarían aproximadamente un cuarto do poder naval e aéreo dos aliados (450 avións).[7]A TF 57 composta por unha gran cantidade e variedade de buques, entre eles 50 buques de guerra entre os que se encontraban os portaavións HMS Formidable, HMS Illustrious, HMS Indomitable e HMS Victorious.[6]As cubertas de voo dos portaavións británicos eran máis pequenas, o que significaba que podían transportar menos avións que un portaavións estadounidenses, pero eran máis resistentes aos ataques kamikaze. Aínda que todos os portaavións foron proporcionados polo Reino Unido, o grupo era un combinado da Mancomunidade de Nacións composta por unidades da Mariña Real Británica, Mariña Real Canadense, Mariña Real Neozelandesa e Mariña Real Australiana. A súa misión era neutralizar os campos de aviación xaponeses na illas Sakishima e proporcionar cobertura aérea contra os ataques kamikaze xaponeses.

Batalla naval[editar | editar a fonte]

USS Bunker Hill en chamas, tras un ataque kamikaze xaponés preto de Okinawa, 11 de maio de 1945.

Á Flota Británica do Pacífico asignóuselle a tarefa de neutralizar os aeródromos xaponeses da illa Sakishima, o que fixo con éxito do 26 de marzo até o 10 de abril. O 10 de abril a súa atención desprazouse aos aeródromos no norte de Formosa. A forza retirouse á Baía de San Pedro o 23 de abril. O 1 de maio a Flota Británica do Pacífico volveu á acción e atacou de novo os aeródromos. Os portaavións sufriron varios ataques de kamikazes, pero grazas ás cubertas de voo blindadas, estes non sufriron danos irreparables e só experimentaron unha breve interrupción nas súas misións.[8] Nos tres meses de batalla de Okinawa, os xaponeses voaron en 1900 misións kamikaze, afundindo a ducias de barcos aliados e matando máis de 5.000 mariñeiros estadounidenses, a conta de 1465 avións kamikaze perdidos (outros 2200 avións xaponeses e 763 avións de estadounidenses tamén foron destruídos, incluso durante a batalla en terra). Os buques que se perderon foron os máis pequenos, en particular os destrutores da primeira liña de defensa, así como destrutores de escolta e buques de desembarco. Se ben os aliados non perderon ningún dos seus portaavións, algúns deles resultaron severamente danados. Lanchas motoras con base en terra tamén foron utilizadas nos ataques suicidas dos xaponeses. A prolongada duración da campaña baixo condicións de estrés forzou ao Almirante Chester W. Nimitz a dar un paso sen precedentes: relevou os principais comandantes navais para que puideran descansar e recuperarse. A flota cambiou a súa denominación co relevo dos comandantes navais; así comezara a campaña como 5.ª Flota, comandada polo Almirante Raymond Spruance, e finalizouna como 3.ª Flota comandada polo Almirante William F. Halsey.

Operación Ten-Go[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Operación Ten-Gō .

A Operación Ten-Gō (do xaponés Kyūjitai: 天號作戰, Shinjitai: 天号作戦 ten-gō sakusen) tamén chamada como Ten-ichi-gō (Operación Ceo Un) foi a última operación naval xaponesa na Guerra do Pacífico durante a Segunda Guerra Mundial. En abril de 1945 o acoirazado Yamato, comandado polo Almirante Seiichi Itō, xunto con outros nove buques de guerra xaponeses, recibiron a orde de realizar un ataque suicida contra os aliados.[9] O Yamato e outros buques, da Operación Ten-Go, foron descubertos por submarinos pouco despois de saír de augas xaponesas,[10] e atacados por avións embarcados nos portaavións estadounidenses. Baixo o ataque de máis de 300 avións nun lapso de dúas horas, o maior acoirazado do mundo afundiuse o 7 de abril de 1945, moito antes de que puidera chegar a Okinawa. Os pilotos dos torpedeiros estadounidenses foran instruídos para atacar de forma eficaz, lanzando os seus torpedos preferentemente á proa ou á popa, onde a blindaxe se cría que era máis delgada. Ademais do Yamato, o cruceiro lixeiro Yahagi, e catro dos oito destrutores tamén foron afundidos. En total, a Armada Imperial Xaponesa perdeu uns 3700 mariñeiros, incluíndo o almirante Itō, a un prezo de só dez avións de EUA e 12 aviadores.[11]

Batalla terrestre[editar | editar a fonte]

Okinawa, desembarco estadounidense 13 de abril de 1945.

