Castelo de Vilamarín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Vilamarín
ConcelloVilamarín
ProvinciaOurense
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°27′03″N 7°54′02″O / 42.45079722, -7.90062778Coordenadas: 42°27′03″N 7°54′02″O / 42.45079722, -7.90062778
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal? (século XV e XVI)
Estilo actual? (século XV e século XVIII. Rehabilitado no Século XX)
Estado actualVisitable. Sala de exposicións
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Vilamarín, tamén coñecido como Pazo de Vilamarín, é un pazo que conserva moito da súa función como fortificación medieval, e que na actualidade funciona como sala de exposicións albergando ao mesmo tempo unha exposición permanente da obra de Xaime Quessada. Foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1977.

Figura solar

Situación[editar | editar a fonte]

Érguese no lugar coñecido como Casal de Bouza, lugar este que pertenceu aos dominios do mosteiro de Oseira, no concello ourensán de Vilamarín.

Sitúase nun lugar pouco elevado sobre unha pequena elevación de rocha granítica que domina as terras chairas que o rodean.

Historia[editar | editar a fonte]

Porta principal
Escudo
Ronda de garda
Capela

As orixes deste edificio son descoñecidas. O certo e comprobable é que a vila de Vilamarín foi unha das doadas por Afonso VII ao tenente do Castelo de Allariz en recompensa aos seus servizos na guerra. Esta doazón foi confirmada por Fernando III O Santo e por Sancho IV. O pazo pertenceu ao conde de Ribadavia e foi destruído durante a revolta irmandiña en 1467.[1]

Despois de sufrir un período de abandono, a finais do século XVII, xa formando parte da propiedade do conde de Maceda, foi obxecto de profundas reformas que lle conferiron o actual aspecto de pazo fortificado con solucións arquitectónicas barrocas. No ano 1603 segundo noticias de Ángel del Castillo o conxunto permanecía deshabitado.

Tempo máis tarde vincularase ao conde de Taboada. Segundo Ángel del Castillo, a finais do século XVII figura esta Casa como propiedade do Conde de Maceda. O Catastro de Ensenada confirma esta noticia no século XVIII, xa que di que en Vilamarín o Conde de Maceda "tiene una casa en el Lugar de Fortaleza, de un alto, con su bodega, granxa, cozina y caballerizas e que paga por todo iso ao Convento de San Paio de Antealtares"[2].

Durante o século XIX pasou por varios donos. A principios do século XX pertenceu á familia de la Maza. Pedro de la Maza vendeullo a Juan López Suárez, que o tivo durante 24 anos, pasando logo a mans de José Vicoña Otero ata que no ano 1976 llo vendeu a actual propietaria, a Deputación Provincial de Ourense.

Esta comezou unha serie de obras de restauración do conxunto que remataron no ano 1987. A dirección das mesmas estivo a cargo do arquitecto Carlos Fernández-Gago Varela. O resultado final foi merecedor da medalla de prata da Asociación Española de Amigos de los Castillos.

Descrición[editar | editar a fonte]

Exterior[editar | editar a fonte]

O edificio, construído en perpiaños de granito cóbrese cunha cuberta de tella a catro augas, tellado do que sobresaen catro chemineas, unha delas particularmente interesante. Esta cuberta únese aos muros por medio dunha cornixa moldurada. A cheminea da cociña elévase ata cinco metros e é de sección cadrada de máis de dous metros de lado.

Presenta unha planta[3][4] poligonal irregular con sete esquinas, produto da incorporación dos varios engadidos ao longo do tempo e que da como resultado unha especie de hexágono alongado que semella un rectángulo. En palabras de Taboada Chivite trátase "de una composición insólita y de formulación ingeniosamente arbitraria"[5]

Cinco torres con matacáns beirís apoiados en modillóns dominan o conxunto. Delas tres son de sección circular e dúas, as que dan cara ao norte, de sección cadrada. Nos lados menos protexidos, o noroeste e o suroeste, unha barbacana duns seis metros de altura reforza o sistema defensivo. Nas ás noroeste e suroeste non necesitan de barbacana xa que o terreo baixa con moita pendente e xunto coa altura do muro exterior fannos inaccesibles.

