Reforma Protestante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
A vidriera da Reforma nunha igrexa luterana de Carolina do Sur mostra escenas craves da Reforma Protestante.

A Reforma Protestante foi un movemento de reforma cristiá no Sacro Imperio Romano Xermánico que xeralmente considérase que comeza a partir da publicación das 95 Teses de Martiño Lutero, en 1517, aínda que existen unha serie de precursores como Jan Hus anteriores a este evento. Como período histórico, a Reforma considérase que termina coa Paz de Westfalia en 1648 dando fin as guerras de relixión en Europa[1]; con todo, moitas das denominacións que se produciron durante este período seguen existindo e o protestantismo constitúe unha das ramas máis importantes do cristianismo hoxe en día. Aínda que o movemento comezou como unha tentativa de reformar a Igrexa Católica, os movementos acabaron coa escisión dos grupos reformistas e co establecemento de novas institucións, principalmente, o luteranismo, o calvinismo e o anabaptismo.

Moitos católicos de occidente estaban descontentos coas falsas doutrinas e malas prácticas dentro da Igrexa, as cales consideraban impropias, especialmente no caso da venda de indulxencias. Outra controversia importante foi a práctica de compra e venda de posicións de prestixio no seo da Igrexa (simonía), considerado naquel tempo como unha auténtica corrupción na xerarquía eclesiástica. Esta corrupción considerábase sistémica, chegando mesmo á posición do Papa.

A Reforma en xeral considérase que comeza o 31 de outubro de 1517, na actual rexión alemana de Saxonia, cando Martiño Lutero cravou unha copia das súas Noventa e Cinco Teses na porta da igrexa do castelo de Wittenberg[2], que se empregaba como taboleiro de avisos para a universidade. Nestes noventa e cinco puntos, Lutero expuña as súas criticas á Igrexa e ao Papa. Os puntos máis controvertidos centrábanse nas prácticas de venda de indulxencias e na doutrina da Igrexa no referente ao Purgatorio. Os predecesores espirituais de Lutero foron homes como John Wycliffe e Jan Hus. Outros pastores e teólogos de ideas radicais, como Huldrych Zwingli e Jean_Calvin, seguiron o camiño iniciado por Lutero. As crenzas e prácticas da Igrexa atacadas polos reformistas incluían o Purgatorio, o xuízo particular ás almas, devoción pola Virxe María, a intercesión dos santos, a meirande parte dos sacramentos, o celibato que debían gardar os sacerdotes e os monxes, e mais a autoridade do Papa.

O movemento de reforma pronto se dividiu en diferentes liñas doutrinais. Os desacordos entre Lutero e Zwingli, e máis tarde entre Lutero e Jean_Calvin, conduciu á aparición das igrexas protestantes rivais. As denominacións cristiás máis importantes que xurdiron directamente da Reforma foron os Luteranos, os Reformados/Calvinistas/Presbiterianos e os Anabaptistas. A Reforma Protestante tamén é coñecida como a Reforma Xermánica, a Revolución Protestante, a Revolta Protestante e, en Alemaña, a Reforma Luterana. O proceso de reforma diferenciouse de forma notábel dos acontecementos de Inglaterra, que levarían á formación da Igrexa Anglicana. Alí, o período de reforma coñécese como a Reforma Inglesa. Asemade, os reformistas tamén aceleraron o proceso de Contrarreforma na Igrexa Católica. A Reforma implicou aspectos culturais, económicos políticos e relixiosos

Historia e orixes[editar | editar a fonte]