Os primeiros desembarcos producíronse o 26 de marzo de 1945 cando tropas da 77.ª División de Infantería desembarcaron nas illas Kerama a uns 32 km ao suroeste das praias principais de Okinawa.[12]Tras cinco días de combates, a illa foi declarada segura. O 31 de marzo marines do Batallón de Recoñecemento e soldados da 77.ª División desembarcaron sen oposición na illa Keise Shima, a só 16 km ao oeste da capital de Okinawa, Naha; a illa sería utilizada como base principal da artillería pesada.[13]

Norte de Okinawa[editar | editar a fonte]

O desembarco foi realizado polo XXIV Corpo e o III Corpo Anfibio nas praias Hagushi na costa oeste de Okinawa o Día-L 1 de abril de 1945, que cadrou en domingo de Pascua. Ás 08:30 horas, 4 divisións estadounidenses, a 7.ª e 96.ª de Infantería e a 1.ª e 6.ª de Marines, comenzaron o desembarco. En apenas unha hora e sen oposición, 16 000 homes xa tomaran terra. Ao caer a noite, a cifra alcanzou os 60 000.[14] A 2.ª División de Marines realizou unha manobra de distracción fronte ás praias de Minatoga na costa sueste para confundir os xaponeses sobre as intencións estadounidenses e evitar que os defensores se moveran de alí.[15] O X Exército estendeuse por todo o centro-sur da illa con relativa facilidade, capturando as bases aéreas de Kadena e Yomitan. Á luz da débil oposición, o xeneral Buckner decidiu proceder inmediatamente coa segunda fase do seu plan: a toma do norte de Okinawa.[16]A 6.ª División de Marines encabezou o ataque no istmo de Ishikawa. O terreo era montañoso e boscoso, coas defensas xaponesas concentradas en Yae-Take, unha masa retorcida de cristas rochosas e barrancos na península de Motobu. Houbo fortes enfrontamentos antes de despexar a península o 18 de abril. Os marines da 6.ª División percorreron 135 km, apoderándose de 1.129 km². As baixas xaponesas foron máis de 2500 mortos e 46 prisioneiros, as baixas dos marines foron 236 mortos, 1061 feridos e 7 desaparecidos.[17] Mentres tanto, o 16 de abril a 77.ª División de Infantería atacou Ie Shima, unha pequena illa no extremo occidental da península. Houbo fortes enfrontamentos antes de que Ie Shima fora declarada asegurada o 24 de abril e fora convertida noutra base aérea para as operacións contra Xapón.[18]

Sur de Okinawa[editar | editar a fonte]

Marines da 1.ª División en Okinawa.
Bombardeo efectuado por un F4U dos marines.
Mapa da Batalla de Sugar Loaf Hill.

Mentres os marines despexaban o norte de Okinawa, o XXIV Corpo dirixíase cara ao sur a través da estreita cintura de Okinawa. A 96.ª División de Infantería atopou unha forte resistencia por parte das tropas xaponesas nas cordilleiras de Kakazu, nesa zona o 383º Rexemento tratou de controlar unha serie de postos fortificados ao leste da estrada N.º 1 e a uns 8 km ao noroeste de Shuri, un punto que chegou a ser coñecido como Cactus Ridge[19]O 7 de abril o cumio da montaña xa estaba en mans dos estadounidenses, aínda que se proseguirían os enfrontamentos até mediados de abril.[20]

O seguinte obxectivo dos aliados, era Kakazu Ridge, dous outeiros que formaban parte das defensas exteriores de Shuri. Co asalto estadounidense contra Kakazu Ridge estancado, o xeneral Ushijima, influenciado polo xeneral Chō, decidiu pasar á ofensiva. Chō enviou seis batallóns para levar a cabo o seu plan de atravesar as defensas estadounidenses e alcanzar a súa retagarda até chegar a uns 6 km do aeródromo de Kadena.[21]Despois dun feroz combate corpo a corpo os atacantes retiráronse só para repetir a súa ofensiva a noite seguinte. O 14 de abril a contraofensiva xaponesa foi definitivamente batida. A 27.ª División de Infantería, que desembarcara o 9 de abril, fíxose cargo do flanco dereito, ao longo da costa oeste de Okinawa. Acoirazados, cruceiros e destrutores realizaron o bombardeo, que foi seguido por 650 avións da Armada e os Marines, que atacaron as posicións inimigas con napalm, foguetes, bombas e metralladoras.[22] Os tanques lograron avanzar flanqueando Kakazu Ridge pero non puideron conectar coa infantería que intentaba cruzar a crista; sen este apoio foron destruídos 22 tanques. Aínda que tanques lanzachamas despexaron moitas covas, non se rexistrou ningún avance significativo, e o XXIV Corpo sufriu máis de 720 baixas entre mortos, feridos e desaparecidos. As perdas poderían ter sido maiores de non ser polo feito de que os xaponeses tiñan a práctica totalidade das súas reservas de infantería máis ao sur, onde os marines da 2.ª División volveron realizar manobras de distracción fronte ás praias de Minatoga que coincidiron co ataque.[22]

