Castelo de Mesía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Mesía
Ben de Interese Cultural
Castelo de Mesia (51).jpg
ParroquiaBascoi
ConcelloMesía
ProvinciaA Coruña
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas43°07′05″N 8°14′35″O / 43.117969, -8.243025Coordenadas: 43°07′05″N 8°14′35″O / 43.117969, -8.243025
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal?
Estado actualRuínas
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Mesía, ou Torre-Fortaleza de Mesía é unha fortificación de finais do século XIII ou comezo do século XIV[1] construída á beira do río Samo na Pobra,[2][3] en Bascoi no concello de Mesía.[4][5] Dende o século XV, durante o Antigo Réxime, exerceuse desde este castelo a xurisdición de Mesía para o arcebispo de Santiago de Compostela.[5][6]

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Reconstrución do castelo.

O castelo constaba dunha torre interior amurallada, con defensas exteriores de forma poligonal, rodeada dun foxo profundo. Arestora o estado de conservación é de abandono e só se conservan parte das defensas exteriores, que son de forma redondeada, moi raras en Galicia.[1] Con todo, nuns puntos conserva uns 18 metros de altura sobre do terreo exterior a cerca, na que se aprecian entre as ruínas os muros divisorios e a entrada do castelo.[7] A torre da homenaxe era moito máis alta cás murallas e probablemente estivese almenada. Os muros teñen un grosor medio de 2,5 m.[7] O groso da cerca é duns 2,60 m e é de cachotería de lousa.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros rexistros históricos que mencionan o castelo datan do 1401 e trátanse dun documento de Gonzalo Díaz de Mesía, que foi señor desta xurisdición a preito de homenaxe das mans de Bernal Yánez, quen tiña a fortaleza polo Arcebispo Lope de Mendoza. O nome de Gonzalo Díaz de Mesía aparece nunha inscrición que figuraba no lintel da porta da torre da homenaxe:

ESTA CASA FEZO D. GONZLAVO (Gonzalvo) DÍAZ DE MESÍA E SUA MOLER M(María) PRES (Peres).
A fortaleza de Mesía está a sete leguas da cidade de Santiago cara Betanzos. Ten as paredes fortes e uns durrumbaderos por toda ela. O redor e pola parte Oriente e do Septentrión, la cerca un río (el Samo) e só a entrada pola porta ten llana. Ten algúns apousentos e razoable vivenda, pero moi lóbrega e melancólica. Na fortaleza e xulgado de Mesía, que ten 2000 vasalos, pon (o Arcebispo) un xuíz, o cal así mesmo es alcaide de dicha fortaleza.
—Cardeal Hoyo, 1608

O cronista Vasco de Aponte na súa obra Recuento de las casas antigas do reino de Galicia, escrita entre os anos 1510 e 1516, di que Gonzalo Díaz de Mesía "sirvió moi ben ao rei D. Enrique e ganou as sete felegresías, era home esforzado e valente. Tiña corenta lanzas e cenhomes. (...) Se o mataban un home, el mataba dous por el. Abateu a casa de Ledoira, Guerreábase con Ruy Sánchez, su primo, facéndolle dous por una. O arcebispo no lle facía forza". Vasco de Aponte continúa o relato dos litixios do Arcebispo Lope de Mendoza pola posesión da fortaleza e como as perdeu e outras liñaxes a herdaron.

O ano 1467 foi determinante na historia do castelo. Os Irmandiños tomárona e foi destruída, pero ó ser abandonada por estes, o Arcebispo Fonseca usurpou a propiedade e restaurouna. Despois da famosa batalla de Altamira, os cabaleiros galegos ó mando de Gómez Pérez das Mariñas II, derrotaran a Fonseca, recuperando o dominio sobre as fortalezas e castelos dos que se tiña apoderado o prelado aproveitando as sublevacións irmandiñas. Gómez Pérez deixou a torre en herdanza á súa filla Dona Ginebra, xunto coa xurisdición e as terras de Mesía, máis ó casar co castelán Luis Azevedo e marchar para Salamanca, outros señores do contorno usurparon a torre, e pretenderon construír mais castelos neste territorio.[5] Mais Azevedo e a súa muller queixáronse a raíña Isabel a Católica, que atendeu as súas demandas en Valladolid no 1476 e ordenou ás xustizas de Galicia que impedisen a edificación doutras fortalezas na xurisdición de Mesía.[5] Malia todo o proceso, en 1523, rematará en poder da mitra compostelá.[7]

No 1858 a construción conservábase intacta. Só dous anos máis tarde, o poeta Ángel Corzo, nunha carta persoal comenta que:[5]

Hai dous días que estou en Mesía, quixen visitar ao seu antigo castelo, e atopeino desfeito polo pico e a sacha do home.

