Gerty Theresa Cori

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gerthy Radnitz Cori»)
Gerty Theresa Cori
Datos persoais
Nome completoGerty Theresa Radnitz
Nacemento15 de agosto de 1896[1]
LugarPraga, Imperio Austrohúngaro
Falecemento26 de outubro de 1957[1]
LugarSt. Louis, Missouri, Estados Unidos
Causamielofibrose idiopática e insuficiencia renal
NacionalidadeCisleitania, Checoslovaquia e Estados Unidos de América
CónxuxeCarl Ferdinand Cori
Actividade
CampoBioquímica
Alma máterUniversidade alemá de Praga e German University in Prague Medical School
Contribucións e premios
PremiosPremio Nobel de Medicina no ano 1947
editar datos en Wikidata ]

Gerty Theresa Cori, nada en Praga o 15 de agosto de 1896 e finada en St. Louis (Missouri) o 26 de outubro de 1957, foi unha bioquímica estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Gerty Theresa Radnitz naceu no seo dunha familia xudía. O seu pai, Otto Radnitz, foi un químico que se converteu en xerente dunha refinaría de azucre despois de inventar un exitoso método de refinación.[2]A súa nai, que contaba entre os seus amigos a Franz Kafka, era unha muller culta e sofisticada. Realizou os primeiros estudos en casa con profesores particulares e posteriormente foi inscrita nun colexio para nenas, cando tiña 16 anos de idade decidiu que quería ser médico. Animada por un tío materno, profesor de Pediatría na universidade, estudou e aprobou o exame de admisión da universidade para asistir á escola de Medicina.

Foi admitida na Facultade de Medicina da Universidade alemá Carl Ferdinand en Praga en 1914 [3] e obtivo o doutoramento en Medicina en 1920. Mentres estudaba na universidade coñeceu a Carl Cori, e​ casaron en 1920, despois de graduarse, e Gerty converteuse ao catolicismo, que era a relixión de Carl. Despois da voda mudáronse a Viena, Austria, onde Gerty pasou os seguintes dous anos traballando no Children' s Carolinen Hospital, mentres Carl traballaba nun laboratorio.​

Durante a súa estancia no hospital traballou na unidade de Pediatría e ademais levou a cabo investigacións no campo da regulación da temperatura, o comparativo de temperaturas antes e despois do tratamento de patoloxía tiroidea e publicou artigos sobre trastornos do sangue.[2] A vida volveuse moi difícil despois da primeira guerra mundial, Gerty mesmo sufriu xeroftalmía, unha enfermidade dos ollos ocasionada por deficiencia de vitamina A, causada pola severa desnutrición que lle provocou a escaseza de alimentos. Estes problemas, xunto co crecente antisemitismo, contribuíron a que a parella decidise abandonar Europa.

Carreira nos Estados Unidos.[editar | editar a fonte]

En 1922, emigraron aos Estados Unidos — Gerty seis meses despois de Carl, debido á dificultade para obter un emprego— para dedicarse á investigación médica no State Institute for the Study of Malignant Diseases —Instituto Estatal para o Estudo de Enfermidades Malignas, actualmente Roswell Park Cancer Institute— en Búfalo, Nova York. En 1928, convertéronse en cidadáns naturalizados dos Estados Unidos.​ [4]

Aínda que eran desalentados a traballar xuntos en Roswell, seguiron facéndoo, e especializáronse na investigación do metabolismo dos carbohidratos. Estaban particularmente interesados en como se metaboliza a glicosa no corpo humano e nas hormonas que regulan este proceso.​ Publicaron cincuenta artigos mentres estiveron en Roswell, presentaban en calidade de primeiro autor a quen fixera a maior parte da investigación para un determinado estudo. Gerty Cori publicou once artigos como único autor. En 1929, propuxeron o ciclo teórico que máis tarde lles fixo gañar o Premio Nobel, o ciclo de Cori.​ O ciclo describe a forma en que o corpo humano utiliza algunhas reaccións químicas no tecido muscular, para romper carbohidratos como o glicóxeno—un derivado da glicosa— en ácido láctico, mentres ao mesmo tempo sintetízanse outros.[5]

Os Cori deixaron Roswell despois de publicar o seu traballo sobre o metabolismo dos carbohidratos. Algunhas universidades ofrecéronlle unha posición a Carl, pero negáronse a contratar á súa esposa. Durante unha das entrevistas, Gerty foi informada que se consideraba «pouco estadounidense» que unha parella de esposos traballase xuntos.[2] En 1931, mudáronse a St Louis, Missouri, onde lle ofreceron a Carl un posto como investigador na Escola de Medicina da Universidade de Washington. A pesar dos seus antecedentes, a Gerty ofrecéronlle soamente un posto como investigadora asociada, cun soldo que correspondía á décima parte do que gañaba Carl,ademais advertíronlle que podía prexudicar a carreira do seu marido.[4]​ En 1943, foi nomeada profesora asociada de investigación en Bioquímica e Farmacoloxía. Meses antes de que gañase o Premio Nobel foi ascendida a profesor titular, cargo que ocupou ata a súa morte en 1957.​ [6]

Continuaron traballando en colaboración na Universidade de Washington. Nas súas análises con músculo de ra moído, descubriron un composto intermedio que permitía a degradación do glicóxeno, chamado glicosa-1- fosfato agora coñecido como o éster de Cori.[7] Estableceron a estrutura do composto, identificaron a encima que cataliza a súa formación química, a glicóxeno fosforilase, e demostraron que o éster de Cori é o paso inicial na conversión do carbohidrato glicóxeno en glicosa —do que existen grandes cantidades no fígado—.​ Tamén pode ser o último paso na conversión da glicosa sanguínea en glicóxeno, xa que é un proceso reversible.[8]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Obtivo o Premio Nobel de Medicina en 1947 canda a Carl Ferdinand Cori[1], seu marido, pola súa descoberta da conversión catalítica do glicóxeno, tras o seu desenvolvemento profesional na Universidade de Washington en St. Louis (Missouri).

O cráter Cori na Lúa foi nomeado na súa honra.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Gerty Cori - Biography Arquivado 21 de outubro de 2012 en Wayback Machine. nobelprize.org
  2. 2,0 2,1 2,2 "Carl and Gerty Cori and Carbohydrate Metabolism". American Chemical Society (en inglés). Consultado o 2021-05-09. 
  3. 3,0 3,1 Altschuler e Ballesteros (2016)
  4. 4,0 4,1 National Library of Medicine. «Dr. Gerty Theresa Radnitz Cori» (en inglés). Nih.gov. [1]
  5. "Women in Chemistry: Gerty Cori". web.archive.org. 2010-06-20. Archived from the original on 20 de xuño de 2010. Consultado o 2021-05-09. 
  6. "Missouri Women in the Health Sciences - Biographies - Gerty Cori". beckerexhibits.wustl.edu. Consultado o 2021-05-09. 
  7. "Carl and Gerty Cori and carbohydrate metabolism". web.archive.org. 2012-02-29. Archived from the original on 29 de febreiro de 2012. Consultado o 2021-05-09. 
  8. "Carl Ferdinand & Gerty Theresa Cori". www.nobel-winners.com. Consultado o 2021-05-09. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Daniel Roberto Altschuler e Fernando J. Ballesteros (2016). Las mujeres de la Luna. Historias de amor, dolor y valor. Editorial: Next Door Publishers e Jot Down Books (Colección El café Cajal). ISBN: 978-84-944435-4-1

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre unha personalidade é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.