O 4 de maio, o 32.º Exército lanzou unha nova contraofensiva. Esta vez Ushijima intentou desembarcar tras as liñas estadounidenses. Para o apoio da súa ofensiva, a artillería xaponesa saíu ao exterior. Desta maneira foron capaces de disparar unhas 13 000 salvas para apoiar o avance, pero o fogo da artillería estadounidense destruíu 19 pezas de artillería ese mesmo día e 40 máis nos seguintes dous días. O ataque foi un completo fracaso.[22] Tras dez días de intensos combates, o 13 de maio, as tropas da 96.ª División de Infantería e o 763.º Batallón de Tanques capturaron Conical Hill, un outeiro de 145 m por encima da chaira costeira de Yonabaru, ao leste das principais defensas xaponesas que estaba defendida por uns 1000 xaponeses. Mentres tanto, na costa oposta, a 6.ª División de Marines combatía por Sugar Loaf Hill. Coa captura destas dúas posicións claves, os xaponeses estabann expostos a ambos lados do Shuri. Buckner quería rodear Shuri e encerrar na trampa a principal forza xaponesa de defensa.[22]

A finais de maio as choivas producidas polo monzón converteron os camiños en zonas pantanosas, agravando a situación. O avance en terra empezou a parecerse aos campos de batalla da Primeira Guerra Mundial. As tropas vivían en campos, empapados pola chuvia entre lixo e tumbas. Os corpos dos xaponeses sen enterrar afundíanse na lama. Calquera persoa que se deslizara polas ladeiras acababa cos petos cheos de vermes tras o traxecto.[14]

O 29 de maio os marines da 1.ª División capturaron o castelo Shuri, e o 31 de maio a 77.ª División entraba na cidade. Estas accións non acabarían cos combates, pois aos estadounidenses custaríalles máis de tres semanas pór fin a toda resistencia organizada.[22]Os xaponeses apoiados por fogo de artillería frearon o avance dos estadounidenses e déronlle a oportunidade ao resto do 32º Exército de escapar. Establecerían unha nova liña de defensa na cordilleira Dake Yaeju. Despois de varios días dunha loita encarnizada, os xaponeses foron empurrados cara ao extremo sur da illa.[22]

O 18 de xuño, Buckner morreu por fogo de artillería xaponesa durante o seguimento dos progresos das súas tropas. Buckner foi substituído por Roy Geiger. Ao asumir o mando, Geiger converteuse no único Marine en comandar un Grupo de exército do Exército dos Estados Unidos en combate.[23]Foi relevado do mando cinco días despois polo Xeneral Joseph Stilwell.[24]A illa caeu o 21 de xuño de 1945, aínda que algúns xaponeses seguiron loitando.

Ushijima e Chō suicidáronse facéndose o haraquiri no seu cuartel xeral no outeiro 89 nas últimas horas da batalla. Ao Coronel Yahara ordenóuselle que intentara chegar a Xapón e presentar un informe no cuartel Imperial Xaponés sobre a estratexia empregada en Okinawa. A misión fracasou cando foi capturado por tropas estadounidenses mentres se facía pasar por civil. Yahara foi o oficial de maior rango dos que sobreviviron á batalla na illa.[25]

Vítimas[editar | editar a fonte]

Baixas militares[editar | editar a fonte]

Simon Bolivar Buckner Jr., Comandante Xeneral do X Exército, unha das numerosas baixas dos estadounidenses.