Bula Exurge Domine, Contra Errores Martine Lutheri et sequatium: Bula contra os erros de Martiño Lutero e os seus seguidores (15 de xuño de 1520), pola que o papa León X o ameaza coa excomunión si non se retracta de 41 puntos incluídos nas súas famosas 95 teses sobre as indulxencias do 31 de outubro de 1517, nas que Lutero, indignado, atacaba a idea de que a compra das bulas podía ser causa de perdón de penas espirituais; feito habitual na época e onde a causa ocasional foi que o papa León X arrendaba as bulas de indulxencias á banca Fugger para obter diñeiro para a construción da basílica de San Pedro do Vaticano. Lutero queimou públicamente a bula (10 de decembro de 1520) e a excomunión fíxose efectiva (3 de xaneiro de 1521). Estas datas son fitos da idade moderna, pero non pasarían de ser unha disputa teolóxica si non atopasen o formidable eco que a difusión da imprenta lle permitiu, e se non foran acollidos por unha sociedade madura para recibilos e uns axentes políticos dispostos e capaces de aproveitar o seu potencial.

Todas as correntes protestantes maioritarias sitúan a súa separación da Igrexa Católica no século XVI. A orixe do protestantismo denomínase Reforma Maxisterial porque o movemento foi apoiado polos maxistrados, a autoridade lexislativa (a diferencia da Reforma Radical, que non tivo apoio da administración). As organizacións protestantes antigas, como a Unitas Fratrum que despois daría lugar á Igrexa de Moravia, sitúan a súa orixe no tempo de Jan Hus, a comezos do século XV cando se producio unha gran crise na Igrexa Católica en Europa Occidental debido aos numerosos problemas de corrupción eclesiástica e falta de piedade relixiosa. Foi a venda de indulxencias para financiar a construción da Basílica de San Pedro en Roma, o que provocou finalmente que a cristiandade occidental se dividise en dúas, unha liderada pola Igrexa Católica, que tras o Concilio de Trento reivindicouse a se mesma como a única herdeira válida da cristiandade occidental expulsando calquera disidencia e suxeitándose á autoridade do Papa, e outra metade que fundou varias comunidades eclesiales propias, xeralmente de carácter nacional para, na súa maioría, rexeitar a herdanza cristiá medieval e buscar a restauración dun cristianismo primitivo idealizado. Isto deu lugar a que Europa quedase dividida entre unha serie de países que recoñecían ao Papa, como supremo e único xefe da Igrexa Católica, e os países que rexeitaban a autoridade de Roma e que recibiron o nome de protestantes. Deseguido, os protestantes apareceron en moitos lugares de Alemaña, nun tempo no cal o Imperio Otomán ameazaba territorios xermanos. Este feito apartaba a atención dos príncipes xermanos das emerxentes revoltas internas. Dita división provocou unha serie de guerras relixiosas en Europa. Como estaba dirixida por unha maioría de nobres de Bohemia, esta foi a primeira Reforma Maxisterial en Europa. En parte, a protesta pode explicarse polos acontecementos dos séculos anteriores en Europa e particularmente en Bohemia.

Orixes e precursores: séculos XIV e XV[editar | editar a fonte]

As tensións debidas ao Gran Cisma de Occidente (1378–1416) provocaron guerras entre príncipes, levantamentos campesiños e unha crecente preocupación pola corrupción xeral na Igrexa, feitos que foron algúns dos precursores do proceso. O mundo internacionalista da Idade Media tamén foi desafiado por un emerxente nacionalismo.

John Wycliffe, da Universidade de Oxford, e Jan Hus, da Universidade de Praga, foron os primeiros en propoñer unha nova perspectiva eclesiástica. A Igrexa Católica concluíu oficialmente o debate co Concilio de Constanza (1414–1417). O conclave condenou a Jan Hus, que foi queimado na fogueira malia o seu compromiso de boa conduta. Wycliffe tamén foi queimado por herexe despois de morto.

O Concilio de Constanza confirmou e reforzou a concepción medieval da Igrexa e o Imperio. Non se trataron nel as tensións nacionais, nin as tensións teolóxicas que axitaban Europa no século anterior. Porén o concilio non puido previr o cisma e as guerras husitas en Bohemia.

