Bandas de música populares
Bandas de música populares | |
---|---|
Banda popular de Sarria | |
Instrumentos típicos | Vento Percusión |
Outros nomes | Bandas populares |
As bandas de música populares, son agrupacións de músicos non profesionais que empregan, sobre todo, instrumentos de vento e percusión.
Orixe
[editar | editar a fonte]As bandas populares naceron a imitación das bandas militares organizadas dentro dos exércitos. Estes conxuntos musicais castrenses, inicialmente dedicados a só a funcións militares, sufriron grandes modificacións nos seus cometidos após a revolución francesa. Pasaron daquela a actuar non só nos cuarteis senón tamén en cerimonias de tipo civil. O aumento das súas funcións provocou o nacemento de bandas alternativas creadas, á súa semellanza, por militares retirados ou mozos licenciados do servizo. Estas novas agrupacións, malia non pasar inicialmente de pequenos conxuntos de vento e percusión, aumentaron rapidamente a súa popularidade e, desde mediados do século XIX, adoitaban actuar xa en festividades (romarías, foliadas, concertos), cerimonias relixiosas (procesións, misas) e actos civís (recepcións, inauguracións).[1]
As bandas de música galegas
[editar | editar a fonte]A primeira banda popular documentada en Galiza foi “La Lira” de Ribadavia, fundada no 1840.[2] Naceron a seguir moitas outras como as de Santiago (1850), Padrón (1857), Chantada (1865) ou Sarria (1870). A fundación de bandas viuse favorecida polos concellos que, para valerse delas, comezaron deseguida a subvencionalas orixinando tamén as primeiras bandas municipais.[3] O crecemento no número de agrupacións non se detivo até o ano 1936, cando por mor do golpe de estado fascista e a consecuente guerra, moitas das bandas populares foron desfeitas.[4]
Os creadores das bandas eran moi frecuentemente os seus directores, moitos deles antigos militares ou, ás veces, clérigos afectados polos procesos de desamortización que contaban con algunha formación musical. Era común que, ademais de exercer como músicos, se encargasen tamén das contratacións, no caso do rural galego a miúdo simples tratos orais. O repertorio das agrupacións, inicialmente o mesmo das bandas militares, adaptouse aos requerementos do público, incluíndo pezas de raíz popular (muiñeiras, pandeiradas, cantos de cego). Isto contribuíu decisivamente á conservación posterior deste patrimonio musical.
Xunto as pezas populares as bandas tocaban os ritmos de moda e mesmo música culta. O que serviu para "democratizala", non só por poñela por primeira vez ao alcance de todas as clases sociais, senón tamén por teren moitos dos instrumentistas unha procedencia humilde. Os músicos adoitaban seren labregos, carpinteiros, ferreiros, etc, traballadores que tiñan na música unha fonte extra de ingresos económicos, non o seu principal medio de vida. Ademais, nas bandas tamén se instruían os cativos, que en canto sabían un pouco eran incorporados ao conxunto, asegurando así a continuidade da banda e formándoos nunha profesión.[5]
As festas populares
[editar | editar a fonte]Durante case un século de esplendor, as bandas populares gozaron en Galiza dunha enorme popularidade, medíndose moitas veces a calidade das festas patronais polo número de músicos que integraban o conxunto contratado para animar a celebración.[2] Até a súa chegada, nestes festexos escoitábase só a música tradicional tocada polo imprescindíbel dueto gaiteiro-tamborileiro. Estes músicos foron desprazados polas novas bandas, que co seu repertorio de bailes de moda do tipo agarrado (mazurcas, pasodobres, valses), comezaron tamén a substituír os tradicionais soltos nas preferencias populares, causando grande escándalo entre o clero, que vía neles unha incitación á luxuria.[6]
As mudanzas provocaron a "resistencia" dos músicos máis tradicionais, que se viron obrigados a evolucionar para non desaparecer. Incorporando os novos instrumentos introducidos polas bandas, os gaiteiros agrupáronse daquela en dúas novas formacións. A mediados do século XIX apareceron os populares cuartetos de gaita, clarinete, caixa e bombo, e, xa no século XX, as charangas, onde a gaita tocaba xunto a diversos instrumentos de vento.[2][7] Estes pequenos conxuntos musicais permitían ás comisións de festas con poucos recursos contar cun repertorio similar ao das bandas a un prezo máis económico.
