Tren

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Todo comezara así
Deseño do que sería unha das primeiras locomotoras

No transporte ferroviario, un tren (Gl-tren.ogg pronunciación ) consta dun ou varios vehículos (vagóns), ligados entre si e capaces de se mover sobre unha liña ferroviaria, para transportar persoas ou carga, segundo unha ruta previamente planeada. A liña normalmente está constituída polos convencionais carrís dobres, por monoraíl, ou incluso por levitación magnética. O tren pode ser puxado por unha locomotora ou por unha unidade autoalimentada.

O tren, puxado pola máquina a vapor tivo unha importancia enorme nos últimos douscentos anos. Foi sen dúbida o elemento máis importante da Revolución Industrial, permitindo o transporte das materias primas para as fábricas rápida e eficazmente e levando os produtos acabados a persoas e rexións distantes. Foi importantísima a súa contribución nas Primeira e Segunda Guerras Mundiais, levando rapidamente homes e armas onde estes máis falla facían.

Os trens enlazaron poboacións, rexións, países e continentes que ata entón estaban completamente illados ou onde podería demorar semanas ou meses para ter unha simple comunicación entre si; na agricultura, os produtos que corrian o risco de ficar nas rexións onde se producían, puideron comezar a ser despachados a grandes distancias, habendo moito menor risco da súa degradación, fomentando así o aumento das producións.

Arredor das estacións ferroviarias, naceron e creceron vilas e cidades; a construción das liñas ferroviarias empregou moitos millares de persoas, de cidades, rexións e ata de países diferentes, contribuíndo así a aproximar diferentes pobos e culturas.

Historia[editar | editar a fonte]

A máquina de Richard Trevithick

O xesuíta belga Ferdinand Verbiest foi un dos precursores do tren en Pequín, ao idear en 1681 unha máquina auto-propulsora a vapor. En 1769, Joseph Cugnot, militar francés, construíu en París unha máquina a vapor para o transporte de municións.

A máquina de Nicholas Cugnot

Despois de varias tentativas fallidas, Richard Trevithick, enxeñeiro inglés, conseguiu en 1804, construír unha locomotora que conseguiu puxar cinco vagóns con dez toneladas de carga e setenta pasaxeiros á velocidade vertixinosa de 8 km por hora usando para o efecto carrís de ferro fundido. Esta locomotora, por ser demasiado pesada para unha liña férrea e avariarse constantemente, non tivo grande éxito.

Outro inglés, John Blenkinsop, construíu unha locomotora en 1812 que usaba dous cilindros verticais que movían dous eixos, unidos a unha roda dentada que facían accionar unha cremalleira. Esta máquina usaba tamén carrís de ferro fundido, que substituíron definitivamente aos de madeira usados ata entón. Estes trillos ou liñas de madeira foran desenvolvidos na Alemaña sobre o ano de 1550, con carruaxes puxadas por animais, principalmente por cabalos mais tamén, por veces, á forza de brazos.

Así a todo, o paso de xigante para o desenvolvemento da locomotora e por consecuencia do tren, sería dado por George Stephenson. Este inglés, mecánico nas minas de Killingworth, construíu en 1814 a súa primeira locomotora á que chamou Blucher. A Blucher, que se destinaba ao transporte dos materiais da mina, conseguiu puxar unha carga de trinta toneladas á velocidade de 6 km/h. Stephenson viría a construir a primeira liña férrea, entre Stockton e a rexión mineira de Darlington, que foi inaugurada o 27 de setembro de 1825 e tiña 61 km de lonxitude; catro anos máis tarde, chamáronno para construir a liña férrea entre Liverpool e Manchester. Nesta liña usouse unha nova locomotora, bautizada Rocket, que tiña unha nova caldeira tubular inventada polo enxeñeiro francés Marc Seguin e xa chegaba a velocidades da orde dos 30 km/hora.

A comezos do século XIX, as rodas motrices pasaron a colocarse tras da caldeira, permitindo deste xeito aumentar o diámetro das rodas e, consecuentemente, aumentando a velocidade punta. O escocés James Watt, coa introdución de varias alteracións na concepción dos motores a vapor, especialmente na separación do condensador dos cilindros, contribuiu enormemente ao desenvolvimento do ferrocarril. A partir de entón, a evolución do tren e das liñas ferroviarias tornouse imparable. A metade do século XIX xa existian moitos millares de quilómetros de via férrea por todo o mundo: en Inglaterra, 10 000; nos EUA, 30 000. Neste último, coa colonización do Oeste americano, esta cifra atinxiu máis de 400 mil quilómetros no inicio do século XX.

Pronto, as locomotoras pasaron do vapor á electricidade. O 31 de maio de 1879, Werner von Siemens presentou na Exposición mundial de Berlín a primeira locomotora eléctrica, pero o seu desenvolvemento só foi significativo a partir de 1890, manténdose a súa utilización ata os nosos días. O invento da locomotora eléctrica non foi pacífico: hai quen atribúe este invento tanto ao norteamericano Thomas Davenport como ao escocés Robert Davidson. A fins do século XIX, Rudolf Diesel inventou o motor de inxección a diesel e con el novas locomotoras desenvolveronse usando esta nova tecnoloxía; tamén se crearon locomotoras que utilizaban os dous conceptos (eléctrico e diesel), sendo por iso bastante versáteis. Estas máquinas comezaron axiña a gañar terreo ás vellas locomotoras a vapor que, porén, por exemplo en Portugal, se mantiveron en activo ata 1977.

Máis recentemente, foron desenvolvidas tamén locomotoras con turbina de gas e finalmente os trens de alta velocidade, capaces de chegar aos 300 e nalgúns casos aos 400 km/h.

Maglev

O metropolitano, cuxa característica principal é facer o seu percorrido principalmente debaixo do chan, xa tiña feito a súa viaxe inaugural en Londres en 1863, movido aínda por unha locomotora a vapor, mais en 1890, coa mudanza para a enerxía eléctrica, o metropolitano tivo o seu gran desenvolvemento. Por non interferir co tránsito viario, por ser rápido e cada vez máis confortábel, o metropolitano é, hoxe en día, o medio de transporte máis popular e eficaz nas grandes cidades.

O monocarril e o tren de levitación magnética, máis coñecido por Maglev son as últimas novidades na tecnoloxía ferroviaria. Aínda que a primeira patente dun tren de levitación magnética xa se rexistrou en 1969.

Rutas famosas en tren[editar | editar a fonte]

Estación de tren de Santiago de Compostela

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de trens de Galicia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tren
Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Tren

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]