As perdas dos EUA foron de máis de 50 000 soldados, dos cales máis de 12 000  equivalen a mortos e desaparecidos. Isto fai que esta sexa a batalla máis sanguenta das forzas estadounidenses na guerra do Pacífico.[26][27][28] Unha das vítimas máis famosas foi o corresponsal de guerra Ernie Pyle, que morreu por feridas de bala en Ie Shima.[29] As forzas dos EUA sufriron tamén nesta batalla a taxa máis alta de baixas por fatiga de combate durante toda a guerra, cuns 20 000 soldados retirados debido a crises nerviosas.[30]

A decisión do Xeneral Buckner de atacar as defensas xaponesas foi moi custosa en vidas estadounidenses, aínda que finalmente se cumpriu o obxectivo. Catro días antes de finalizar a campaña, o xeneral Buckner morreu por causa do fogo inimigo, mentres inspeccionaba a liña da fronte das súas tropas. Foi o oficial dos EUA de máis alto rango morto en combate durante a guerra. Ao día seguinte, un segundo xeneral, o Xeneral de Brigada Claudio M. Easley, faleceu por causa de fogo inimigo.

No mar, 368 barcos aliados (entre eles 120 embarcacións anfibias) foron danados, mentres que outros 28, incluíndo 15 buques anfibios e 12 destrutores, foron afundidos. As baixas da Armada dos EUA foron de 4907 mortos e 4874 feridos, principalmente polos ataques kamikaze.[31]Os xaponeses perderon 16 barcos, incluíndo o acoirazado Yamato.

En terra as forzas dos EUA perderon polo menos 225 tanques e moitos LVTs, mentres que eliminaron 27 tanques xaponeses e 743 pezas de artillería (incluídos os morteiros, obuses e canóns antiaéreos), algúns deles destruídos polo bombardeo aéreo e naval, mais a maioría pola artillería das tropas estadounidenses.

As baixas xaponesas foron de máis de 107 000 mortos e capturáronse uns 7400 combatentes. Algúns dos soldados suicidáronse seguindo o ritual seppuku, ou inmoláronse facendo estalar granadas de man que portaban. Calcúlase que un número elevado de soldados xaponeses puideron perecer dentro das covas, cando os estadounidenses as selaban.

Esta foi tamén a primeira batalla da guerra na que miles de xaponeses se converteron en prisioneiros de guerra. Moitos dos prisioneiros xaponeses de Okinawa eran indíxenas que non estaban imbuídos na doutrina do exército xaponés de loitar até a morte e non renderse. Cando as forzas estadounidenses ocuparon a illa, os soldados xaponeses puxeron a roupa dos civís para evitar a súa captura, mais os habitantes de Okinawa axudáronlle aos estadounidenses a detectar xaponeses na clandestinidade. O idioma de Okinawa é moi diferente ao xaponés, e en presenza dos estadounidenses, os habitantes de Okinawa interrogaban os prisioneiros no idioma local: os que non o entendían consideráronos soldados xaponeses.

Baixas civís[editar | editar a fonte]

Civís en Okinawa

Nalgunhas batallas, como na Batalla de Iwo Jima non houbo baixas civís, pero Okinawa tiña unha elevada poboación civil indíxena e segundo diversas estimacións, un de cada tres ou un de cada dez civís morreu durante a batalla.[14] As perdas civís na campaña de Okinawa calcúlanse entre 42 000 e 150 000 falecidos (máis de 100 000 segundo a Prefectura de Okinawa)[32] A cifra que barallou o exército estadounidense foi de 142 058 vítimas civís, aglutinando os que morreron por fogo de artillería, ataques aéreos e ao servizo do Exército Imperial Xaponés.[14]

Durante a batalla, os soldados dos EUA viron que se facía difícil distinguir os civís dos soldados. Converteuse en normal xeral para os soldados estadounidense disparar indiscriminadamente contra as casas de Okinawa; como un soldado de infantería escribiu: «Disparábannos desde un número pequeno de casas, pero as outras probablemente estaban ocupadas por civís, e non nos importaba. Foi terrible o de non distinguir entre o inimigo e as mulleres e os nenos. Os estadounidenses sempre tivemos grande compaixón, especialmente polos nenos. Agora nós disparábamos de forma indiscriminada».[33]

