Mario de Langullo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mario de Langullo
AlcumeMario de Langullo e Pinche
Nacemento29 de setembro de 1913
Lugar de nacementoSan Pedro
Falecemento7 de xullo de 1986
Lugar de falecementoSeadur
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmembro da resistencia
editar datos en Wikidata ]

Mario Rodríguez Losada, coñecido como Mario de Langullo e Pinche, nado en San Pedro (Cesuris, Manzaneda) o 29 de setembro de 1913 e finado en Seadur (Larouco) o 7 de xullo de 1986, foi un dos últimos guerrilleiros en abandonar a loita armada contra o réxime do Xeneral Franco. Pasou de escapado a guerrilleiro, e era moi afamado en todo o oriente da provincia de Ourense e no sur da de Lugo.[Cómpre referencia]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Juan Rodríguez Rodríguez e Arsenia Losada. con quince anos emigrou a Bilbao, onde traballou coma peón e participou en diversos conflitos laborais. Regresou á provincia de Lugo en 1935.

Logo do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936 o seu pai foi nomeado concelleiro e despois alcalde de Manzaneda (posteriormente foi asasinado polos falanxistas de Langullo o 10 de abril de 1937). Ó producirse o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, Mario Rodríguez viuse obrigado a botarse ó monte para salvar a vida. Alí dirixiu un grupo guerrilleiro que operou por Quiroga, Manzaneda e Trives realizando accións de sabotaxe, ataque ao goberno e represión de colaboradores e delatores. Colaborou coa III Agrupación luguesa da Federación de Guerrillas de León-Galicia primeiro e despois co Exército Guerrilleiro de Galicia como responsable do Destacamento de Trives da II Agrupación. Mantivo fondas discrepancias con Manuel Fernández Soto polas súas ideas excesivamente militaristas.

A consolidación do réxime ditatorial fixo cada vez máis difícil a continuidade da acción guerrilleira, que abandonou en 1951, manténdose illado no monte e pasando á clandestinidade, para posteriormente fuxir a Francia o 29 de agosto de 1968. Puido saír de España grazas ao párroco de Seoane Vello[Cómpre referencia]. Instalouse en Nogent sur Vermisson (Loiret).

Regresou a Galiza en 1979. Faleceu en 1986 en Seadur (Larouco).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Domínguez González, Xosé (1992). Mario de Langullo. O último fuxido. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. 
  • Sotelo Blanco, Olegario (1992). Antropoloxía cultural da terra de Caldelas (vol. 2). Santiago de Compostela: Sotelo Blanco. pp. 435–447. 
  • Téllez, Antonio (2000). A guerrilla antifranquista de Mario de Langullo o Pinche. Vigo: A Nosa Terra. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]