A torre debeuse derrubar no 1859.[2]

Vista panorámica do interior.

A lenda da Infanzona ou Infanta de Mesía[editar | editar a fonte]

Entre as lendas e tradicionais xurdidas á sombra desta fortaleza figura a da Infanzona, que recolle Benito Vicetto nas súas Tradicións feudais de Galicia, publicada en Vigo no 1878, e a lenda incluída no Cancionero de Galicia, editado en Santiago polo poeta Ángel Corzo. Nesa lenda da Infanta de Mesía cóntase como a dona do castelo, namorada dun trobador, decátase de que este entendíase cunha doncela do seu séquito. Así encargoulle, despeitada, a un parente que lle entregase a cabeza da traidora. Na lenda podemos ler:

- Mirade, segundo souben onte, todas as noites esa descoñecida muller, saíndo do castelo á media noite, diríxese ás ruínas do San Cristovo. Alí espéraa el, escoitades?, espéraa Xoán Rodríguez do Padrón, o máis aposto trobador da nosa terra.

- Proseguide. - Esta noite repousade nesa pequena ponte que hai entre as ruínas e o castelo, e cando vexan pasar a misteriosa rival que causa este terrible suplicio que padezo... - Matala...?

- Si; marmexou a infanzona agochando maquinalmente o rostro entre as súas mans como se se avergoñase de pronunciar aquela palabra.
Benito Vicetto[8]

A historia remata coa sorpresa desagradable da cabeza decapitada da filla da dona do castelo.[9]

Outra lenda di que sendo dono do castelo os Churruchaos, ao arcebispo de Santiago gustáballe a filla deste e fixo que a prenderan para levala co arcebispo. O pai da moza cheo de ira colleu un día nunha rúa de Santiago o arcebispo por sorpresa e cravoulle un coitelo causándolle a morte e sendo axusticiado logo o pai da moza polo feito acaecido.[9]

Ben de Interese Cultural[editar | editar a fonte]

O Castelo de Mesía está baixo a tutela do Estado pola lexislación do Decreto de 22 de abril de 1949 sobre Protección de Castillos Españoles, expedido polo Ministerio de Educación Nacional (B.O.E. 5-5-1949) e foi declarado Ben de Interese Cultural o 17 de novembro de 1994 polo Ministerio de Cultura.[10] En 2022, o concello encargou á cooperativa Árbore, a primeira intervención de tipo arqueolóxico que serviu para limpar os restos e consolidar as ruínas para o seu aproveitamento cultural e turístico.[11]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Redacción (27 de setembro de 2022). "Traballos arqueolóxicos sacan á luz partes agochadas do Castelo de Mesía". galiciaconfidencial.com. Consultado o 17 de xaneiro de 2023. 
  2. 2,0 2,1 Berini Pita da Veiga, María (29 de decembro de 2015). "Galicia de Leyenda. el castillo de Mesía". arevolta.net (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2023. 
  3. "Plan xeral de ordenación municipal" (PDF). concellodemesia.es. xaneiro de 2013. Archived from the original on 21 de xuño de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2023. 
  4. "Castelo de Mesía". turismo.gal. Consultado o 17 de xaneiro de 2023. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "A Torre Fortaleza de Mesía". concellodemesia.es. 14 de xuño de 2013. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de2023. 
  6. "Historia". concellodemesia.es. 29 de agosto de 2013. Archived from the original on 29 de agosto de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2023. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "RUTA POLO CONTORNO DO CASTELO DE MESÍA" (PDF). concellodemesia.gal. Consultado o 17 de xaneiro de 2023. 
  8. [1] Revista galaica N.15. Tradicións feudais de Galicia. A Infanzona de Mesía. 1875
  9. 9,0 9,1 Troiano, Xosé (13 de xaneiro de 2013). "Castelo de Mesía". patrimoniogalego.net. Consultado o 17 de xaneiro de 2023. 
  10. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2013. Consultado o 29 de agosto de 2013.  Catálogo arquitectónico. Plano Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Mesía. 2013.
  11. Redacción (5 de outubro de 2022). "A primeira intervención arqueolóxica no Castelo de Mesía descobre accesos ocultos". g24.gal. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.