Na súa historia da guerra, o Museo Conmemorativo da Paz da Prefectura de Okinawa[32] presenta a Okinawa como atrapada nos enfrontamentos entre os Estados Unidos e o Xapón. Os militares xaponeses confiscáronlle a comida aos okinawenses e executaron aos que a escondían, un feito que provocou fame entre a poboación, obrigándolle aos civís a saír dos seus refuxios. Tamén os soldados xaponeses mataron a uns 1000 habitantes de Okinawa que aínda falaban un dialecto local diferente co fin de evitar espionaxe.[34] O museo escribe que «moitos foron esnaquizados por proxectís, outros que se encontraban nunha situación desesperada foron conducidos ao suicidio, algúns morreron de fame ou sucumbiron á malaria, mentres que outros foron vítimas das tropas xaponesas en retirada.»[32]

Violacións[editar | editar a fonte]

A violación de civís en Okinawa foi un acto no que interviron soldados dos dous bandos; as violacións de civís por parte dos xaponeses converteuse nunha rutina unha vez que quedou claro que foran derrotados.[35] Un historiador calculou que os soldados estadounidenses cometeron máis de 10 000 violacións durante a campaña de tres meses.[36] O New York Times publicou no ano 2000 que no pobo de Katsuyama a poboación civil formou grupos de vixiantes para emboscar e matar a un grupo de soldados estadounidenses que violaban mozas do lugar.[37]Oficiais do Corpo de Marines en Okinawa e Washington declararon «que non sabían que se cometeran violacións por parte de soldados estadounidenses en Okinawa e nos seus rexistros non consta que os marines cometeran ningún crime de guerra.»[36] O historiador George Feifer, non obstante, escribe «que a violación en Okinawa era outro dos segredos sucios da campaña na que a crónica militar estadounidense era ignorar os crimes. Poucas mulleres de Okinawa quedaron embarazadas, xa que o estrés e a mala alimentación provocou que a maioría non foran fértiles. Moitas das que se quedaron embarazadas lograron abortar antes de que os seus maridos e pais regresaran. Un número máis pequeno dos recén nacidos enxendrados polos estadounidenses foron afogados».[38]

Suicidios[editar | editar a fonte]

Coa inminente vitoria das tropas estadounidenses producíronse suicidios en masa por parte da poboación civil. Os soldados xaponeses dixéronlle aos habitantes da illa que os estadounidenses cometerían todo tipo de barbaries contra a poboación. Ryūkyū Shimpō, un dos dous xornais principais de Okinawa, escribiu en 2007: «Moitos habitantes de Okinawa testificaron que o exército xaponés directamente lles obrigou a suicidarse. Tamén hai persoas que dixeron que lles foron entregadas granadas polos soldados xaponeses para auto-inmolarse.»[39]Algúns civís, despois de ter sido adoutrinados pola propaganda xaponesa, creron que os soldados dos EUA eran uns bárbaros que cometerían horribles atrocidades. En consecuencia suicidáronse e mataron as súas familias para evitar ser capturados. Moitos deles tiráronse desde os acantilados onde actualmente está situado o Museo da Paz.

A pesar das advertencias de que serían obxecto de violacións, torturas ou asasinatos a mans dos estadounidenses, os habitantes de Okinawa sorprendéronse con frecuencia polo trato humano que recibiron do inimigo.[40][41] De acordo co libro Islands of Discontent: Okinawan Responses to Japanese and American Power de Mark Selden, os estadounidenses non aplicaron unha política de torturas, violacións e asasinatos de civís como os militares xaponeses advertiran.[42] Un tradutor nipoestadounidense do Servizo de Intelixencia Militar estadounidense, Teruto Tsubota, convenceu a centos de civís de que non se suicidaran.[43][44]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Monumento memorial chamado "Memorial Cornerstone of Peace" (Pedra Angular da Paz)
Membros do Okinawa Advisory Council

O noventa por cento dos edificios na illa resultaron totalmente destruídos. O valor militar de Okinawa superou todas as expectativas. A illa converteuse en porto para a flota estadounidense, área de tránsito para as tropas e aeródromo nas proximidades do Xapón. Finalizada a campaña, os EUA puxeron en marcha a Operación Zebra, que consistía na retirada de minas nas augas próximas a Okinawa, ocuparon Okinawa, e estableceron a Administración Civil de Estados Unidos das Illas Ryukyu, unha forma de goberno militar.[45] A día de hoxe, un número importante de tropas estadounidenses aínda se encontran estacionadas na illa, e Kadena segue sendo a maior base aérea dos estadounidenses en Asia. Algúns historiadores militares cren que Okinawa conduciu directamente aos bombardeos atómicos de Hiroshima e Nagasaki, como medio de evitar a invasión terrestre do territorio xaponés. Un destes historiadores é Víctor Davis Hanson, que o declara explicitamente no seu libro Ripples of Battle:

