Xosé Castro Veiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xosé Luís Castro Veiga, O Piloto, nado en Boelle, Arxemil (O Corgo) o 11 de febreiro de 1915 e finado en San Fiz de Asma (Chantada) o 10 de marzo de 1965, foi o derradeiro guerrilleiro da loita antifranquista, morto pola Garda Civil preto do encoro de Belesar.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aos 16 anos ingresou na Aviación militar española (o que lle valeu o alcume de "O Piloto") alcanzando o grado de cabo. Durante a Guerra Civil española desertou do bando nacional para loitar no republicano. Capturado en Madrid ó fin da guerra, foi condenado a 30 anos de cadea, mais foi indultado tras cumprir catro, en 1943. Ó recuperar a liberdade agóchase baixo a aparencia dun traballador nun hospital[1] até que en 1945 decide regresar a Galicia. Na clandestinidade continúa coa súa actividade política como militante do PCE. Á súa chegada a Galicia entra deseguido en contacto cos guerrilleiros e bótase ó monte no verán de 1945. Deseguida formou a súa propia unidade xunto a Xosé Arias Fernández Cristo, composta de desertores do exército e da mariña franquista.

En 1946 baten unha zona amplísima da liña Castroverde-O Corgo-Sobrado que chegaba até Asturias e León, pola comarca dos Ancares (Pedrafita do Cebreiro, Paradela, Vilar de Frades, Becerreá, Toldaos, As Nogais, San Román de Cervantes, Noceda e Navia de Suarna). Por esta zona colaborou coa partida de Antonio Fernández Crespo Fuenteoliva[2]. Neste ano, trala detención dun gran número de militantes lucenses da resistencia antifranquista, trasladou a súa zona de acción ó sur da provincia[3], cara á zona de Monforte de Lemos-Quiroga-río Sil, que atravesaban decote para atacar no norte da provincia de Ourense.

O 27 de maio de 1954, nun duro encontro, perdeu á meirande parte dos seus homes na zona de Paradela-Castro de Rei (ó norte de Monforte de Lemos), o que lle obrigou a estar inactivo entre 1955 e 1956. Despois estivo inactivo e á espera, facendo de cando en vez un golpe económico (atracos). Reapareceu na mesma zona en 1964, mais foi recoñecido por un antigo compañeiro do servizo militar no Saviñao, e foi denunciado. O 10 de marzo de 1965, preto do encoro de Belesar, foi abatido pola Garda civil de Chantada.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Francisco Xavier Redondo Abal (2006). Botarse ao monte - Censo de guerrilleros antifranquistas en Galiza (1939-1965). ISBN 84-8485-231-8.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]