Sábado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
書.svg Esta páxina contén texto en xaponés.
Se o seu navegador non está axeitadamente configurado pode ver caracteres estraños.

O Sábado é o sexto día da semana. O nome "Sábado" vén do hebreo a través do latín sabbath (dies) ou día do sabat, día de descanso para os xudeus. O nome latino era Saturni (dies), ou día de Saturno. Coa cristianización deuse unha substitución do nome, pero outras linguas mantiveron a raigaña latina, así temos o inglés Saturday.

Nomes noutras linguas:[editar | editar a fonte]


Lingua Nome Significado
Alemán Samstag Día do Sabat
Búlgaro Събота/Sabota Día do Sabat
Catalán Dissabte Día do Sabat
Checo Sobota Día do Sabat
Chinés Tradicional 星期六/Xīng Qī Līu Seis da Semana
Español
Sábado Día do Sabat
Eusquera
Larunbat  ?
Francés
Samedi Día do Sabat
Holandés
Zaterdag Día do Saturno
Inglés
Saturday Día de Saturno
Irlandés Dé Sathairn Día de Saturno
Islandés Laugardagur Día do Baño
Italiano
Sabato Día do Sabat
Noruegués
Lørdag Día do Baño
Quechua
K'uichi P'unchay Día do Arco da Vella
Portugués
Sábado Día do Sabat
Romanés Sambata Día de Saturno
Ruso
Субботу/Subota Día de Saturno
Xaponés
土曜日/Doyoubi Día da Terra

O sábado na cultura popular[editar | editar a fonte]

As mulleres prefiren dar a luz o sábado por ser este o día da Virxe, intercesora de tódalas parturientes. Así protexidas, saben que, se morren, levaraas ó ceo. Porén, o sábado era o día sinalado para reunirse as meigas nos seus aquelarres.

O sétimo fillo home nacido tras unha serie de seis fillos tamén homes terá poderes sobrenaturais: é quen de dar saúde coas mans. Na Fonsagrada cren que se ademais nace en sábado, eses poderes serán aínda maiores.

Fraseoloxía[editar | editar a fonte]

  • Carne de sábado: graxa, despoxos etc. que antigamente se permitía comer na vixilia dese día.
  • Chourizos do sábado: en Valdeorras, chourizo delgado, feito con sangue, cebola etc. e ó que ademais se lle bota cabaza. Equivale á choula ou chourela doutros sitios. En Castela (León, Palencia, Valladolid) e Asturias existen os chourizos sabadeños, sabadeñas ou sabadiegos, feitos coa carne de menor calidade e mailas asaduras (liviáns).
  • Falar máis que un barbeiro ós sábados.
  • Sábado longo: sábado Santo, polos longos oficios que se celebran e o xexún de todo o día.
  • Sábado Santo: último día da semana santa.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • Cando o sábado chove e o domingo antes da misa, pola semana adiante verás que risa.
  • Fai o raposo o sábado, con que o domingo non vaia a misa.
  • Mozo de luns e bois de sábado non valen un ochavo.
  • Nin sábado sen sol, nin moza sen amor, nin vella sen door. [1]
  • Non hai sábado sen sol nin María sen amor.
  • Non hai sábado sen sol, nin moza sen amor, nin vello sen door.
  • Non hai sábado sen sol, nin romeiro sen frol nin dama sen amor.
  • Non hai sábado sen sol, nin romeiro sen frol nin Marica sen amor.
  • Non hai sábado sen sol nin romeiro sen frol, nin rapaza sen amor.
  • O luns e o martes lava a curiosa; o mércores e o xoves, a envexosa; e o sábado, a preguizosa.
  • O sábado, día da Virxen e o domingo... de gardar.
  • O sermón, o sabado, e o salmón, na coresma, teñen razón, despois non.
  • Quen o sábado vai ó muiño, pouca folga ten o domingo.
  • Sábado a noite, María colle a roca, que en toda a semana non lle toca.
  • Sábado á noite, María pilla a roca.
  • Sábado á noite, Marica, dame a roca.
  • Sábado á noite, Marica cose a roupa.

Días da semana:[editar | editar a fonte]

Luns ~ Martes ~ Mércores ~ Xoves ~ Venres ~ Sábado ~ Domingo

Palabras relacionadas:[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O sábado era o día de lava-la roupa branca e poñela ó sol. As mozas aproveitaban a ocasión para descansar e escaparse da casa, houbese sol ou non.