... porque a defensa de Okinawa por parte dos xaponeses, incluíndo os propios nativos, foi feroz, e porque as baixas estadounidenses eran elevadas, moitos estrategos estadounidenses buscaron unha alternativa para lograr a rendición dos xaponeses que non fora unha invasión directa. Unha das alternativas era o lanzamento de bombas atómicas, traballouse admirablemente para convencer aos xaponeses a pedir a paz. Ironicamente, os estadounidenses estaban convencidos de que os bombardeos das principais cidades xaponesas (que estiveran sucedendo meses antes da invasión de Okinawa) eran moito máis eficaces á hora de causar baixas na poboación civil que as bombas atómicas, e se continuaban e ampliaban os bombardeos, os xaponeses renderíanse probablemente de todos os xeitos. Mais, as bombas foron unha potente exhibición simbólica do poder estadounidense, o que levou a cabo a capitulación dos xaponeses, obviando a necesidade dunha invasión.

En 1945, Winston Churchill denominouna «a batalla entre as máis intensas e famosas na historia militar.» En 1995, o goberno de Okinawa erixiu un monumento chamado Pedra Angular da Paz en Mabuni, o lugar dos últimos combates, no sueste de Okinawa.[46] O monumento mostra todos os nomes coñecidos dos que morreron na batalla, civís e militares, xaponeses e estranxeiros. En xuño de 2008 contiña 240.734 nomes.[47]

Controversia[editar | editar a fonte]

Hai discrepancias importantes en curso entre o goberno local de Okinawa e o goberno nacional do Xapón sobre o papel dos militares xaponeses nos suicidios en masa de civís durante a batalla. En marzo de 2007 as autoridades nacionais do Ministerio de Educación, Cultura, Deportes, Ciencia e Tecnoloxía do Xapón (MEXT) recomendáballe aos editores de libros de texto que expresaran con outras palabras as ordes dadas polo Exército Imperial Xaponés nas que se forzaba a civís a quitarse a vida para non ser feitos prisioneiros polos militares estadounidenses. O MEXT propoñía que se dixera, que os civís só recibiron granadas de man dos militares xaponeses.[Cómpre referencia] Este feito provocou protestas xeneralizadas entre os habitantes de Okinawa. En xuño de 2007, a Asemblea da Prefectura de Okinawa aprobou unha resolución declarando, «Facemos un firme chamamento ao goberno (nacional) a que se retracte das instrucións dadas aos editores de libros de texto e que restableza de inmediato a designación nos libros de texto para que a verdade do ocorrido durante a Batalla de Okinawa sexa transmitida correctamente e outra tráxica guerra nunca volva suceder»'[48]

O 29 de setembro de 2007, arredor de 110.000 persoas realizaron o maior acto político na historia de Okinawa para esixirlle ao MEXT que se retractase de pedirlle aos editores de libros de texto a revisión das declaracións sobre os suicidios dos civís. A resolución declarou: «É un feito innegable que o suicidio múltiple non tería ocorrido sen a participación dos militares xaponeses e calquera supresión ou revisión é unha negación e unha distorsión dos moitos testemuños das persoas que sobreviviron aos incidentes.»[49]

O 26 de decembro de 2007, o MEXT admitiu parcialmente o papel dos militares xaponeses nos suicidios en masa dos civís. O Consello de autorización de libros de texto permitiulle aos editores restablecer a referencia, «que a poboación se viu obrigada polo exército xaponés a suicidarse en masa. Pódese dicir que desde o punto de vista dos residentes de Okinawa, estes se viron obrigados aos suicidios en masa», declarou o informe do Consello.[50] Isto non foi suficiente para os sobreviventes, que dixeron que era importante para os de hoxe saber o que realmente sucedeu.[51]

