Orixinariamente foi unha igrexa monástica. A fundación do mosteiro atribúeo a tradición a unhas donas (representadas nas pinturas góticas da capela maior), co que se explicaría o topónimo. En realidade, o seu fundador foi Arias Pérez de Monterroso, a mediados do século XII.
É de planta de cruz latina, e na cabeceira tres ábsidas semicirculares. A portada principal adórnase con arcos de medio punto con axadrezados (datados cara ao ano 1230). A portada enmárcase entre contrafortes e un beirado con arquiños sostidos por canzorros. Na cornixa consérvanse tres imaxes: unha Virxe gótica co Neno, un San Miguel e un San Bartolomeu. Son de destacar as ferraxes das portas, conformando parellas de barras en forma de C rematadas en palmas coetáneas do edificio.
A nave principal cóbrese con tellado de madeira a dúas augas, igual que o brazo norte do cruceiro, o brazo sur cóbrese con bóveda de canón rebaixado e o cruceiro cóbrese con bóveda de crucería cuadripartita.
Accédese á capela maior a través dun triplo arco. Esta decórase con pinturas góticas de tempos do rei Xoán II. No brazo norte do cruceiro destaca un baldaquino en pedra e un retablo tamén en pedra que representa a Misa de San Gregorio.