Muiñeira vella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Ribeirana")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Muiñeira vella
Ribeirana 1905 (pastoriza-Arteixo).jpg
Muiñeira vella na feira de Pastoriza (Arteixo) (1905-1915)
Orixe culturalGalicia Galicia
Zona de conservaciónBergantiños. Santiago. Soneira. Xallas
Instrumentos típicospandeireta
DerivadosMuiñeira nova
Outros nomesRibeirana
Subxéneros
Regueifa

A muiñeira vella, chamada tamén ribeirana,[a] é a modalidade máis antiga de muiñeira. Conservouse e foi recollida na franxa costeira norocidental galega, maiormente nos concellos de Cabana, Ponteceso, Laxe, Zas e Malpica. Nestas zonas chamaselle simplemente muiñeira, pasando a máis moderna e estendida "muiñeira nova" a recibir o nome de punteada.[2]

Características[editar | editar a fonte]

O acompañamento musical faise sempre con canto (coplas) e pandeiretas. As pandeireteiras tocan co puño, motivo polo que o baile tamén recibe o nome de muiñeira empuñada[3], distinguido así o seu toque do xeito máis moderno de tocar, a muiñeira riscada[4].[5]

A forma máis recollida do baile é aquel no que bailaba un só grupo con dúas parellas, existindo constancia de tres nalgún lugar. Nos casos en que bailaba máis dun grupo, facía cadanseu baile independente. Existen tamén variantes nas que un só home bailaba con dúas mulleres e outra na que o facía con sete.[6]

A principal diferenza coa muiñeira nova, é que nesta os homes bailan entre si os puntos sen que as mulleres os imiten. Limítanse estas a realizar uns pequenos pasos polo baixo debuxando unha roda ou un oito, sen levantar os brazos e coa ollada no chan. Asemade, neste baile son as pandeiretas as que fan coincidir os seus toques coas evolucións dos bailadores e non ao contrario.[7][8]

A muiñeira vella garda grandes similitudes con bailes asturiáns do "corri-corri" e do "pericote" do que se deduce a súa pertenza a unha familia común.[9]

Estrutura[editar | editar a fonte]

A danza é hoxe en día representada polos grupos de baile tradicional dun xeito variado, porén, unha estrutura básica do baile sería a seguinte:

  • Mulleres e homes colócanse fronte a fronte, dan unha volta sobre si mesmos e fan un careo ou paseo.
  • Un dos homes diríxese ao outro e inicia un punto que bailan entre eles. Os puntos son moi enérxicos con saltos, en ocasións con castañolas, movendo os brazos en alto, nun desafío case ameazador. A muller non segue os puntos, senón que mantén unha actitude máis sosegada, ollando cara o chan cos brazos baixos ou movendo o pano, desprazándose lateralmente, en círculo, ou deseñando oitos sobre o chan.[10] Os bailadores marcan o final dos puntos ás pandeireteiras con palmadas ou cun zapateado no chan, caso único no baile galego.[11]
  • Rematado o primeiro punto as parellas crúzanse, fan unha roda e inician o segundo.
  • Finalizado o segundo punto, os homes métense no medio das mulleres apoiando un brazo nas súas costas, no único contacto que se produce entre ambos, e xuntos xiran novamente en roda.
  • Repítese a secuencia completa outra vez, até marcar os catro lados dun cadrado, facendo unha cruz, ou sinalando os catro puntos cardinais.

Recuperación[editar | editar a fonte]

A muiñeira vella foi recuperada grazas o traballo dos mozos das vilas e cidades que, desde os anos oitenta, comezaron a facer recollidas de material etnográfico no rural galego.[12] Nese tempo xa case non quedaban vellos que a tivesen bailado, sendo reconstruída principalmente a partir de testemuñas visuais.[13] A área de recuperación coincide, grosso modo, coa chamada Costa da Morte, aínda que existen recollas tamén nas comarcas de Santiago e do Xallas. O xeito de tocar, a empuñada, conservouse en moitas máis zonas do pais, sendo probabelmente o modo máis antigo de tocar a pandeireta.[14]

O tipo de muiñeira vella que mellor se conservou foi a regueifa. Unha danza nupcial tradicional que bailaban os propios noivos para celebraren a súa unión.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Na comarca do Condado a denominación ribeirana é sinónimo de muiñeira nova.[1].
Referencias
  1. Mártinez San Martín (1998). p.119
  2. Díaz Carro, Pablo; Kirk Martínez, Olga (2012). Cancioneiro de Cabana de Bergatiños. Concello de Cabana de Bergantiños. p. 26. 
  3. Pandeireteiras de Anxeriz (2016). Muiñeira empuñada. Youtube (Punto e Volta). 
  4. Pandeireteiras de Arcos (2012). Muiñeira punteada de Arcos (Mazaricos). Youtube (Luneda Producións). 
  5. "Pandereteiras de Muíño" (Zas) - TVG. Youtube (Alalá nº 207 (TVG)). 2016. p. 16 m. 39 s. 
  6. Martínez San Martín (1998). pp.121-122
  7. Feijoo, Xisco (2014). Xornada A danza a debate. A danza tradicional, 1. Youtube (Consello da Cultura Galega). p. 2h.33m.5s. 
  8. Camafeita, Olga (2001). "Muiñeira Vella (música)". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  9. Martínez San Martín (1998). p.120
  10. Camafeita, Olga (2001). "Muiñeira Vella (baile)". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  11. Martínez San Martín (1998). p.121
  12. "Cabana de Bergantiños- Ruote" - TVG. Youtube (Alalá nº 55 (TVG)). 2007. p. 5 m. 50 s. 
  13. "Pandereteiras de Muíño" (Zas) - TVG. Youtube (Alalá nº 207 (TVG)). 2013. p. 14 m. 28 s. 
  14. Díaz, Xabier (2014). "As ferreñas fanlle o son..." Concierto didáctico de Xabier Díaz. Youtube (Universidade de Deusto). p. 7m. 21s. 
  15. Camafeita, Olga (2001). "Regueifa (danza de voda)". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]