O escritor Kenzaburō Ōe, gañador do Premio Nobel, escribiu un libro no que precisa que a orde dos suicidios en masa foi dada polos militares durante a batalla.[52] Foi demandado polos revisionistas, entre eles un comandante xaponés que participou na Segunda Guerra Mundial, e que quería impedir a publicación do libro. Nunha audiencia xudicial, o 9 de novembro de 2007, Ōe testificou: «Os suicidios en masa, aos que foron obrigados os habitantes de Okinawa, son o resultado dunha xerarquía social e estrutural xaponesa que funcionaba no Estado xaponés, as forzas armadas e as guarnicións locais».[53] O 28 de marzo de 2008, a Corte da Prefectura de Osaka fallou a favor de Ōe dicindo: «Pódese dicir que os militares estaban profundamente implicados nos suicidios en masa.» O tribunal recoñeceu a participación do exército nos suicidios en masa e o asasinato-suicidio, citando o testemuño acerca da distribución de granadas aos civís para que se suicidaran, por parte de soldados, e o feito de que os suicidios en masa non se rexistraron nas illas onde os militares non estaban estacionados.[54]

Norte[editar | editar a fonte]

  • Este artigo, inclúe textos de dominio público procedentes do United States Army Center of Military History [1]
  1. Appleman, Roy E.; James M. Burns; Russell A. Gugeler; John Stevens (2000). Okinawa: the last battle. Washington D. C.: Center of Military History, United States Army. p. 36. http://www.history.army.mil/books/wwii/okinawa/. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Okinawa:The LAst Battle". army.mil. http://www.history.army.mil/books/wwii/okinawa/chapter18.htm#b4. Consultado o 8 de maio de 2012. 
  3. The United States Navy assembled an unprecedented armada in April 1945
  4. The American invasion of Okinawa was the largest amphibious assault of World War II
  5. Batallas por Tierra, Mar y Aire 1939-1945, p. 228.
  6. 6,0 6,1 "Okinawa Campaign". ww2db.com. http://ww2db.com/battle_spec.php?battle_id=15. Consultado o 8 de maio de 2012. 
  7. 7,0 7,1 "Battle of Okinawa". militaryhistoryonline.com. http://www.militaryhistoryonline.com/wwii/okinawa/default.aspx. Consultado o 8 de maio de 2012. 
  8. Hastings (2007), p. 401.
  9. Yoshida, Requiem, 30.
  10. Skulski, The Battleship Yamato, 12.
  11. "Sinking of Yamato". combinedfleet.com. http://combinedfleet.com/battles/Sinking_of_Yamato. Consultado o 11 de maio de 2012. 
  12. Chant, Batallas, p.227.
  13. Chant, Batallas, p.227.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Battle of Okinawa, GlobalSecurity.org. Consultado o 12 de maio de 2012.
  15. Chant, Batallas, p. 228.
  16. Chant, Batallas, p. 228.
  17. "The Conquest of North Okinawa". www.ibiblio.org. http://www.ibiblio.org/hyperwar/USA/USA-P-Okinawa/USA-P-Okinawa-6.html. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  18. Chant, p.228.
  19. Sloan, p.109
  20. Sloan, p.112
  21. Sloan, p. 163
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 22,5 "Ryukyus 26 March-2 July 1945". history.army.mil. http://www.history.army.mil/brochures/ryukyus/ryukyus.htm. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  23. "Roy Stanley Geiger General, United States Marine Corps". arlingtoncemetery.net. http://www.arlingtoncemetery.net/roystanl.htm. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  24. "U.S. ARMY CAMPAIGNS:WWII — ASIATIC-PACIFIC THEATER". history.army.mil. http://www.history.army.mil/html/reference/army_flag/ww2_ap.html. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  25. Sloan, Okinawa, p.401
  26. "Battle of Okinawa: The Bloodiest Battle of the Pacific War". http://www.historynet.com/battle-of-okinawa-the-bloodiest-battle-of-the-pacific-war.htm. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  27. William, Manchester (14 de xuño de 1987). "The Bloodiest Battle Of All". The New York Times. http://www.nytimes.com/1987/06/14/magazine/the-bloodiest-battle-of-all.html. 
