Ventosela, Redondela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ventosela
Petróglifos da Pedreira - Ventosela - Redondela.jpg
Petróglifos da Pedreira.
Concello Redondela
Poboación 714 hab. (2014)
Entidades de poboación 2

San Martiño de Ventosela é unha parroquia que se localiza no concello de Redondela. Segundo o IGE en 2014 tiña 750 habitantes (377 homes e 373 mulleres). Están distribuídos en dúas entidades de poboación (355 en Castiñeira e 395 no Vilar do Mato). Ten unha superficie de 8 km².

Barrios e Lugares[editar | editar a fonte]

A parroquia de San Martiño agrupa dous barrios claramente diferenciados, O Vilar do Mato, cara a ría de Vigo, e Castiñeira cunha situación netamente interior. Cada entidade ocupa as ladeiras do monte. O punto de unión social e xeográfico entre ámbolos núcleos é o lugar elevado onde se atopa a igrexa parroquial de San Martiño, o camposanto e a escola de párvulos que aínda segue en funcionamento.

Vilar do Mato é unha agrupación de varios lugares ben diferenciados, artellados ladeira abaixo en varios socalcos. As casas están maiormente situadas unha tras doutro ao longo da estrada que une o lugar a Pantalla (cruce coa estrada N-550) e a estrada cara Castiñeira e a veciña parroquia de Reboreda. Os principais sub-núcleos son O Eido de Arriba, o Cotiño, Fontecova e o Eido de María.

Castiñeira ten unha disposición semellante con varios lugares (como A Carosa) estruturados arredor dunha estrada que remata no monte.

Aldeas Infantís[editar | editar a fonte]

Un terceiro barrio constituíuse máis recentemente no lugar da Miñoteira, onde a finais dos anos 70 e polas presións da familia Regojo,[Cómpre referencia] de empresarios téxtiles redondeláns, os veciños cederon varios matos para a instalación de Aldeas Infantís de España - SOS. Nesta parte da aldea instalouse unha urbanización desta ONG na que se acollen nenos orfos ou de fogares con problemas agrupados en varias casas cun titor en cada unha. Polas súas características e ao tratarse dun recinto ben delimitado xeralmente non se considera parte do resto da aldea.

Con todo no alto da Miñoteira instalouse a fins dos 80 o campo de fútbol da parroquia, que desde aquela substituíu ao adro da igrexa coma campo da festa. Nos baixos do palco da festa atópanse os vestiarios do equipo local O Magosto.

Economía[editar | editar a fonte]

O tecido económico ata a finais dos 80 consistía nun modelo híbrido de economía familiar de subsistencia (millo, porcos, vacas, galiñas) con, polo menos, un membro da familia coma empregado industrial (Citroën en Vigo, Fábrica téxtil Regojo en Redondela), construción e mar (mariñeiros de baixura e mariscadoras). Ata a chegada do Mercado Único tamén existía a recollida casa por casa de leite (Larsa).

Na actualidade, porén, as actividades agrarias están en moitos casos abandonadas, mesmo para subsistencia, e a aldea, pola súa proximidade a Vigo, Pontevedra e Redondela-vila, converteuse esencialmente nunha aldea dormitorio de empregados do sector servizos, construción (especialmente a empresa local Impergalicia) e fábricas (polígonos de Mos, Porriño e Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën).

Vida cultural e asociativa[editar | editar a fonte]

Ademais do equipo local do Magosto, Ventosela conserva os restos dunha antes forte rede asociativa veciñal, especialmente a Comunidade de Montes, encargada de xestionar os montes en man común que ocupan a maior parte da parroquia.

Os fondos extraídos da explotación do monte permitiron construír a mediados dos 90 unha Casa da Cultura a carón do campo do fútbol. Neste edificio instalouse unha activa asociación cultural veciñal e as súas salas de reunión permiten celebrar reunións das asociacións, cursos (informática, enoloxía, costura, coros) ademais de contar coa inevitable taberna que substituíu coma lugar de encontro ás varias tascas que había en Castiñeira e, en menor medida, á tenda de Ghedola en Vilar do Mato.

A aldea tamén conta cunha asociación para as festas patronais de San Martiño en novembro. Ademais da habitual misa e romaría nestas festas tamén se organiza un magosto e un concurso tradicional de trompos. Esta tradición comezou a mediados dos 80 xusto no inicio do revival das festas tradicionais en Galicia sobre todo daquela era unha festa que congregaba a varios miles de persoas e mesmo en ocasións a TVG.

Esta aldea, malia estar a só 13 quilómetros de Vigo, carecía de moitos servizos básicos ata ben mediados os 80 (asfaltado das estradas, teléfono) e mesmo comezos dos 90 (sumidoiros e recollida municipal de lixo).

Por estes motivos no pasado existían varias asociacións para cubrir varias destas carencias, algunha xa extinguida coma a da limpeza de cunetas e outra ben vixente coma é a da Comunidade de Augas. Os veciños sufragaron e construíron os depósitos comúns e as canalizacións polo que mesmo aínda hoxe e malia presións das compañías subcontratadas polos concellos, os habitantes da parroquia non pagan auga.

Finalmente existe unha Sociedade De Socorro Mutuo dos veciños das Parroquias de Ventosela e do Viso. O principal obxectivo era o de compensar aos labregos pola morte dos seus animais. Porén, se ben ata hai vinte anos tódalas casas eran socios, na actualidade moi poucas casas seguen a ter animais polo que a súa supervivencia é esencialmente testemuñal.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Ventosela[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Ventosela no concello de Redondela (Pontevedra)

Castiñeira | O Vilar do Mato

Parroquias de Redondela[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Redondela

Cabeiro (San Xoán) | Cedeira (Santo André) | Cesantes (San Pedro) | Chapela (San Fausto) | Negros (Santo Estevo) | Quintela (San Mamede) | Reboreda (Santa María) | Redondela (Santiago) | Saxamonde (San Román) | Trasmañó (San Vicente) | Ventosela (San Martiño) | Vilar de Infesta (San Martiño) | O Viso (Santa María)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]