As bandas eran contratadas sobre todo para as festas, pola mañá tocaban alboradas, as tradicionais pezas coas que o gaiteiro espertaba á veciñanza, despois tocaban na misa e na procesión, se houber, e daban un concerto antes do xantar. Pola tarde amenizaban a verbena, "o baile". Os músicos podían ir tocar "a seco", xantando e durmindo pola súa conta, ou "a mantido", xantaban e durmían nas casas da aldea.
En ocasións a comisión contrataba dúas bandas, que tocaban "á competencia" até o final da verbena, ás veces antes de tempo pois na época eran moi frecuentes os altercados violentos[8].[9]
As bandas no século XX
[editar | editar a fonte]Nos anos trinta do século XX, o goberno da república española, nun intento de mellorar a calidade xeral dos conxuntos, creou o Corpo de Directores de Bandas de Música Civís e o de Bandas Militares, obrigando a concellos e deputacións a contrataren directores pertencentes a este corpo. Esta decisión, tomada no ano 1932, apenas puido levarse a cabo pola chegada catro anos despois da guerra civil española. O alistamento de moitos músicos así como a inestabilidade social motivaron a desaparición da maioría das bandas populares.[4][10]
Durante a posguerra, especialmente desde os anos sesenta, a popularización de novos medios de reprodución como a radio e o tocadiscos fixeron que as bandas perdesen importancia. A isto sumouse a chegada dun novo tipo de conxunto musical, as orquestras de baile cos seus cantantes e os seus novos ritmos: mambo, swing, tango. Portando ademais unha importante novidade tecnolóxica, os altofalantes.[11]
Malia seren consideradas durante anos perniciosas para a música máis enxebre, nos últimos anos as achegas das bandas populares son reivindicadas como unha parte da música tradicional galega. Existindo na actualidade arredor de 95 agrupacións en activo inscritas na Federación Galega de Bandas de Música Popular. Desde o ano 2007 esta organización ven celebrando anualmente o Certame Galego de Bandas de Música Populares,[12] para o que foi quen de xuntaren até mil trescentos músicos na edición do 2019.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vázquez, Federico (2013). As bandas de música no concello lucense de Guntín. Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. pp. 25–26. ISBN 978-84-695-6959-7.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Carpintero Arias, Pablo. "As bandas populares". Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega. Consultado o 2021-04-11.
- ↑ Vázquez, Federico (2013). As bandas de música no concello lucense de Guntín. Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. p. 29. ISBN 978-84-695-6959-7.
- ↑ 4,0 4,1 López Cobas, Lorena (2008). "Las bandas de música en Galicia: Aproximación al caso de la ciudad de A Coruña en el siglo XIX". Revista de Musicología (31): 82-83.
- ↑ Vázquez, Federico (2013). As bandas de música no concello lucense de Guntín. Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. pp. 32–33. ISBN 978-84-695-6959-7.
- ↑ Quintiá, Rafael (2010-07-04). "O baile agarrado". Á Sombra de Bouza Panda. Consultado o 2021-04-16.
- ↑ Costa, Iván (1999). "Da tradición pura ás formas evolucionadas" (PDF). Algalia (Cantigas e Agarimos) (1): 5–7.
- ↑ Lisón Tolosana, Carmelo (1979). Antropología cultural de Galicia. AKAL. p. 84.
- ↑ Vázquez, Federico (2013). As bandas de música no concello lucense de Guntín. Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. pp. 43–45. ISBN 978-84-695-6959-7.
- ↑ Cancela Montes, Beatriz (2018). "Las bandas de música en el entorno rural gallego. El ejemplo de la Banda Municipal de Santiago de Compostela" (PDF). Quadrívium. Revista digital de musicología (9): 3.
- ↑ Vázquez, Federico (2013). As bandas de música no concello lucense de Guntín. Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. pp. 48–49. ISBN 978-84-695-6959-7.
- ↑ "Cultura crea o I Certame Galego de Bandas de Música Populares". www.elcorreogallego.es. 23/05/2007. Consultado o 29/04/2021.
- ↑ "Mil trescentos músicos congréganse en Santiago". Nós Diario. 30/10/2019. Consultado o 30/04/2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Vázquez, Federico (2013). As bandas de música no concello lucense de Guntín. Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. ISBN 978-84-695-6959-7.
- Carpintero Arias, Pablo (2010). Os Instrumentos musicais na tradición galega. Difusora de Letras, artes. ISBN 8492958057.