Palas de Rei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°52′23.42″N 7°52′9.07″O / 42.8731722, -7.8691861

Palas de Rei
Escudo de Palas de Rei
Situación
Xentilicio[1]palense
Xeografía
ProvinciaProvincia de Lugo
ComarcaComarca da Ulloa
Poboación3.601 hab. (2014)[2][3]
Área199,7 km²[3]
Densidade18,03 hab./km²
Entidades de poboación43 parroquias[4]
Política (2015)
AlcaldePablo José Taboada Camoira (PPdeG)
Concelleiros
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 4
Eleccións municipais en Palas de Rei
Uso do galego[5] (2011)
Galegofalantes81,58%
Na rede
www.palasderei.org
editar datos en Wikidata ]

Palas de Rei é un concello da provincia de Lugo, pertencente á Comarca da Ulloa. Segundo o IGE en 2014 tiña 3.601 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «palense».

Demografía

Censo total 2014 3.601 habitantes
Menores de 15 anos 274 (7.6 %)
Entre 15 e 64 anos 1.944 (53.98 %)
Maiores de 65 anos 1.383 (38.40 %)

Toponimia

O lugar aparece mencionado nun documento de 1153 como pallatium Regis[6]. Con todo, podería non derivar de pazo senón do topónimo Palas, referido a covas de lugares calizos[7].

Historia

No concello consérvanse restos prehistóricos, como mámoas, dolmens e castros. Trala romanización, o lugar estaba atravesado por unha vía romana cara a Lugo. No século VI pertencía ao condado de Ulliensis.

Na Idade Media o camiño de Santiago trouxo, amais do estilo románico, a prosperidade á vila, que aparece citada no Códice Calixtino. Na parroquia de Vilar de Donas está a Igrexa románica de Vilar de Donas, de orixe monástica. A fundación do mosteiro atribúeo a tradición a unhas donas (representadas nas pinturas góticas da capela maior), co que se explicaría o topónimo. En realidade, o seu fundador foi Arias Pérez de Monterroso, a mediados do século XII.

Consérvanse restos de fortalezas, torres, castelos, pazos e casas brasonadas, como a casa-torre de Filgueira, a casa-torre de Fontecuberta; o Pazo de Laia (que conserva o escudo de armas dos condes de Traba, antecesores do fundador de Pambre), a casa de Ulloa (cos escudos dos Saavedra, Montenegro, Gaioso e Deza), o pazo Mariñao, a fortaleza do Castro de Seixas (en Merlán, de onde procede a liñaxe dos Vázquez de Seixas), o pazo de Pacheco e o castelo de Pambre, erguido por Gonzalo Ozores de Ulloa cara a 1375,unha das fortalezas mellor conservadas de Galicia, que resistiu a Gran Guerra Irmandiña en 1467.

Na segunda guerra carlista Palas de Rei foi un dos poucos concellos nos que triunfou a sublevación en 1846, constituíndose unha Xunta Revolucionaria.

Comunicacións

A vila de Palas de Rei está atravesada pola vía francesa do Camiño de Santiago. Amais, atravésaa a estrada N-547, que comunica cara ao oeste con Santiago de Compostela, Melide e Arzúa, e cara ao leste coa estrada N-540, que leva cara a Lugo e Ourense.

Lugares de Palas de Rei

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Palas de Rei vexa: Lugares de Palas de Rei.

Galería de imaxes

Parroquias

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Palas de Rei

Albá (Santiago) | Ambreixo (San Vicenzo) | Augas Santas (San Xurxo) | Berbetouros (San Miguel) | Cabana (Santiago) | O Carballal (San Sebastián) | Carteire (Santa María) | Coence (San Mamede) | Covelo (San Xoán) | Cuíña (Santa María) | Curbián (San Martiño) | Felpós (San Tomé) | Ferreira de Negral (San Martiño) | Filgueira (San Tomé) | Fontecuberta (Santa Mariña) | Laia (San Xoán) | Lestedo (Santiago) | Maceda (San Miguel) | Marzá (Santa María) | O Mato (San Xoán) | Meixide (San Pedro) | Merlán (San Salvador) | Moredo (San Fiz) | Mosteiro de Devesa (Santiago) | Orosa (Santo André) | Palas de Rei (San Tirso) | Pambre (San Pedro) | Pidre (Santa María) | A Puxeda (Santa María) | Quindimil (San Miguel) | Ramil (San Martiño) | Remonde (San Miguel) | Ribeira (San Salvador) | Salaia (San Pedro) | San Breixo (Santa María) | San Cibrao da Repostería (San Cibrao) | San Mamede do Carballal (San Mamede) | San Miguel de Coence (San Miguel) | San Xiao do Camiño (San Xiao) | San Xusto da Repostería (San Xusto) | Ulloa (San Vicente) | Vilar de Donas (San Salvador) | Vilareda (San Pedro)

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Palas de Rei".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  6. González Garcés, M: "Documentos", en Historia de La Coruña. Caixa Galicia, 1987. Páx. 462.
  7. Cabeza Quiles, F.: Os nomes de lugar, p. 328. Ed. Xerais, Vigo 1992.

Véxase tamén

Bibliografía