Día

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Para o artigo da illa, vexa Día, Grecia.

Un día (do latín: dies) é o lapso de tempo que transcorre na Terra desde que o Sol está no punto máis alto sobre o horizonte ata que volve estalo. A duración aproximada do día son 24 horas, divididas, tradicionalmente, en tempo de luz (tamén chamado "día") e período escuridade (chamado "noite"). Non é unha unidade do SI, pero acéptase o seu uso con el[1]. É unha unidade de tempo fundamental do sistema de unidades UAI[2].

O día, ademais de tratarse da primeira forma de medir o tempo que tivo o home, divídese en 24 horas de 60 minutos cada unha, que, á súa vez, subdivídense en curtos períodos de 60 segundos. Deste xeito, xa que logo, un día tamén dura 86.400 segundos.

Definicións[editar | editar a fonte]

O concepto e duración do período de tempo que representa o día ten diversas definicións.

Sistema Internacional de Unidades (SI)[editar | editar a fonte]

Un día contén 86.400 segundos[1]. E, actualmente, cada segundo é definido como…

… o período de tempo equivalente a 9.192.631.770 períodos de radiación correspondente á transición entre os dous niveis hiperfinos do estado fundamental do isótopo 133 do átomo de cesio, medidos a 0 kelvin.

Astronomía[editar | editar a fonte]

Un día de, exactamente, 86.400 segundos é a unidade fundamental de tempo en astronomía[2].

Todos os planetas teñen un período de rotación relativo ás estrelas, comunmente chamado como o seu período de rotación sideral[3]. O da Terra dura 23 horas, 56 minutos e 50 segundos. A Terra tamén posúe o chamado tempo sidéreo, a súa rotación é relativa á súa propia precesión ou o equinoccio, o cal é 8,4 milisegundos máis pequeno que o seu período de rotación relativo ás estrelas fixas[4]. A miúdo suponse que os períodos de rotación dos xigantes gasosos, os cales non teñen unha superficie sólida, son a rotación dos campos magnéticos que residen no seu interior. Xúpiter e mais Saturno tamén teñen os seus propios períodos de rotación ecuatorial e de altas latitudes propios[3].

Coloquial[editar | editar a fonte]

A palabra, ademais, refírese a varias ideas relativas, que inclúen algunha máis á parte das seguintes:

  • O período de luz durante o cal o Sol está por riba do horizonte local (é dicir, o tempo que transcorre desde o orto ata o ocaso), en oposición á noite.
  • O período de tempo no que un está esperto, desde que se ergue da cama pola mañá ata que vai durmir á noite.
  • Data.
  • Época ou circunstancia.

Segundos adicionais[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Segundo adicional.

A media actual do período de rotación da Terra con respecto ao Sol é un pouco máis de 86.400 segundos, a duración do día marcada polo SI; xa que esta está máis preto dos 86.400,002 segundos. Este tempo adicional acumúlase dando como resultado ao redor de 0,7 segundos ao ano e sobre sete cada dez anos, facendo necesaria a adición dun segundo extra aos reloxos civís de cando en vez para retrasalos e mantelos así máis sincronizados co movemento aparente do sol. A mediados seste século a cantidade de tempo que será engadida ao reloxo incrementará ata acadar un segundo cada ano. Este é o chamado segundo adicional. Un día dun reloxo "civil" dura 86.400 segundos, pero durarán 86.401 ou 86.399 segundos no caso dos segundos adicionais.

Os segundos adicionais son anunciados polo International Earth Rotation and Reference Systems Service (Servizo Internacional de Rotación da Terra e Sistemas de Referencia), o cal mide a rotación da Terra e determina se é necesario un segundo adicional. Os segundos adicionais só se engaden á fin dun mes UTC e, polo de agora, só o fixeron ou ben á fin do 30 de xuño ou do 31 de decembro.

Astronomía[editar | editar a fonte]

En astronomía, o día sidéreo tamén é usado; dura ao redor de 3 minutos 56 segundos menos que o día solar, e está preto do período de rotación actual da Terra, en oposición ao movemente aparente do Sol. De feito, a Terra xira 366 veces sobre o seu eixo durante un ano de 365, dado que a revolución desta en torno ao Sol elimina un xiro aparente do astro rei ao redor do noso planeta.

División lumínica e agrupación en conxuntos[editar | editar a fonte]

O día pódese dividir en diferentes partes segundo a luz que haxa ou agrupar en conxuntos de sete.

Partes[editar | editar a fonte]

O día é un xeito de medir o tempo, e ademais da división en horas, minutos e segundos (hai divisións aínda máis pequenas), neste pódense distinguir diferentes fases segundo a posición do Sol e, por conseguinte, a cantidade de luz que este irradie. Antigamente era a maneira de medir o tempo, xa que non había reloxos que marcasen a hora que era. As divisións son as seguintes:

Semana[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Semana.

Os días agrúpanse en conxuntos de sete, dando lugar as semanas. Cada un dos sete días da semana posúe un nome (algúns dous), e o ciclo, unha vez rematado, volve empezar. Estes son os seus nomes:

Composición dixital de varios panoramas da mesma localización no mesmo día onde se mostra o paso do tempo;
no hemisferio norte, á esquerda está o oeste e máis o solpor e á dereita o leste e o amencer.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Día
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Día

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Unidades de tempo
femtosegundo | picosegundo | nanosegundo | microsegundo | milisegundo | segundo
minuto | hora | día | semana | mes | ano | lustro | década | século | milenio | cron | eón