De catro a catro
| De catro a catro | ||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
|
|
||||||||||||||||||
|
De catro a catro. Follas sin data dun diario d'abordo é un libro de poesía de Manuel Antonio publicado en marzo de 1928 pola Editorial Nós. É a única obra que o autor publicou en vida, e está considerado a súa obra por excelencia.
Índice |
[editar] Características
De catro a catro é o primeiro poemario integramente vangardista, en concreto creacionista, da literatura galega. Por mor disto, De catro a catro converteuse nun fito literario pois achega unha poética diferente daqueloutra que consagraba as formas e contidos tradicionais, marcando un antes e un despois nas historia da literatura galega.
Desde a propia perspectiva das vangardas, véñense citando no libro as influencias de autores como Vicente Huidobro ou Pierre Reverdy. En boa medida, é posible subliñar a presenza dun texto fundamental nas concepcións poéticas de Manuel Antonio: trátase do libro titulado La poésie d´aujourd´hui, un nouvel état d´intelligence (1921), de Jean Epstein, que o poeta rianxeiro traduciu -ou comezou a traducir- ao galego. A procura do "novo" -para alén de toda estética-, o traballo intelectual por parte do lector, a ruptura da lóxica e a supresión da secuencia espazo-temporal son elementos definidos por Epstein e que Manuel Antonio soubo incorporar no seu traballo.
Doutra parte, De catro a catro mostra igualmente un proceso de traballo da linguaxe excepcional: a capacidade por incorporar o léxico mariñeiro -mesmo dialectal- a un discurso onde, ao tempo, figuran anglicismos, xermanismos... a presenza dunha linguaxe técnica, inusual na arte poética, dan boa medida do afán de preocupación formal por parte de Manuel Antonio.
[editar] Estrutura
O poemario consta de dezanove poemas que foron escritos nos anos 1926 e 1927 cando o rianxeiro, embarcado no pailebote Constantino Candeira, percorreu as augas do Mediterráneo e presenta, polo mesmo, un fío común experiencial que se fai patente no subtítulo Follas sen data dun diario de abordo e na estrutura da obra, xa que os poemas están circunscritos a un ámbito que se abre mediante o primeiro texto "Intencións" (en que Manuel Antonio soña co que acontecerá nas futuras singraduras) e un último, "Adeus" en que se despide do Constantino Candeira.
Non obstante, a viaxe descrita nas páxinas do poemario acaba por ser unha viaxe cara a ningures. Tal e como se se tratase dun cosmonauta perdido, aboiando na infinidade do Cosmos, así o navío de Manuel Antonio paira nun mar sen ribeiras nin horizontes e no cal todos os sinais acaban morrendo e perdéndose nesa propia soidade do "alto mar" (Xosé Ramón Pena) convertido, efectivamente, nunha "illa de auga rodeada de ceo por todas partes".