Segismundo Casado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Segismundo Casado López, nado en Nava de la Asunción (Segovia) o 6 de outubro de 1893 e finado en Madrid o 18 de decembro de 1968, foi un militar español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de militar, ingresou con quince anos na Academia de Cabalaría de Valladolid. Ao estalar a guerra civil era membro da masonería, diplomado de Estado Maior e comandante da escolta do presidente da República.

Loitou no bando republicano. En 1936 é ascendido a tenente coronel. Entre outubro e novembro de 1936 encargouse de treinar e organizar as Brigadas Mixtas do Exército Popular español. Participou na defensa de Madrid e na batalla do Jarama. Logo tomaría parte na batalla de Brunete. Posteriormente foi xefe do XVIII e do XXI Corpos do exército e, posteriormente, do Exército de Andalucía. O 17 de maio de 1938, na fronte de Aragón, foi ascendido a coronel, substituíndo o xeneral José Miaja, foille encomendada a Xefatura do Exército do Centro.

Rotundamente contrario aos comunistas -cría que a guerra continuaba en beneficio da Unión Soviética- e convencido da inutilidade de proseguir a loita ata o final, rebélase contra o goberno de Juan Negrín. Na noite do 5 ao 6 de marzo de 1939 crea en Madrid o Consello Nacional de Defensa que, mercé o apoio da 14ª División mandada polo líder anarquista Cipriano Mera, achegada desde Guadalaxara, e logo de seis días de loita, derrota as tropas fieies ao goberno na capital. Os combates remataron o 12 de marzo.

O triunfo, saudado desde o xornal El Socialista como unha vitoria que impedía que a España republicana se convertese nunha colonia soviética, permitíu ao Consello Nacional de Defensa -liderado por Julián Besteiro- negociar con Franco, coa pretensión de obter unha paz negociada. Porén, non se obtivo resultado ningún, xa que o goberno de Burgos só aceptaba unha rendición incondicional. Ante a inminente entrada das tropas de Franco en Madrid, Segismundo Casado partíu cara a Valencia, e desde aí exiliouse en Marsella, (Francia). Posteriormente, estivo exiliado en Gran Bretaña, Venezuela e Colombia.

Regresou a España en 1961, sendo xulgado e posteriormente absolto por un consello de guerra. Intentaría, en van, que se lle recoñecese o seu grao militar e que se lle permitise o reingreso no exército.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Organización del Ejército francés (1931);
  • The Last Days of Madrid (Londres, 1939);
  • Así cayó Madrid (1968; memorias).