A axitación social provocou reflexións sobre a organización da sociedade, e neste ambiente xurdiu a Reforma Protestante. Coa crise das institucións monásticas e a escolástica, acentuada pola catividade babilónica do papado de Aviñón, o Gran Cisma e o fracaso do conciliarismo, no século XVI comezou o gran debate cultural sobre reformas e, en xeral, sobre os valores relixiosos.

Os historiadores asumen que o fracaso da Reforma suporía unha maior axitación ou quizais unha revolución, debido a que o sistema debía axustarse ou desintegrarse, e o fracaso do movemento conciliar favoreceu a Reforma en Europa. A represión os movementos de reforma, xunto coa situación política, económica e demográfica, contribuíu ao descontento da sociedade co poder e a riqueza do alto clero, e sensibilizou ao pobo fronte á corrupción da Igrexa no Renacemento.

O resultado da Peste Negra alentou a levar a cabo unha reorganización radical da economía e, finalmente, da sociedade europea. Nos centros urbanos emerxentes, as calamidades do século XIV e principios do XV , e a consiguiente escaseza de man de obra, proporcionou un forte impulso para a diversificación económica e as innovacións tecnolóxicas.

Logo da Peste, a perda inicial de vidas a causa do fame, das pragas, e da pestilencia contribuíu a unha intensificación da acumulación de capital nas zonas urbanas e, xa que logo, un estímulo para o comercio, para a industria e o crecemento urbano en ámbitos tan diversos como a banca, os textiles, o armamento, especialmente estimulado pola Guerra dos Cen Anos, e a minería de mineral de ferro, debido, en gran parte, ao sector armamentístico. A acumulación de excedentes, o exceso de competencia e maior competitividade para aumentar ao máximo o beneficio económico, contribuíron a guerras civís, o militarismo agresivo, e a centralización. Como resultado directo da transición cara á centralización, líderes como Luís XI de Francia (1461 - 1483), trataron de eliminar todas as garantías constitucionais sobre o exercicio da súa autoridade. En Inglaterra , Francia , España o movemento cara á centralización iniciado no século XIII levouse a bo porto.

A invención da tipografía levaría aos protestantes a unha nova tradución celosa da Biblia e facela accesible aos laicos. Isto fomentaría a cultura da alfabetización bíblica.

O humanismo da época do Renacemento estimulou a efervescencia académica dunha forma sen precedentes, e levou a unha preocupación pola liberdade académica. Empezáronse a levar a cabo debates de alto nivel teóricos nas universidades sobre a natureza da igrexa, e da fonte e o alcance da autoridade do papado, dos concilios, e dos príncipes.

Século XVI[editar | editar a fonte]

Retrato de Martiño Lutero, iniciador da Reforma Protestante en 1517.

As protestas contra Roma, comezarón en serio cando Martiño Lutero, que era monxe agostiñano e profesor da universidade de Wittenberg, apelou en 1517 pola reapertura do debate sobre a venda de indulxencias. As disconformidades de Lutero marcaron un repentino brote cunha nova e irresistible forza dun descontento que fora apartado pero non resolto. A rápida propagación do descontento produciuse en gran medida debido á imprenta e a rápida circulación das ideas e documentos, incluídos nas 95 Teses. A información tamén se difundiu amplamente en forma manuscrita, así como en gravados e xilografías baratas, entre os sectores máis pobres da sociedade.

Paralelamente aos acontecementos en Alemaña, un movemento similar empezou a Suíza baixo a dirección de Ulrich Zwingli. Estes dous movementos puxéronse de acordo rápidamente sobre a maioría das cuestións, a medida que o recente uso da imprenta permitía unha rápida propagación de ideas dun lugar a outro, pero algunhas diferenzas sen resolver mantivéronos separados . Algúns seguidores de Zwingli crían que a reforma era demasiado conservadora e independientemente trasladáronse cara a posicións máis radicais, que teñen continuidade nos nosos días entre os anabaptistas. Outros movementos protestantes creceron ao socairo das liñas do misticismo e do humanismo, ás veces rompendo de Roma ou dos protestantes, ou formandose fóra das igrexas.