  28. John Pike. "Battle of Okinawa". Globalsecurity.org. http://www.globalsecurity.org/military/facility/okinawa-battle.htm. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  29. Reid, Chip. (7 de xuño de 2004). "Ernie Pyle, trail-blazing war correspondent-Brought home the tragedy of D-Day and the rest of WWII"". NBC News. http://www.msnbc.msn.com/id/5130777/. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  30. Sloan, Bill (2008). Okinawa. Barcelona: Critica S.L.. pp. 15. 
  31. The Amphibians Came to Conquer from Hyperwar. Consultado o 12 de maio de 2012.
  32. 32,0 32,1 32,2 The Basic Concept of the Okinawa Prefectural Peace Memorial Museum
  33. Feifer, George, The Battle of Okinawa, The Lyons Press (2001), p. 374
  34. 1945 suicide order still a trauma on Okinawa, IHT, 21 de xuño de 2005. Consultado o 12 de maio de 2012.
  35. Appleman, Roy E. (1948). Okinawa: The Last Battle. United States Army in World War II. Washington DC: United States Army Center of Military History. pp. 462. http://www.history.army.mil/books/wwii/okinawa/. 
  36. 36,0 36,1 Sims, Calvin (1 de xuño de 2000). "3 Dead Marines and a Secret of Wartime Okinawa". NYTimes.com. http://www.nytimes.com/2000/06/01/world/3-dead-marines-and-a-secret-of-wartime-okinawa.html?pagewanted=1. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  37. Lisa Takeuchi Cullen. "Okinawa Nights". TIME. http://www.time.com/time/world/article/0,8599,170085-2,00.html. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  38. Feifer, George, The Battle of Okinawa, The Lyons Press (2001), p. 373
  39. Norimitsu, Onishi (1 de abril de 2007). "Japan’s Textbooks Reflect Revised History". New York Times. http://www.nytimes.com/2007/04/01/world/asia/01japan.html?_r=1&oref=slogin. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  40. Michael S., Molasky. The American Occupation of Japan and Okinawa: Literature and Memory. pp. 16. http://books.google.com/books?id=RMDt86cokDUC&pg=PA16&sig=VuiPlUPz6S3fHL8zNnLjaLJyZng#PPA17,M1. 
  41. Michael S., Molasky; Rabson, Steve. Southern Exposure: Modern Japanese Literature from Okinawa. pp. 22. http://books.google.com/books?id=6xMuWmEsAcMC&pg=PA21&sig=vy90tt3ESGX6V7pqTmNzONK5q54#PPA22,M1. 
  42. Susan D., Sheehan; Elizabeth, Laura; Selden, Hein Mark. Islands of Discontent: Okinawan Responses to Japanese and American Power. pp. 18. 
  43. Military Intelligence Service Research Center: Okinawa.
  44. Defiant soldier saved lives of hundreds of civilians during Okinawa battle, Stars and Stripes, 1 de abril de 2005. Consultado o 12 de maio de 2012.
  45. "Military Government In The Ryukyu Islands, 1945-1950". http://www.amazon.com/Military-Government-Ryukyu-Islands-1945-1950/dp/1410218791. Consultado o 12 de maio de 2012. 
  46. The Cornerstone of Peace
  47. Okinawa is promised reduced base burden, The Japan Times, 24 de xuño de 2008. Consultado o 12 de maio de 2012.
  48. Okinawa slams history text rewrite, Japan Times, 23 de xuño de 2007. Consultado o 12 de maio de 2012.
  49. "110,000 protest history text revision order", The Japan Times, 30 de setembro de 2007. Consultado o 12 de maio de 2012.
  50. Texts reinstate army's role in mass suicides: Okinawa prevails in history row Japan Times, 27 de decembro de 2007. Consultado o 12 de maio de 2012.
  51. Okinawa's war time wounds reopened BBC News, 17 de novembro de 2007. Consultado o 12 de maio de 2012.
  52. Japan Times, 12 de setembro de 2007, Witness: Military ordered mass suicides. Consultado o 12 de maio de 2012.
  53. Oe testifies military behind Okinawa mass suicides, Japan Times, 10 de novembro de 2007. Consultado o 12 de maio de 2012.
  54. Court sides with Oe over mass suicides,Japan Times, 29 de marzo de 2008. Consultado o 12 de maio de 2012.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Sledge, Eugene B. (2008). Diario de un Marine. Barcelona: Planeta S.A.. ISBN 978-84-08-08114-2. 
  • Hastings, Max (2007). Retribution - The Battle for Japan, 1944-45’’. New York: Alfred A. Knopf. ISBN 978-0-307-26351-3. 
  • Chant, Chistopher; Brigadier Shelford Bidwell O.B.E., Anthony Preston, Jenny Shaw (1982). Batallas por tierra, mar y Aire 1939-1945. Madrid: Dismail S.A.. ISBN 84-226-1392-1. 

Ligazón externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Batalla de Okinawa