Buxo común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Buxo común
Illustration Buxus sempervirens0.jpg
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Buxales
Familia: Buxaceae
Xénero: Buxus
Especie: B. sempervirens
Nome binomial
Buxus sempervirens
L.
O monumental 'Paseo dos buxos', na Illa de San Simón, Redondela.

O buxo común (Buxus sempervirens) é un arbusto ou arboriña sempreverde, orixinaria de Europa, onde medra brava dende as Illas Británicas até a beiramar mediterránea e o Mar Caspio. Común e bravo en Galiza, emprégase moito coma ornamental en xardinaxe formal, especialmente a xeito de sebes. A madeira, dura e rexa, emprégase en ebanistaría para tallas e na construción de instrumentos como a gaita.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo galego e portugués buxo vén do latín: buxus. Tamén existe en galego a variedade dialectal buxe. En inglés chámanlle box. O termo castelán boj entrou a través do catalán e aragonés: boix.

Descrición[editar | editar a fonte]

O buxo común adoita ter hábito arbustivo ou de arboriña, podendo acadar excepcionalmente os 12 m de altura. O talo ten moitas poliñas, a casca é lisa non exemplares máis novos, e gretada nos máis vellos, de cor parda cinsenta. As follas son perennes, lanceoladas ou ovadas elípticas, opostas, coriáceas, de cor verde escura pola face e máis claras polo envés, de até 30 mm, co bordo algo curvado cara abaixo.

As flores son monoicas, con masculinas e femininas presentes no mesmo exemplar; aparecen nos comezos da primavera, en inflorescencias miudiñas de varias flores masculinas e unha feminina nas axilas foliares. Miden uns 2 mm, de cor amarela, pouco vistosas, carentes de corola, sen recendo porén ricas en néctar, que atrae a himenópteros (abellas, avésporas...) e dípteros (moscas). O froito é unha cápsula marrón ou cinsenta, coriácea, de arredor de 1 cm de longo, que contén numerosas sementes.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Medra bravo en zonas de matos, outeiros e outros terreos máis ben secos e rochosos de Europa e Asia menor. Cultívase con frecuencia coma ornamental de xardinaxe, especialmente para formar sebes de topiaria. Medra moi amodo, polo que rara vez se produce de semente, preferíndose a reprodución por esgallos. Tamén en ambiente natural e bravo se reproduce por estolóns.

Prefire a media sombra, aínda que atura ben o sol se ten humidade de abondo. Prefire os solos ben drenados, ricos, mais nunca enchoupados, lixeiramente calcarios se non son neutros. Cómpre dun inverno fresco, resistindo ben as xeadas , o vento e a seca.

De crecemento moi amodo, pode acadar os 600 anos de idade. Dáse de preferencia nos terreos calcarios da zona norte e oriental da Península Ibérica. Atura moi ben a poda e non perde a follaxe polo inverno. Pode regromar de cepo tralos lumes.

Doenzas[editar | editar a fonte]

O buxo padece o ataque do fungo Pseudometria rousseliana, que produce o chamado cancro do buxo, caracterizado por manchas de cor rosada ou vermella en follas e pólas; diminúe marcadamente o vigor da planta e pode aínda chegar a matala. Utilízanse preparados de cobre para combatelo. Outros fungos que o afectan son o Mycosphaerella patouillardi, que provoca a caída das follas, manifestándose con pintas brancas persistentes. O Phyllosticta buxina produce síntomas similares á cancrose dos cítricos e o Phytophthora cinnamomi afecta a raíz de maneira incurábel.

Dende 2014, os buxos de Galiza vénse afectados pola avelaíña do buxo (Cydalima perspectalis), un insecto de orixe asiática cuxas eirugas aliméntanse masivamenta das follas do arbuto até causar a súa morte.

Formacións senlleiras en Galiza[editar | editar a fonte]

Sebes de buxos no parque de Castrelos en Vigo.

O buxo é un arbusto que se cultiva como ornamental dende hai séculos, especialmente en xardíns urbanos e palacianos para crear labirintos de sebes e topiaria. Seis formacións galegas aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia na categoría de formacións senlleiras:

Outras:

Etnografría galega[editar | editar a fonte]

O buxo intégrase na cultura galega e atlántica como planta con propiedades máxicas e múltiples usos.

Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo (1958-1961) fala do buxo:

  • O buxo é un arbusto ou arboriña de follas coriáceas e persistentes; medra moi amodos; está dotado de gran lonxevidade; florea de febreiro a maio; cultívase dende tempos remotos coma planta de horta e xardín para bordear os carreiros, e antigamente se empregou con fins medicinais. É común en Galiza; a súa madeira dura, pesada, compacta, homoxénea, de cor amarela de limón, de corte limpo e capaz de belo pulido, empregárona moito os nosos artistas para algunhas pequenas estatuas ou esculturas e para os gravados ao buxo, nos que produciron obras mestras; é ademais moi usada polos torneiros, e con ela se fixeron e se fan no noso país buxainas, culleres, fusos, panillos para as sonadas puntillas de Camariñas, garfos e outros obxectos varios. En terapéutica usábase o buxo e algún dos seus principios activos coma purgante, drástico, vermífugo, febrífugo e sudorífico.

Ditos[editar | editar a fonte]

  • Forte coma un buxo ou San coma un buxo, o que é moi forte e san.

Literatura[editar | editar a fonte]

Rosalía de Castro, na súa obra Follas Novas ( p. 125, 2a edic.), fala dos buxos:

Buxos que xa contan sigros

e que xuntos verdeguean

formando de rama e troncos

vales que naide atravesa.

