Contaminación luminosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Contaminación lumínica»)
Cidade de México iluminado pola contaminación luminosa.
Os Ánxeles de noite, co ceo iluminado pola contaminación luminosa.

A contaminación luminosa (contaminación lumínica ou polución luminosa) é a emisión de fluxo luminoso de fontes artificiais nocturnas en intensidades, direccións ou rangos espectrais innecesarios para a realización das actividades previstas na zona en que se instalan as luces. Entre outros efectos, reduce a visibilidade da maioría das estrelas causando problemas ós observatorios astronómicos e perturbando algúns ecosistemas.

Historia[editar | editar a fonte]

Dende comezos dos anos 80 existen diferentes movementos organizados de xente preocupada por este problema e que intentan promover campañas de redución da contaminación luminosa. A IDE (International Dark-Sky Assotiation) foi fundada en 1988 [1]. A contaminación luminosa afecta ás zonas máis densamente poboadas pero incluso cantidades reducidas de contaminación luminosa poden causar problemas. Amais da contaminación luminosa existe tamén a contaminación do espectro de radio causada polo incremento das telecomunicacións.

A contaminación luminosa detéctase principalmente como o brillo ou resplandor de luz no ceo nocturno producido pola reflexión e a difusión da luz artificial nos gases e nas partículas do aire polo uso de luminarias ou excesos de iluminación, así como a intrusión de luz ou de determinadas lonxitudes de onda do espectro en lugares non desexados. Un claro exemplo desta contaminación é o resplandor que rodea ós aeroportos debido á gran cantidade de luz necesaria para alumar as súas instalacións en horario nocturno.

A redución da contaminación luminosa foi acometida nalgunhas cidades por medio da instalación de sistemas de iluminación nocturnos máis adecuados que difunden unha menor cantidade de luz cara ó ceo e permiten reducir custos de electricidade.

Un impacto luminoso cada vez maior é producido polos satélites artificiais, en particular despois do comezo da posta en órbita das constelacións de satélites no 2023.[2]

Ceo nocturno sobre o VLT do Observatorio austral europeo, en Cerro Paranal, Chile.

Medición[editar | editar a fonte]

O brillo do firmamento nocturno mídese en mag/arcsec2.

O ceo máis escuro posíbel ten un valor máximo de arredor de 22 mag/arcsec2; unha noite de luar, arredor de 18 (40 veces máis luminoso); áreas densamente poboadas, de 17 (100 veces máis luminoso) e menos.

Téñase en conta que é unha medición dunha área diminuta do ceo, de xeito que a maior escuridade corresponderá normalmente co cénit e pode aumentar bastante conforme baixamos cara ao horizonte, e variar coa orientación.

MeteoGalicia dispón de 14 estacións meteorolóxicas con medición de brillo do ceo nocturno.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]