José Gómez Gayoso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

José Gómez Gayoso, nado en Maceda o 28 de abril de 1909 e falecido na Coruña o 6 de novembro de 1948, foi un político e guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mestre e afiliado ao PCE, en 1935 convértese en Secretario de Organización. A Guerra Civil sorprendeuno en Madrid, onde asistía a uns cursiños de marxismo. Durante a guerra foi secretario de Francisco Antón, comisario político do Exército do Centro, e traballou con Luis Delage, comisario do Exército do Ebro. Colaborou co Enrique Líster e Santiago Álvarez nas emisións radiofónicas que o Partido Galeguista realizaba desde a capital. Tamén colaborou na organización das Milicias Galegas e dirixiu o periódico Nueva Galicia. Viaxou á Unión Soviética para recibir instrución militar, coincidindo con Castelao na celebración do Primeiro de Maio.

Exiliado en Francia, marchou á República Dominicana e finalmente a Cuba en 1940. Volve clandestinamente a Madrid a principios de 1944 para traballar na delegación do Comité Central do PCE e a finais de 1945 aparece en Galicia como Secretario Xeral do PCE en Galicia. Encárgase de impulsar a organización da guerrilla e afianzar e fortalecer o partido.

Detido en xullo de 1948 logo dunha persecución na que resultou ferido, torturado durante dous meses, foi executado no garrote vil na Coruña con Antonio Seoane o 6 de novembro de 1948. Houbo unha intensa campaña de solidariedade internacional lanzada desde Cuba para salvarlle a vida pero foi inútil.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Alonso Montero, Xesús (2004). As últimas horas de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane, loitadores antifranquistas. ISBN 84-8485-134-6. 
  • Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). ISBN 84-8485-231-8. 
  • Santidrián Arias, Víctor Manuel (2003). Historia do PCE en Galicia (1920-1968). ISBN 978-84-8485-079-3. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]