Saltar ao contido

Castelo de Salvaterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Salvaterra
ben de interese cultural
ConcelloSalvaterra de Miño
ProvinciaPontevedra
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas42°04′50″N 8°29′47″O / 42.08060833, -8.49641111
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal? (século X)
Estilo actual? (En proceso de restauración)
Estado actualPropiedade do concello, Visitable
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O Castelo de Salvaterra é un castelo medieval, tamén coñecido como Castelo de dona Urraca. Localízase na vila de Salvaterra de Miño, nunha atalaia ao pé do río Miño, fronte á vila portuguesa de Monção.

Pazo de Dona Urraca.

Remóntanse as súas orixes aos séculos X e XI. Foi escenario de moitos dos enfrontamentos entre España e Portugal. Nel Dona Urraca dirixiu, aliada con Diego Xelmírez, o ataque contra a súa irmá Tareixa que se proclamara raíña de Portugal no 1121 e que, derrotada na Batalla de San Mamede, tívose que refuxiar no castelo de Lanhoso.

No 1479 Pedro Madruga defendeuse nel do exército enviado polo arcebispo Alonso II de Fonseca.

Desde o ano 1643 ata 1659 pertenceu a Portugal, que proclamara a súa independencia o 1 de decembro de 1640, xa que García Sarmiento de Soutomaior, Conde de Salvaterra deixara a praza ao mando do portugués Gregorio Lopes de Puja. Este chamou ao conde de Castel-Melhor, Xoán Rodrigo de Vasconcelos e Souza, que ocupou a fortaleza (Gregorio Lopes abriulle as portas da vila), tras atravesar o Miño, o 15 de agosto de 1643, non sen enfrontamentos coas xentes do lugar.

Os portugueses reforzaron e melloraron as súas defensas construíndo novos lenzos de murallas e reforzando os baluartes facendo del un castelo case inexpugnable. Por este motivo os españois preparáronse para ocupar Monção tratando de romper a cabeza de ponte con Salvaterra e rodearon o castelo coas fortificacións do Castelo de Santiago de Aitona, a de Fortaleza de Fillaboa e a atalaia de San Pablo de Porto.

A de Fillaboa foi atacada (por 2.000 infantes e 50 xinetes portugueses) e desfeita apenas construída e volveu ser levantada inmediatamente. Tamén atacaron os portugueses a atalaia de San Pablo de Porto aos poucos meses de ser construída, tendo tamén que ser reconstruída.

Este complexo de fortificacións conseguiu o seu obxectivo permitindo a ofensiva sobre Monção, coa axuda da artillaría do castelo de Santiago de Aitona.

Finalmente Monção foi ocupada o 7 de febreiro de 1659, polo que os portugueses tiveron que entregar Salvaterra completamente rodeada, que foi rendida dez días despois ao Marqués de Viana.

As fortificacións que axudaran enormemente a vitoria convertíanse deste xeito nun gran perigo, polo que a Xunta de Guerra decidiu, o 29 de maio de 1659, a demolición das dúas primeiras, só deixando a atalaia de San Pablo de Porto.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Ocupa unha superficie de 9.700 metros cadrados conformados polo recinto amurallado coas súas garitas, a Casa do Conde, o Pazo de Dona Urraca e a Capela da Virxe da Oliva. Do século XII consérvanse as chamadas Covas de Dona Urraca, coa súa escaleira de caracol.

A Capela da Virxe da Oliva

[editar | editar a fonte]

É de planta rectangular e está cuberta de tella árabe a varias vertentes. Aparece brasonada cunha representación da Virxe e coróase cunha Cruz e pináculos barrocos con bolas.

Estado actual

[editar | editar a fonte]

O concello de Salvaterra de Miño adquiriu a súa propiedade e realizou un plan de rehabilitación aínda non concluído. Pese a isto permanece en bo estado de conservación e é posible a súa visita. Hoxe en día[cando?] o castelo é un centro cultural.

Forma parte do Programa Fortrans, aprobado no ano 2006, co obxectivo da recuperación e posta en valor das fortalezas fronteirizas de ámbalas marxes do río Miño.