Logo desta primeira etapa da Reforma, a raíz da excomunión de Lutero e a condena da Reforma polo Papa León X, a tarefa e os escritos de Jean Calvin foron influientes no establecemento dun consenso entre os diferentes grupos en Suíza, Escocia, Hungría, Alemaña e outros lugares.

As fundacións reformistas comulgaban co Agostiñismo. Tanto Lutero como Calvin identificabanse coas liñas principais do ensino teolóxico de Agostiño de Hipona. No Agostiñismo os reformadores loitaban contra o pelaxianismo, que vían como unha herexía na Igrexa Católica dos seus tempos. No curso desta axitación relixiosa, a Guerra dos campesiños alemáns 1524 - 1525 déixase sentir a través de Baviera, Turinxia e Suabia, deixando a decenas de católicos asasinados a mans de bandas de protestantes, que incluían a Compañía Negra de Florian Geier, un cabaleiro de Giebelstadt que se uniu aos campesiños na indignación xeral en contra da xerarquía católica.

Aínda que Lutero e Calvin tiñan ensinos teolóxicos moi similares, a relación entre os seus seguidores dexenerou rápidamente nun conflito. O francés Michel de Montaigne contou a historia dun pastor luterano que unha vez afirmou prefería celebrar unha misa romana antes de participar nun servizo calvinista.

A política de separación do Igrexa de Inglaterra de Roma baixo o reinado de Henrique VIII, comezou en 1529 e acabou en 1536, levando deste xeito Inglaterra a cabo o seu propio movemento reformista. Con todo, os cambios relixiosos na igrexa nacional inglesa leváronse a cabo de forma máis conservadora que no resto de Europa. Os reformistas na Igrexa de Inglaterra alternaron, durante séculos, entre a simpatía polas tradicións católicas e o protestantismo, creando progresivamente un compromiso estable entre a adhesión á tradición antiga e o protestantismo, a miúdo chamado Vía Media.

Martín Lutero, Jean Calvin, e Ulrich Zwingli poden considerarse Reformistas Maxisteriais debido ao feito de que os seus movementos de reforma fixéronse co apoio das autoridades gobernantes ou "maxistrados". Frederico o Sabio non só apoia a Lutero, que era profesor na universidade que el fundou, senón que tamén o protexeu ocultándoo no castelo de Wartburg en Eisenach. Zwingli e Calvino foron apoiados polos concellos de Zúric e Xenebra. Dado que o termo "magister" tamén significa "mestre", a Reforma Maxisterial tamén se caracteriza por un énfase na autoridade dun profesor. Isto é evidente na importancia de Lutero, Calvino e Zwingli como dirixentes dos movementos de reforma nas súas respectivas áreas maxistrais. Debido á súa autoridade, a miúdo foron criticados por reformadores radicais quen os consideraban demasiado similares aos Papas romanos. Por exemplo, o reformador radical Andreas Karlstadt referiuse aos teólogos de Wittenberg como os "novos papistas".

O humanismo no movemento reformista[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Humanismo.

O reformismo frustrado dos humanistas, introducido no Renacemento, contribuíu a unha crecente impaciencia entre os reformadores. Erasmo de Róterdam e máis tarde figuras como Martín Lutero e Zwingli emerxeron deste debate e, finalmente, contribuíron a outro gran cisma na cristiandade. A crise da teoloxía a partir de Guillerme de Occam no século XIV estabase producindo en conxunción co descontento da nova burguesía. Desde a ruptura dos fundamentos filosóficos da escolástica, o novo nominalismo non foi un bo augurio para unha igrexa institucional lexitimada como intermediaria entre o home e Deus. As novas correntes de pensamento favorecían a idea de que ningunha doutrina relixiosa podía ser apoiada por argumentos filosóficos, erosionando a antiga alianza entre a razón e a fe da época medieval establecida por Tomé de Aquino.

