Baile das labradas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Baile das labradas. Aña urbana de Pontevedra (2013)

O baile das labradas ou baile da aña, son as muiñeiras e xotas que se bailaban nas veigas ao finalizar a súa labranza. Acompañábanse musicalmente co ritmo obtido polo percutir das pedras contra os sachos, e adoitaban bailarse cun ramallo de loureiro no alto.[1]

Características[editar | editar a fonte]

Dúas mozas dunha agrupación folclórica bailando a aña en Arbo no 2018.

O costume das labradas colectivas das terras nos meses de abril e maio, conservado até os anos setenta do século XX nalgunhas comarcas do sur de Galiza, levaba asociado unha serie de rituais que permitían alixeirar o traballo e que servían para a socialización da colectividade. Un destes ritos era a aña, unha competencia entre dous grupos de labradores por ver quen remataba antes as súas tarefas. O bando vencedor gañaba o dereito a "botala aña", isto é, cantarlle ao bando derrotado unha serie de cantigas escarnecedoras. Os gañadores adoitan tamén enviar un ramo de loureiro, ou outra árbore, aos vencidos. Este ramallo denominábase tamén aña, e do seu ritual asociado existen diferentes versións:

En Barcia de Mera (Covelo), o ramo espetábase simplemente no terreo, mentres os bailadores danzaban en roda ao seu arredor acompañados polo ritmo dos legóns.[2]

En Aboal (Mondariz), botábase unha peza específica para a ocasión, a ribeirana[a] da aña. Un dos homes bailaba co ramo no alto e sacaba a bailar un punto a cada unha das mulleres presentes na veiga. Rematado o baile espetábase o ramo, que ía adobiado con fitas, lazos, rosquillas, etc, na terra, no que se pode interpretar como un rito de fertilidade co que se pretendía transmitir a fertilidade das mozas e asegurar así unha boa colleita. Despois disto, os bois continuaban a labrar o resto da leira e os asistentes camiñaban tras deles cantando o chamado "cantar da aña".[3]

En Toutón (Mondariz), baixábase o ramo en procesión, coa merenda para os asistentes, desde a casa do "amo" da leira labrada. A comitiva marchaba cantando ao ritmo dos sachos, cos cestos da comida e co ramo convenientemente adobiado. O ramallo levábao un mozo que tiña o cometido de sacar a bailar, a todas as mulleres presentes na labrada un punto concreto que remataba cunha reverencia. Era obrigatorio botar o punto, a moza que se resistía levaba un golpe simbólico coa pola até que se conseguise a súa participación. Ao rematar o baile, o ramo colocábase no arado para que percorrese a veiga dun cabeceiro ao outro.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ribeirana é o nome que se lle da á muiñeira nalgunhas comarcas do sur de Pontevedra.
Referencias
  1. Camafeita, Olga (2001). "Baile das labradas". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  2. Outeiro, Xandre (2012). ManÜele... de pandeireta e canto tradicional. Ediciones intermitentes. p. 63. 
  3. Outeiro, Xandre (2012). ManÜele... de pandeireta e canto tradicional. Ediciones intermitentes. pp. 63–64. 
  4. Outeiro, Xandre (2012). ManÜele... de pandeireta e canto tradicional. Ediciones Intermitentes. p. 65. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]