Castelo de Pambre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «A Torre, Pambre, Palas de Rei»)
Castelo de Pambre
ben de interese cultural, elemento da Lista Vermella do Patrimonio e parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade
ConcelloPalas de Rei
ProvinciaLugo
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°51′35″N 7°56′54″O / 42.859686, -7.94825Coordenadas: 42°51′35″N 7°56′54″O / 42.859686, -7.94825
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalgótico (s.XIV, c.1375[1])
Estilo actualgótico (s.XIV)
Estado actualvisitable
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Pambre é unha fortaleza medieval galega que se alza a 44 m de altitude nun penedo á beira do río Pambre, situada na parroquia de Pambre (Palas de Rei, Lugo).

O castelo é unha das mellores mostras da arquitectura medieval militar que existe en Galicia, e das poucas que quedaron en pé tras a revolta irmandiña. Atópase en bo estado de conservación. A capela románica contida nas súas murallas é anterior á súa construción e foi durante séculos igrexa parroquial de Pambre baixo a advocación de San Pedro, patrón da parroquia de Pambre.

Hoxe coñecido como "Castelo de Pambre", tal denominación popularízase en Galicia, máis que debido á súa cualidade de tal, a partir da publicación no ano 1895 da novela O Castelo de Pambre, de Antonio López Ferreiro. Con anterioridade era coñecido como Fortaleza ou Torre de Pambre, e así aparece citada na cartografía e outra documentación dos séculos anteriores. Esta denominación aínda é habitual entre as xentes da Ulloa.

Historia[editar | editar a fonte]

Acceso principal

As lendas tradicionais outorgan a súa construción aos mitolóxicos mouros en só unha noite. A lenda devén do feito de ser construído de xeito rápido pola xustificada présa de Gonzalo Ozores de Ulloa, como de seguido se explica. De tal feitío queda constancia no abondoso e variado das marcas de canteiro labradas nos perpiaños de toda a construción, o que denota un gran número de artesáns traballando na obra durante un breve período de tempo, do que asemade dá fe a unicidade e coherencia do seu estilo arquitectónico, dun gótico avanzado.

Durante anos, o lugar foi escenario das loitas entre Pedro O Cruel e Henrique II de Castela. Antes da súa construción tivo lugar á beira do río Pambre a batalla entre as tropas de Fernando Ruiz de Castro, partidario do asasinado en Montiel Pedro I e as tropas de Pedro Ruiz Sarmiento, Adiantado Maior de Henrique II. Derrotado de Castro, houbo de exiliarse a Portugal e posteriormente a Inglaterra, onde morreu.

En realidade, foi construído a finais do século XIV por Gonzalo Ozores de Ulloa.

Gonzalo pagou a súa lealdade ao bando perdedor con varios anos de prisión. Tras ser liberado, tivo que loitar contra os Seixas que usurparan as súas terras, gañando nesas loitas as fortalezas de Curbián e San Paio de Narla. Cando xa se viu vencedor mandou construír este castelo, que máis tarde foi de novo escenario de loitas, as ocorridas entre a nobreza e o arcebispo de Santiago de Compostela, Alonso III de Fonseca.

Foi un dos poucos castelos que non foron destruídos polos irmandiños, e salvouse grazas á astucia de Sancho Sánchez de Ulloa que tratou de falar cos sublevados nunha histórica reunión en Melide e que, ante as esixencias de que entregase o castelo, e temendo pola súa vida, decide fuxir, salvando a vida e o castelo, que foi respectado polos irmandiños.

Durante o século XV a fortaleza exerceu a función militar e tamén a de fielato como lugar de paso obrigado e suxeito ao pago do portádego polo uso do camiño. Despois de pasar á propiedade dos Ulloa, en 1484, pasou a propiedade dos condes de Monterrei. No documento de aforamento a perpetuidade outorgado no ano 1702 a Manuel Moreiras (quen xa viña exercendo de caseiro) xa se cita que só restan en pé os lenzos exteriores da construción, dedicada, xunto cunhas 40 hectáreas da contorna, á explotación agropecuaria.