Os principais movementos da reforma individualista que se rebelaron contra a escolástica medieval das institucións baséanse no humanismo, entre outras tradicións. En Alemaña, "a vía moderna" ou devocionalismo naceu nas universidades, o que requiriu unha redefinición de Deus, que xa non era racional, senón un primeiro rector arbitrario, de vontade incognoscible que non pode ser limitado. Deus é agora unha regra, e a relixión sería máis fervente e emocional. Polo tanto levouse a cabo a consiguiente reactivación da teoloxía agustiniana, afirmando que o home non pode ser salvado polos seus propios esforzos, senón só pola graza de Deus, erosionando a lexitimidade da rixidez das institucións da igrexa para proporcionar unha canle para o home de facer boas obras e entrar no ceo. O humanismo, con todo, foi algo máis que un movemento de reforma educativa con orixes no Renacemento que recuperou os ensinos clásicos de aprendizaxe e pensamento. Senón que se converte nunha revolta en contra da lóxica aristotélica, fíxose gran énfasis na reforma dos individuos a través da elocuencia en contraposición á razón. O Renacemento sentou as bases para os humanistas do norte no seu reforzo da utilización do latín como unha lingua unificadora da cultura.

A reforma por países[editar | editar a fonte]

Inglaterra[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Anglicanismo.

A separación da Igrexa de Inglaterra (ou Igrexa Anglicana) de Roma comeza en 1529, baixo o reinado de Henrique VIII, e remata en 1536, iste feito levou a Inglaterra a liderar o seu propio movemento reformista, aínda que os cambios relixiosos na igrexa nacional inglesa desenvolveron de forma máis conservadora que no resto de Europa. Os reformistas da Igrexa de Inglaterra alternaron, durante séculos, entre a simpatía pola tradición católica e os principios reformistas, tecendo pouco a pouco o desenvolvemento dunha tradición que se considera un termo medio (vía media) entre os católicos romanos e as tradicións protestantes.

A Restauración Inglesa seguiu un curso diferente da Reforma na Europa continental. Houbera neste país durante moito tempo unha tensión forte debida ao anticlericalismo e Inglaterra xa dera orixe ao movemento dos Lolardos, liderado por John Wycliffe, que inspirou de forma moi significativa os husitas en Bohemia.

Henrique VIII fora un católico convencido e escribira mesmo un libro con fortes críticas a Lutero, pero máis tarde encontrou convinte e rendible romper co Papado. A súa esposa Catarina de Aragón, tan soo lle habia dado unha filla, María e dado que Inglaterra atravesara recentemente un longo conflito dinástico, a Guerra das Rosas, Henrique temeu que a falta dun herdeiro varón puidese poñer en perigo a reclamación dos seus descendentes ao trono polo que solicitou a anulación do seu matrimonio para poder casarse con Ana Bolena. Non obstante, o Papa de Roma, Clemente VII, favorable o emperador Carlos V, sobriño de Catarina, negou a súa solicitude de anulación. Deste xeito Henrique apoiouse na afirmación luterana de que os Papas substituían a vontade de Deus polo seu propio xuízo, polo que decidiu separar a Igrexa de Inglaterra da autoridade de Roma. Asi no ano 1534, mediante o Acta de Supremacía converteuse a Henrique no Xefe Supremo da Igrexia de Inglaterra. Entre 1535 e 1540, baixo Thomas Cromwell, levouse a cabo a política coñecida como a disolución dos mosteiros. A veneración dalgúns santos, algunhas peregrinacións e algúns santuarios de peregrinación tamén foron atacados. A propiedade de enormes cantidades de terra da igrexa pasou ás mans da Coroa e en última instancia, á nobreza e a aristocracia. O interese por estas transaccións provocou un grande apoio a disolución da igrexa de Inglaterra coa de Roma.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "The reformation". History.com. http://www.history.com/topics/reformation. Consultado o 3 December 2013.
  2. Kuiper, BK (en inglés). The Church in B. Eerdmans Publishing. pp. p.165. ISBN 0802817777.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]