Transilvania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira da Transilvania do imperio Austrohungaro

Transilvania (en romanés Transilvania ou Ardeal; en húngaro Erdély; en alemán Siebenbürgen) é unha rexión composta pola zona occidental e central de Romanía. Foi un principado dende o século X ata fins de 1918 cando se unificou con Moldavia e Valaquia configurando o estado romanés.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa de Romanía; a Transilvania, en amarelo

O territorio que forma a Transilvania está formado por 16 condados (en romanés judeţi), cunha superficie total de 103.600 km², case a metade da superficie total da Romanía. Os 16 condados son: Alba (Fejér), Arad, Bihor (Bihar), Bistriţa-Năsăud (Beszterce-Naszód; Bistritz-Nassod), Braşov (Brassó; Kronstadt), Caraş-Severin (Krassó-Szörény; Karasch-Severin), Cluj (Kolozs; Klausenburg), Covasna (Kovászna; Kovasna), Harghita (Hargita), Hunedoara (Hunyad; Eisenmarkt), Maramureş (Máramaros; Marmarosch), Mureş (Maros; Mieresch), Sălaj (Szilágy), Satu Mare (Szatmár; Sathmar), Sibiu (Hermannstadt) e Timiş (Temes; Temesch).

A chaira transilvana, ten unha altitude entre 300 e 500 m sobre o nivel do mar, e por ela circulan os ríos Mureş, Someş, Criş e Olt, entre outros afluentes do río Danubio. Cluj-Napoca (Kolozsvár; Klausenburg) a cidade principal da zona posúe unha poboación de 318.027 habitantes, outras cidades importantes son: Timişoara (Temesvár; Temeswar) (317.651), Braşov (Brassó; Kronstadt) (283.901), Oradea (Nagyvárad; Großwardein) (206.527), Arad (172.824), Sibiu (Nagyszeben; Hermannstadt) (155,045), Târgu Mureş (Marosvásárhely; Meumarkt am Mieresch) (149.577), Baia Mare (Nagybánya; Neustadt) (137.976) e Satu Mare (Szatmárnémeti; Sathmar) (115.630).

Historia[editar | editar a fonte]

A rexión, parte da provincia romana de Dacia, foi anexada polo Reino de Hungría en 1003. En 1526, trala derrota húngara ante os turcos otománs, converteuse nun principado autónomo, baixo a protección do sultán turco.

O rei e príncipe Xoán Sexismundo de Transilvania aceptou o unitarismo, e ditou o primeiro Edito de Tolerancia relixiosa na historia moderna de Europa, en 1568, para permitir a libre práctica relixiosa no seu país, incluído o catolicismo. Neste Edito, non obstante, a relixión ortodoxa, profesada polas clases máis humildes, (en xeral de orixe romanesa), non foi incluída, malia ser a relixión maioritaria.

Durante o reinado do príncipe Gabriel Bethlen (1613–1629), Transilvania converteuse nun centro cultural de Centroeuropa. Bethlen, como príncipe protestante, participou na guerra dos Trinta Anos.

Austria, que reivindicara anteriormente Transilvania, obtivo a posesión do principado polo Tratado de Karlowitz de 1699, que puxo fin á guerra con Turquía.

En 1704 Francisco Rákóczi II foi elixido príncipe de Transilvania e reinou ata a derrota da guerra de independencia húngara en 1711.

En 1765 a rexión converteuse nun principado gobernado por Austria e Hungría. Despois da derrota das revolucións romanesas e húngaras (como parte da Revolución xeral europea de 1848) en 1849 converteuse nun territorio da coroa austríaca. Con todo, os austríacos decidiron crear unha monarquía dual austro-húngara, e os gobernantes húngaros intentaron "hungarizar" ós habitantes de Transilvania (menos ós alemáns), a través das súas leis e decretos discriminatorios. Foi unha práctica común a tódolos territorios controlados entón polos húngaros.

En decembro de 1918 (despois da participación romanesa na primeira guerra mundial) os habitantes de Transilvania votaron a unificación con Romanía, feito que obtivo recoñecemento internacional o 4 de xuño de 1920, tralo Tratado de Trianon.

Hungría mantivo as súas reivindicacións sobre o territorio (causa de inestabilidade na rexión), e, en 1940, durante a II Guerra Mundial, a parte setentrional de Transilvania, unha superficie de 44.030 km², cunha poboación de 2.700.000 habitantes, foi devolta a Hungría polo Ditado de Viena das potencias do Eixo do 30 de agosto.

Trala segunda guerra mundial, o territorio cedido polo Eixo foi devolto a Romanía. Trala caída do réxime de Ceausescu, Transilvania converteuse na rexión máis dinámica do país desde o punto de vista económico, social e político.

Economía[editar | editar a fonte]

A rexión da Transilvania contén numerosos recursos minerais, principalmente lignito, ferro, chumbo, manganeso, ouro, cobre, gas natural, sal e xofre. Posúe grandes industrias siderúrxicas, químicas e téxtiles. Outras ocupacións importantes da poboación son as explotacións madeireiras a produción de viño e o cultivo de árbores froiteiras.

A Transilvania produce o 35% do PIB de Romanía, posúe un PIB per capita (PPP) de 11.500 millóns de dólares, un 10% máis alto co da media romanesa.

Poboación[editar | editar a fonte]

Castelo da Teutónico de Bran

De acordo co censo do 2002, a rexión tiña unha poboación de 7.221.733 persoas, cunha maioría romanesa (75% do total da poboación). Tamén existen importantes grupos de fala húngara, (20% do total da poboación), xitanos (3,5%) e alemáns (1,5%).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome de Transilvania foi utilizado por primeira vez nun documento en latín no 1075 chamado "Ultra Silvam", que significa "máis aló dos bosques". O nome evolucionará en "Transylvania", que conserva o mesmo significado.

O nome alemán Siebenbürgen significa "sete castelos". O nome romanés Ardeal e o nome húngaro Erdély non teñen unha orixe precisa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]