No ano 1895 un secretario do duque de Alba vendeu a fortaleza xunto cos seus bens e outros edificios ao veciño de Palas de Rei Xosé Soto[2] por 27 000 pesetas, nunha escura manobra que contradicía os termos do aforamento a perpetuidade outorgado case douscentos anos antes. Tras os correspondentes preitos, a propiedade confirmouse para a familia Moreiras —que nunca a chegara a abandonar— no 1912 na persoa de Manuel Moreiras, de quen o herdaría o seu irmán materno, o polígrafo Manuel García Blanco, lembrado catedrático no Instituto de Lugo, Delegado de Estatística provincial e autor de obras de investigación lingüística, principalmente sobre toponimia e defensa da lingua galega, con frecuencia baixo o pseudónimo, de Manuel da Torre, en referencia precisamente á fortaleza de Pambre.

García Blanco tentou en numerosas ocasións a posta en valor da construción perante a Deputación Provincial de Lugo e o Ministerio de Cultura, ben que de xeito desafortunado. Mediante a súa amizade e influencia na Comisión de Monumentos de Lugo conseguiu a admisión de varias pezas arqueolóxicas para o Museo Provincial de Lugo, como unha colección de muíños de época romana e outros materiais que constan como doazón súa, como a interesante lápida sepulcral do capitán Payo Varela, alcaide da fortaleza, e da súa dona, datada no ano 1620. Foi, asemade, autor dalgún estudo sobre Pambre, debéndoselle o trazado da planta da construción máis exacto do que aínda se dispón, publicado no tomo correspondente da obra de Manuel Vázquez Seijas Fortalezas de Lugo y su provincia.

No ano 1974 a fortaleza e as terras unidas á propiedade foron vendidas a Manuel Taboada Fernández, quen pronto se despreocupou pola posesión, pechándoa e rematando co seu uso, véndose de tal xeito moi deteriorada durante os seguintes anos, o que provocou dende os anos 90 do século XX numerosas e periódicas protestas populares reclamando a súa posta en valor e uso público. Á súa morte, no ano 2009, doouno testamentariamente á congregación relixiosa benéfica dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres da cidade de Vigo, que o vendeu á Xunta de Galicia no 2011.[Cómpre referencia]

Descrición e características[editar | editar a fonte]

O Castelo de Pambre é o mellor exemplo de arquitectura militar medieval de Galicia.[1]

O castelo é de planta cadrada, con catro torres situadas nos vértices.

Muralla exterior[editar | editar a fonte]

A planta do amurallamento principal é un rectángulo irregular, con vinte e un metros de largo por dezasete de ancho, sendo o seu eixe maior o nordeste-suroeste. Os muros setentrionais son corridos e os meridionais están abertos por aspilleiras verticais e circulares.

A muralla exterior, perforada por nove aspilleiras, unhas verticais e outras circulares, adáptase á configuración do terreo. O seu grosor é de 2 a 2,5 metros, chegando aos 5 metros na zona da porta de acceso. Esta é de arco de medio punto cunha oxiva lanceolada, co escudo de armas da familia Ulloa na clave (quince escaques). Aínda hoxe en día se poden ver nos paramentos as pegadas deixadas polas escaleiras que levaban aos adarves. No extremo da diagonal ábrese unha poterna (porta auxiliar).

Muralla interior[editar | editar a fonte]

A segunda muralla, rodeada por unhas cruxías ao descuberto e coroada por unha secuencia de modillóns que soportan o matacán, posúe unha porta cara ao oeste coas mesmas armas.

Torre da homenaxe[editar | editar a fonte]

Torre da homenaxe.