Usos[editar | editar a fonte]

Xardinaxe[editar | editar a fonte]

Como planta ornamental nun vaso.

Dende a época clásica, usouse en Grecia e Roma para demarcar xardíns formando sebes. Aínda despois da caída do Imperio Romano debeu perdurar o seu uso, posto que Alberto Magno documenta no século XIII que na actual Alemaña se conservaban exemplares a ese efecto, aínda que se ignora se moi extensamente. Con Claude Mollet gozou de grande aceptación nos elaborados xardíns renacentistas.

Madeira[editar | editar a fonte]

A dureza e fino gran da súa madeira fixo que se empregase coma prancha de greavados e imprentas, así coma para instrumentos de vento-madeira, especialmente en Galiza a gaita. O ton da madeira é amarelento e é moi densa. En ebanistaría úsase en traballos de torneado e pequenos trebellos caseiros, pola súa estrutura homoxénea e non fibrosa (culleres, cuncas etc.). As follas foron usadas coma substituto do lúpulo na fabricación de cervexa.

Menciña[editar | editar a fonte]

As follas e froitos son tóxicos, mais non para algunhas aves que espallan as sementes. Contén varios alcaloides, en especial ciclobuxina D, que se concentra até nun 3% nas follas e na casca. A ciclobuxina ten unha dose media letal de 0,1 mg por quilo de peso. Porén, atribúenselle propiedades medicinais, contra a malaria e as infeccións intestinais especialmente. O seu uso é sumamente perigoso; unha sobredose lixeira pode producir vómitos, porén resulta fatal en concentracións máis elevadas. Os alcaloides esteroídicos confírenlle propiedades como sudorífico, laxantes-purgantes, segundo a dosificación, colagogo e cardiotónico. Topicamente tense usado como antiséptico. A casca tense usado como antihelmítico, as follas como sucedáneo da quinina en febres maláricas. A destilación dun óleo esencial eficaz en odontoloxía. En homeopatía como antirreumático. Indicado para disquinesias hepatobiliares, estrinximento, reumatismos (como depurativo). Feridas, alopecia, psoríase e dermatite seborreica do coiro cabeludo. Contraindicado con tratamentos con parasimpaticolíticos, hipotensión, convalecencia, embarazo, lactación e nenos menores de 15 anos, gastrite, ulcus gastroduodenal. Pode producir irritación das mucosas dixestivas. Non é recomendábel o seu uso coma purgante: pode causar dores cólicos por irritación gastrointestinal e, en doses maiores, trastornos nerviosos e respiratorios, pola súa acción sobre o sistema nervioso central. Cando se aplica topicamente, pode producir dermatite de contacto.

Úsase a casca da raíz e mailas follas. Apáñase durante todo o ano. Infusión de uso interno: unha cullerada de café por cunca. Repousar 10 minutos. Tomar tres veces ao día (lembrar que pode producir irritación gástrica). Infusión en uso externo ao 5% en forma de fretas e locións.

Principios activos
contén alcaloides esteroídicos: buxina, cloprotobuxina, parabuxina, buxinidina, parabuxinidina, buxinamina e outros alcaloides secundarios: beberina, bebuxina, buxalfina, buxamina, buxaminol; aceite esencial butiráceo, taninos.

Menciña tradicional galega[editar | editar a fonte]

Francisco Javier Rodríguez Gil escribía en 1854: Disque a súas cinsas fan nacer e medrar o cabelo. As súas follas cocida, son un moderado purgante; e os seus pos tomados en dose dunha oitava parte de onza, fan purgar ou causan dexeccións albinas ou cámaras albinas[1]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Buxus sempervirens foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 983. 1753.[2]

Sinonimia
  • Buxus angustifolia Mill.
  • Buxus arborescens Mill.
  • Buxus argentea Steud.
  • Buxus aurea Steud.
  • Buxus caucasica K.Koch
  • Buxus colchica Pojark.
  • Buxus crispa K.Koch
  • Buxus cucullata K.Koch
  • Buxus elegantissima K.Koch
  • Buxus fruticosa Borkh.
  • Buxus handsworthii K.Koch
  • Buxus macrophylla Dippel
  • Buxus marginata Steud.
  • Buxus mucronata Baill.
  • Buxus myrtifolia Lam.
  • Buxus rosmarinifolia Baill.
  • Buxus salicifolia K.Koch
  • Buxus suffruticosa Mill.
  • Buxus tenuifolia Baill.
  • Buxus variegata Steud.
  • Buxus vulgaris Bubani
  • Buxus hyrcana Pojark. [1947[3][4]

Nome común[editar | editar a fonte]

Verde, mirto, mirte, mirta, míltura, miltra, buxo, buxe, boxo, boxe, box e boghe[5].

Ntas[editar | editar a fonte]

  1. Francisco Javier Rodríguez (1854c): Diccionario gallego-castellano, transcrito do ms da RAG e traducido ao galego do castelán
  2. "Buxo común". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 7 de febreiro de 2013. 
  3. Buxo común en PlantList
  4. "Buxus sempervirens". Tela Botánica. Consultado o 13 de novembro de 2009. 
  5. "Buxo (Buxus sempervirens)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 17 de setembro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  1. Fernández Nava, R. 1994. "Buxaceae". 27: 1–6. In J. Rzedowski & G. Calderón de Rzedowski Fl. Bajío. Instituto de Ecología A.C., Pátzcuaro.
  2. Jørgensen, P. M. & S. León-Yánez. (eds.) 1999. Catalogue of the vascular plants of Ecuador. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 75: i–viii, 1–1181.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Buxo común
Wikispecies
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Buxo común