Cabeiro, Redondela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cabeiro
Igrexa en Cabeiro, Redondela.
ConcelloRedondela[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°15′27″N 8°37′46″O / 42.25751944, -8.62930556Coordenadas: 42°15′27″N 8°37′46″O / 42.25751944, -8.62930556
Poboación680 hab. (2017)
Entidades de poboación2[1]
editar datos en Wikidata ]

San Xoán de Cabeiro é unha parroquia do concello de Redondela. Segundo o IGE en 2009 tiña 755 habitantes (378 mulleres e 377 homes), distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 720 habitantes. Está formada polos barrios de Porto Cabeiro (a 5,8 km do centro da vila) e Igrexa (a 5,5 km), formada por uns 300 habitantes aproximadamente. O código postal é o 36813. Confina o termo ó norte coa freguesía de Cedeira, ó leste con Trasmañó, ó sur con Vilar e ó oeste Negros. Ten unha igrexa parroquial dedicada a san Xoán e un parque arqueolóxico onde destaca a coñecida como Mámoa do Rei.

Historia[editar | editar a fonte]

Camiño da Igrexa Cabeiro.

Segundo os datos do Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz de 1846, o terreo participaba de monte chan con abundantes fontes, que aproveitaban os veciños para o seu gasto doméstico, bebedoiro de gandos e outros usos. A parte montañosa atopábase con moi pouco arborado e unicamente ofrece arbustos e pasto. Producía trigo, centeo, millo e legumes, sostiña gando vacún, lanar e caprino, e había caza de varias especies. A industria, ademais da agrícola, tiña dous muíños fariñeiros[2].

O partido xudicial[editar | editar a fonte]

Cando o 3 de decembro de 1836 se realizou a proposta de creación do partido xudicial de Redondela, feita pola Comisión o 6 de outubro de 1835, e polo tanto do propio concello, correspondeulle a Cabeiro, xunto á veciña parroquia de Vilar de Infesta, un elector.

Banda de Música de Cabeiro[editar | editar a fonte]

A época de maior esplendor da banda foi entre os anos 30 e 40, desfacéndose logo pouco a pouco por mor da guerra civil.

A maior competencia entre as bandas dábase nas festas de Candeán e Cabral, onde as bandas tocaban e os veciños aplaudían. A banda que máis aplausos recibía era a que gañaba, e os veciños acompañábana polo monte ata a súa parroquia. A que máis veces gañaba era a de Cabeiro. As bandas coas que había máis competencia eran as de Guláns, A Lama e Arcade. Tamén competían con Candeán onde, pese a non ter gran calidade, amosaban gran resistencia.

O maior éxito da banda de Cabeiro foi gañar a "Batuta de Plata" nun certame de bandas de música que se celebrou en Pontevedra en 1913, aínda que chegaron a tocar en Caminha (Portugal) e en Zamora, a onde se desprazaban nun camión, cobrando entre 80 e 100 pesetas por actuación. A súa peza máis sonada foi "Faena del Cuartel", na que o trompeta saía da banda e desprazábase ata un campanario, dende onde contestaba á banda. Os mellores músicos desta banda foron Saladino Castro "O do ghallo" e José "Nicholas".

Na época de decadencia (finais dos 30, principios dos 40), por diversas xenreiras e envexas houbo unha división e xurdiron dúas bandas[3] dirixidas por dous irmáns: Manuel e Ramiro Baillador. A de maior éxito foi a de Manuel, que anos máis tarde sería dirixida polo seu fillo Plácido de Baillador. Co gallo desta división, Manuel escribiu a seguinte copla a seu irmán Ramiro:

No seas pavero hombre ignorante
que es una vergüenza ser un mangante.
Te conoces poco en la profesión
y haces tu papel de hombre chulapón.
Ay Jesús que tontería,
ay Jesús que tonto eres,
eso le pasa a hombres que se guían por mujeres.
Siempre andabas reclamando que te dieran la peseta,
como no te han considerado te hicieron la puñeta

Terra de Cesteiros[editar | editar a fonte]

A principios do século XX a economía de Cabeiro estaba baseada en dúas grandes áreas a música e os cesteiros. A maior parte dos cestos que se empregaban tanto no porto de Vigo coma nos campos da comarca realizábanse en Cabeiro[4]. Os cesteiros traballaban en talleres individuais que estaban nas propias vivendas, chegando incluso a haber dúas mulleres cesteiras: Emilia Monea e Maruxa "a do canteiro".

A materia prima era madeira de castaño e de carballo. Como a que había en Redondela non chegaba ían buscala a Ourense, que viña en camións ata Redondela, e despois en carro de bois ata Cabeiro. A madeira traballábase verde, porque así xa se podía traballar no momento, se non tiña que estar a remollo entre quince días e un mes.

Os principais mercados eran: A Feira de Redondela (o 6 e o 21 de cada mes), a ribeira de Vigo (para chegar aquí, erguíanse as catro da mañá e ían a pé coas cestas ó lombo polo Vixiador, a Madroa, Teis ata chegar a Vigo), O Porriño e Ponte Caldelas. No mercado de Vigo facíanse moito as "esportas" que eran para o palangre. As festas máis importantes para os cesteiros era a de San Bernardo, que se celebraba o 20 de agosto en Cedeira. Os cesteiros ían na véspera e estaban na festa ata a madrugada, logo ían a feira, vendían as cestas e cos cartos volvían para a festa. A outra festa importante era a de San Xoán de Cabeiro, patrón do lugar.

Para facer unha cesta había varios traballos diferenciados: os fendedores, os labradores e os armadores. O mellor fendedor foi José Valado Álvarez, o labrador Celso Ramiro e labrador José Fernández "o cusque". A principios de século unha cesta custaba catro pesetas. As cestas servían para múltiples cousas: a cesta da compra, o monico*, as patelas (grande e pequena)..., principalmente para labores de campo e de pesca.

Este traballo artesán empezou a súa decadencia pola incorporación do plástico como materia prima, pero os deseños para traballar este novo material están tomados dos que utilizaban os antigos cesteiros. Ata fai pouco só existían dous artesáns cesteiros: Celso de Ramiro e Celso "o da Nicha".

Comunidade de Montes Coto da Arca[editar | editar a fonte]

Despois da ditadura de Francisco Franco e de establecerse a democracia os veciños de Cabeiro decidiron reclamar a man común dos montes veciñais. Unha vez recuperados, fundouse no ano 1977 a comunidade de montes de San Xoán de Cabeiro que procurase manter unida a asociación de veciños Coto da Arca da dita parroquia para que os beneficios que puidera sacar da venda da madeira ou arrendamentos. Podendo así invertelos nos obras da parroquia.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Cabeiro[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Cabeiro no concello de Redondela (Pontevedra)

A Igrexa | Porto Cabeiro

Parroquias de Redondela[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Redondela

Cabeiro (San Xoán) | Cedeira (Santo André) | Cesantes (San Pedro) | Chapela (San Fausto) | Negros (Santo Estevo) | Quintela (San Mamede) | Reboreda (Santa María) | Redondela (Santiago) | Saxamonde (San Román) | Trasmañó (San Vicente) | Ventosela (San Martiño) | Vilar de Infesta (San Martiño) | O Viso (Santa María)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]