A Porta principal ábrese na fachada noroeste entre a torre circular dunha das esquinas e outra torre semicircular situada no centro deste pano noroeste. A porta é de arco de medio punto formado por grandes doelas de coidada cantería. Por encima dela unha estreita balconada con balaustrada une as dúas torres que flanquean o acceso. Tanto esta balconada como os beirís dos matacáns teñen canoneiras de defensa orientadas cara a defensa da porta.

Da torre da esquerda da portada parte un muro que limita a pequena rampla de acceso e cuxo deseño obriga a unha entrada acodada antes de alcanzar a porta.

O conxunto conserva as barbacanas, as seteiras e o camiño de ronda pola parte oeste. Porén, non conserva o seu ameado que foi substituído por unha cornixa moldurada con canos e gárgolas. Na sexto ángulo consérvase un garito de defensa apoiado sobre canzorros de sección circular.

Un reloxo de area en forma de patenilla coroa a torre da esquina suroeste. Noutro lugar un pecíolo de pedra un círculo biselado retrata a unha estrela bonachona ou exótico sol do que saen doce raios. No edificio os brasóns das armas dos Vilamarín[6] permanecen a pesar da erosión do tempo.

En fronte ao castelo pódese ver unha capela e preto dela unha moderna estatua dun antigo guerreiro así como dous cabaceiros de madeira sobre tornarratos de pedra.

A Capela[editar | editar a fonte]

A capela do século XVIII dedicada a San Gregorio Magno, é de planta rectangular e cóbrese con cuberta a dúas augas. Decórase con pilastras de sección nas esquinas e coroadas por molduras e remates piramidais rematados en bola. Tamén a fachada remátase na súa parte superior cunha cuádrupla moldura. Coroa a capela unha espadana de dous corpos separados por unha moldura e rematada nun pequeno frontón. A porta principal é alintelada e remarcada con molduras no exterior. Sobre a porta principal un pequeno rosetón. Ábrese outra porta no muro sur. En cada unha das fachadas laterais ábrese unha ventá rectangular.

Interior[editar | editar a fonte]

Panorámica

No interior as distintas dependencias organízanse ao redor dun patio aporticado (ao estilo romano), poida que o antigo patio de armas, e cunha galería aberta no piso alto. Deste patio parte unha escaleira de pedra que comunica co salón intermedio e co piso superior. No piso superior unha serie de salóns que comunican entre si e con accesos á galería con vistas ao patio. Algunhas destas portas presentan arcos carpaneis e outras son portas alinteladas.

A galería apoiase en catro grosos piares de vértices rebaixados situados nos ángulos. No piso alto ábrense ventás rectangulares. A un nivel inferior ábrense dúas ventás cara ao norte e que corresponden a un salón situado nun nivel intermedio.

De especial interese é a cociña, situada no ángulo sur, cunha lareira con campá apoiada en capiteis moldurados. Nesta lareira estivo situada a pedra de armas hoxe en día colocada na entrada do castelo. A cociña ten acceso á torre situada no ángulo sur. Ten a cociña alaceas e fregaduxos conservando tamén o lousado de granito.

Na planta baixa as cortes, os almacéns e algunhas outras estancias que semella serviron de cárceres.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ribera Rodríguez 2000, p. 289.
  2. Catastro de Ensenada. Real de Legos. 898. fol. 698 e 702. A.H.P.OR.
  3. Plano da planta baixa[Ligazón morta]
  4. Plano da planta alta Arquivado 18 de xullo de 2006 en Wayback Machine..
  5. Taboada Chivite, Xesús (1963). Los castillos. Cuadernos de arte gallego. Vigo: Editorial Castrelos. pp. 29–35. 
  6. Segundo Tomás Vega Pato, que toma como referencia textos do padre José Antonio Crespo del Pozo e de frei Felipe de la Gándara, as armas da casa de Vilamarín proceden dos Chacín Douteira. Son: Cinco crecentes de prata cunha estrela de oito puntas de ouro dentro, en campo de goles.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ribera Rodríguez, María Teresa (2000). Pazos ourensanos. Caixanova. pp. 286–290. ISBN 84-699-2988-7. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]