Batán (máquina)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batán do conxunto etnográfico dos batáns de Mosquetín no concello de Vimianzo.

O batán ou folón[1] é unha máquina construída de xeito artesanal que funciona coa enerxía hidráulica e que tiña como función principal bater os tecidos que se fabricaban nos teares para darlles unha textura máis compacta e homoxénea. Estas máquinas están formadas por unha roda, que activa os mazos que baten os tecidos ata compactalos. Foron moi empregadas en Galicia, e a maior parte delas estiveron en funcionamento ata finais do século XIX, quedando moitos topónimos espallados pola xeografía galega.

Historia[editar | editar a fonte]

O batán de Mezonzo.

Crese que a expansión dos batáns foi posterior á dos muíños. A primeira referencia que se ten en España de batáns é do século XII, onde uns documentos datados en 1160 sitúan dous batáns moi preto de Xirona.

Os batáns estendéronse pola Península Ibérica, sendo numerosos os existentes en Galicia e Asturias aproveitando os numerosos ríos que cruzan a súa xeografía. En Asturias, a mediados do século XVII, contabilizábanse uns 200. A día de hoxe a gran maioría deles están nun estado ruinoso ou case desaparecidos, sendo moi poucos os que se conservan, quedando unicamente con fins museísticos.

Un exemplo de batán-museo está na parroquia de Mezonzo no concello coruñés de Vilasantar. Crese que foi construído polos monxes que habitaban o mosteiro de Mezonzo, onde agora atopamos a igrexa parroquial que data do século XII. De ser certa esta crenza popular, sería un dos batáns máis antigos de España. Impulsado pola auga do río das Gándaras, este batán funcionou ata o ano 1954, momento en que se abandona ata a súa restauración no ano 2001, podendo ser visitado na actualidade polo público.[2]

Mentres estivo en activo, o batán funcionaba desde o mes de febreiro ata xuño. Durante o verán pechábase porque o río non tiña suficiente auga para o seu funcionamento e no inverno non se podía empregar ó non dar secado as mantas que batían.

Na literatura[editar | editar a fonte]

Batáns no capítulo XX da primeira parte de Don Quixote, nunha edición ilustrada por Apel·les Mestres de 1879.

No vixésimo capítulo da primeira parte de Don Quixote da Mancha (1605) de Miguel de Cervantes, Don Quixote e Sancho áchanse a escuras cando escoitan un son estraño que os aterra toda a noite. Pola mañá, cando Don Quixote se aventura a pescudar, descobre que eran seis batáns. Isto provocou riso en Sancho e unha discusión con Don Quixote.

Tamén aparece na coñecida novela histórica The Pillars of the Earth (1989) de Ken Follett.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para batán.
  2. "O Batán de Mezonzo". Concello de Vilasantar. Consultado o 15 de xuño de 2018. 
  3. Saavedra Penas 2011, p. 16.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]