Treboadas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Treboadas
Orixe culturalGaliza
Norte de Portugal
Instrumentos típicosBombo de treboada
Gaita
Caixa
Outros nomesZés Pereiras

As treboadas, ou Zés Pereiras, son agrupacións musicais propias do Baixo Miño galego e do Alto Minho portugués. A súa principal característica é o emprego dos bombos de treboada[1], uns bombos de grandes dimensións que se tocan a dúas mans.

Características[editar | editar a fonte]

A treboada antiga (gaita de barquín, bombo de mallada e tambor) do gaiteiro Benito Moure nunha romaría.
Zés Pereira en Compostela (1922).

As treboadas máis antigas das que se ten constancia estaban compostas por unha gaita de barquín, un tambor de grandes dimensións, e un bombo de treboada[2]. Estes antigos bombos son moi anteriores ao bombo moderno aparecido no século XIX da man das bandas de música, pois a súa presenza está documentada na zona desde o século XVI.[3] A aparición das bandas no panorama musical galego substituíu as treboadas nos bailes das festas, relegándoas a actuacións en alboradas, desfiles de xigantes e cabezudos ou marchas procesionais[4]

Desde comezos do século XX os grupos de treboadas foron substituíndo a gaita de barquín pola gaita de fol, mudando o tambor pola caixa, e incrementando o número de bombos, até chegar a cinco ou máis.[5] No Baixo Miño era tradición que percorresen as parroquias o 15 de agosto, rematando o percorrido cunha xuntanza no cumio do monte Tegra, onde organizaban unha "treboada musical" cos bombos como protagonistas. Non se coñece o motivo ou orixe deste ritual,[6] se ben é conservado aínda hoxe na forma dunha romaría laica, a festa do monte da Guarda.[7]

No Alto Minho portugués, as treboadas son coñecidas como Zés Pereiras, en referencia ás Zés-P'reiras, o nome que recibían alí popularmente os bombos de grande tamaño.[3] Desde a década de 1940, debido ás políticas fronteirizas do Estado Novo de Salazar e do réxime franquista, as formacións portuguesas evolucionaron dun xeito diferente ás galegas.[8] Na beira portuguesa, as concertinas foron substituíndo as gaitas de foles nas labores melódicas, e os bombos gañando protagonismo[9], chegando a existiren hoxe Zés Pereiras que portan en exclusiva bombos e tambores[10].[11]

Na actualidade, as permutas culturais facilitan o regreso dos grupos galegos e portugueses ás súas comúns orixes[12], sendo abundantes os eventos conxuntos das agrupacións de ambas beiras do Miño.[13]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Bombo de Treboada". manelspercusion.com. Consultado o 2021-08-24. 
  2. Fernández Santomé (2012). p.9
  3. 3,0 3,1 Fernández Santomé (2012). pp.66-67
  4. Fernández Santomé (2012). p.48
  5. Fernández Santomé (2012). p.34
  6. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Bombo de mallada". Consultado o 2021-08-23. 
  7. "O son de milleiros de tambores amenizan a Festa do Monte da Guarda". www.crtvg.es. Consultado o 2021-08-23. 
  8. Fernández Santomé (2012). p.70
  9. "Bombos da Ronda típica de Carreço". luartube.crtvg.es. Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2021. Consultado o 2021-08-23. 
  10. "Zes Pereiras-Festas do Boi -Allariz". Consultado o 2021-08-23. 
  11. "Anuncio de treboadas". culturagalega.org. 2013-07-03. Consultado o 2021-08-23. 
  12. Fernández Santomé (2012). p.56
  13. "II Concentración de Bombos (2012) - Vilanova da Cerveira". www.infominho.com. Consultado o 2021-09-02. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]