No centro atópase a torre da homenaxe, de planta cadrada, 11 metros de lado e tres plantas. A primeira planta é cega, nela ábrese unha porta románica situada a cinco metros do chan. A segunda planta elévase uns 5 metros do chan e existen vestixios que permiten imaxinar unha ponte interior que comunicaría esta planta coa muralla, a través dunha porta con arco apuntado e escudo de armas dos Ulloa. Na terceira planta hai un ventanal de arcos apuntados xeminados con arquiños en lobo.

Todas as torres están ameadas en beiril con ameas en punta ou triángulo, e o seu interior ilumínase a través de pequenas fiestras afuniladas con faladoiros, derramo interior e arco rebaixado.

A fachada do mediodía presenta unhas defensas similares. Unha ventá conserva a inscrición Ave María en caracteres góticos.

Capela[editar | editar a fonte]

Arco triunfal na capela.

Á dereita da entrada atópase a Capela de San Pedro, posibelmente construída a finais do século XII en estilo románico, acaso erixida sobre de estruturas anteriores, habendo indicios dunha mámoa. Posúe unha planta duns corenta e dous metros cadrados e ábsida rectangular. O tímpano da porta principal apoiase sobre mochetas coa moldura en forma de pirámide e a outra cunha roseta de catro follas. O tímpano da porta do sur agocha un arco de medio punto apoiado sobre mochetas lisas. A maioría dos canzorros son lisos, habendo algúns figurados con motivos florais e bestiarios. Foi igrexa parroquial de San Pedro de Pambre e formou parte do patrimonio do Mosteiro de Samos. Nela Antonio López Ferreiro sitúa unha escena da súa novela O Castelo de Pambre. Orixinariamente de planta terrea, foi cuberta por lousame granítico, probabelmente a mediados da década de 1980, o que orixinou a intervención da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, prohibindo sucesivas intervencións privadas que puideran estragar oportunas investigacións arqueolóxicas (no subsolo da capela foi onde Manuel García Blanco descubriu a lápida do capitán Paio Varela e a súa dona Xoana).

Materiais arqueolóxicos[editar | editar a fonte]

Existen indicios de estruturas construtivas anteriores á capela románica do século XII, acaso unha mámoa megalítica de considerábeis dimensións logo cristianizada, o que non resulta estraño tendo conta da abundancia de mámoas na contorna e o achegado do castro de Remonde. Na capela foi descuberta a lápida sepulcral pertencente ao capitán Payo Varela, alcaide da fortaleza, e Xoana de Novoa, a súa dona. Datada pola súa inscrición no 1620, posúe unha interesante labra heráldica (un escudo abarcado por unha aguia coroada e dividido en carteis con elementos como dous porcos pasantes superpostos, unha aguia, cinco semirodas de carro e un castelo sobre ondas) e a inscrición epigráfica que indica a pertenza dos restos mortais. Atópase depositada no Museo de Lugo, entre as doazóns de Manuel García Blanco, quen tamén achegou á mesma institución outros materiais como unha colección de moas de muíño de época romana.

Lendas[editar | editar a fonte]

Ademais da xa citada acerca da súa construción polos mouros nunha soa noite, arredor da fortaleza fóronse tecendo outras lendas, coma a citada, con menor ou meirande base histórica. Así, entre outras, atopamos a que mantén que un nobre francés peregrinando a Santiago, logo de ser atacado por bandidos, foi auxiliado polo señor do castelo, que o atendeu xunto coas súas dúas fillas deica sandar. Volvendo xa de Compostela á súa patria, o nobre recuncou agradecido en Pambre, onde pediu a man dunha delas da que ficara namorado, marchando os dous á súa afastada terra. A irmá, agardando solitaria polo seu cabaleiro, morreu de saudade, habendo quen asegura que a súa pantasma aínda pode verse de cando en vez fitando cara ao Camiño de Santiago dende certas xanelas das torres do castelo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Castelo de Pambre en Turgalicia.
  2. Fernández Salgado 2012, p. 16

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]