Osteíctios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Osteichthyes")
Peixes óseos
Osteichthyes

Rango fósil: silúrico superior - actualidade
Bacallau
Bacallau
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Huxley, 1880
Clases e Subclases

Os osteíctios (Osteichthyes)[1] ou peixes óseos son unha superclase de vertebrados gnatóstomos, a de máis recente aparición, a máis rica en especies e a máis importante desde o punto de vista económico, que se caracterizan pola presenza de tecidos óseos no seu esqueleto interno, formado principalmente por pezas calcificadas e algunhas cartilaxinosas.[2]

Forman, xunto aos condrictios ou peixes cartilaxinosos, os dous grandes grupos que comprenden os chamados vulgarmente peixes.

Existe un terceiro grupo cuxa inclusión dentro dos peixes está en discusión, que son os ágnatos ou peixes sen mandíbulas (lampreas e peixes viscosos), que actualmente tenden a considerarse como unha superclase á parte, á dos Agnatha.

O termo Osteichthyes fai referencia a un grupo parafilético e non se considera hoxe como unha clasificación taxonómica válida.[3]

Todas as nosas numerosas especies de peixes óseos pertencen á clase dos actinopterixios (peixes con aletas sustentadas por raios), que se reparten de forma non equitativa nas súas dúas subclases:[2]

– a dos condrósteos (entre cuxas especies nas augas galegas só podemos contar, polo menos historicamente, co esturión), e

– a dos neopterixios, que comprende todas as demais.

Características[editar | editar a fonte]

A principal característica que define o grupo dos osteíctios é a presenza dun esqueleto interno calcificado ou osificado, total ou parcialmente.

Está formado por un esqueleto axial (columna vertebral), un esqueleto cefálico (cabeza), un esqueleto zonal (as cinturas onde se artellan as aletas torácicas e as pelvianas e un esqueleto apendicular (aletas).

No caso das aletas impares cabe distinguir dúas zonas: o pterigóforo e os radios. O pterigóforo insírese internamente no animal, nun septo de tecido conxuntivo. Os radios, que parten dos pterigóforos, poden ser simples (dunha soa peza) ou brandos (de varias pezas articuladas, ás veces ramificadas).

As aletas pares posúen un esqueleto interno, e están formadas por unhas pezas basais e uns radios externos. Nas especies máis primitivas, eses elementos basais son pezas grandes e complexas, pero nos máis evolucionados, como nos teleósteos, estas pezas tenden a perder tamaño e aumentar en número.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Posicións da boca nos peixes:
(a) Terminal,<bvr>(b) Superior,
(c) Subterminal ou inferior.

O corpo é normalmente fusiforme, máis ou menos deprimido lateralmente, pero poden adoptar outras morfoloxías (aplastado, angüiliforme, globoso etc.). Están dotados por aletas como órganos de locomoción e equilibrio, unhas pares e simétricas (pelvianas e torácicas ou pectorais) e outras impares e situadas no plano saxital (dorsais, anais e caudal). A forma e disposición destas aletas, e mesmo o número ou a ausencia dalgunha delas, é moi variable e serve como elemento diferenciador das distintas familias. A aleta caudal é na maioría dos casos homocerca (no esturión é heterocerca).

Presentan maioritariamente boca terminal, dotada de ósos dérmicos articulados (o que lles permite realizar movementos precisos). Os dentes nacen destes ósos dérmicos e non son substituíbles (como acontece cos elasmobranquios). Presentan un orificio nasal dobre, aberto na parte superior do fociño.

A pel dos osteíctios está cuberta, na súa maior parte, de escamas imbricadas, sobre as que se dispón a epiderme, formada por capas de células non queratinizadas e vivas. Na epiderme hai abundantes células mucosas que segregan un mucus que regula a permeabilidade da pel e reduce a fricción entre as escamas, permitindo que estas se articulen correctamente. O mucus tamén cumpre funcións de lubricación e defensa de patóxenos.

Na derme, máis grosa, están as escamas, os cromatóforos (células responsables da coloración particular dos peixes), tecido conxuntivo, vasos sanguíneos e terminacións nerviosas. As escamas, nos peixes modernos, son elasmoideas, formadas exclusivamente por óso laminar. Hai dous tipos de escama elasmoidea: a cicloidea (co bordo posterior liso) e a ctenoidea (cunhas pequenas incisións radiais a modo de peite no bordo posterior). As primeiras son propias de peixes máis primitivos e as ctenoideas de peixes máis modernos. Existen especies coa pel núa.

Na liña lateral as escamas presentan unha estrutura diferente.

Anatomía[editar | editar a fonte]

As branquias dun lucio.

Posúen branquias dentro dunha cámara branquial dotada de esqueleto interno, non unida ao cranio. As branquias están protexidas por un opérculo que deixa ao exterior unha única abertura a cada lado da cabeza. Posúen vexiga natatoria que, nalgúns casos, dá lugar a un pulmón.

Distribución[editar | editar a fonte]

Os osteíctios alcanzaron un extraordinario nivel de adaptación ao medio, o que lles permitiu ocupar nichos ecolóxicos en tódolos medios acuáticos, tanto mariños como dulciacuícolas, e en calquera rango de temperaturas ambientais. Algunhas especies son gregarias e desprázanse en grandes bancos conectándose por medio de sinais acústicos.

Adoitan teren hábitos carnívoros pero tamén os hai herbívoros e planctónicos.

Reprodución[editar | editar a fonte]

O habitual é a presenza de sexos separados, pero tamén pode darse o caso de seren hermafroditas e incluso intercambiando o sexo en determinadas etapas da vida. Non adoita haber dimorfismo sexual pero hai especies que si o mostran.

A fecundación é externa, polo que os machos (a diferenza dos condrictios) carecen de órganos copuladores. A reprodución é ovípara, con postas (desova) de ata millóns de ovos, para compensar a alta mortalidade que sofren as crías; ocasionalmente tamén se dá a reprodución ovovivípara ou vivípara. Nalgúns casos danse hábitos reprodutores máis ou menos sofisticados, con actividades como a construción de niños ou o coidado das crías.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Os peixes óseos comprenden dúas clases:[4]

  • Clase actinopterixios (Actinopterygii): comprende a inmensa maioría dos peixes, caracterizados por unha estrutura ósea radial nas aletas.
  • Clase sarcopterixios (Sarcopterygii): peixes con aletas pares lobuladas, é dicir, os celacantos e os peixes pulmonados, que están directamente emparentados cos vertebrados terrestres (Tetrapoda).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Do grego ὀστεον ósteon, "óso", e ἰχθύς ichtýs, "peixe".
  2. 2,0 2,1 Bauchot e Pras (1982), p. 92.
  3. Na clasificación tradicional linneana, os osteíctios son unha clase que, xunto aos condrictios, forma parte da superclase dos gnatóstomos. O World Register of Marine Species considera sinónimos Actinopterygii e Osteichthyes.
  4. Osteichthyes en SIIT (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Osteíctios
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Osteíctios

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]