Utensilios instrumentalizados

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os utensilios instrumentalizados son obxectos da vida cotiá utilizados na música tradicional galega para o acompañamento do canto e do baile. O uso destes utensilios orixinouse nas festas populares asociadas as tarefas agrícolas propias da sociedade rural preindustrial. Nestas celebracións ás veces non era posíbel o acceso a verdadeiros instrumentos polo que se empregaban para o acompañamento musical útiles do fogar (como campás, zocas, latas, culleres, botellas, cunchas, morteiros, tixolas...) ou as ferramentas de traballo (sellas, gadañas, sachos, fouces...).[1]

Utensilios[editar | editar a fonte]

Agrupación Características
Botella As botellas con relevos na superficie, principalmente de anís, aparecidas a finais do século XIX, empregáronse nas festas populares para o acompañamento do canto mediante o refregado nelas de utensilios metálicos.[2]
Culleres As culleres úsanse por parellas como acompañamento musical batendo unha coa outra para producir golpes e redobres. Utilizábanse por toda Galiza e son hoxe fabricadas polos artesáns especificamente para este fin.[3]
Cunchas O uso das cunchas de vieira como instrumento musical tradicional documéntase por toda a xeografía galega, mesmo en lugares do interior moi afastados das costas.[4]
Lata As latas de carburo, inicialmente, e de pemento despois foron usadas nas festas galegas, desde comezos do século XX, como substitutas de pandeiros e pandeiretas, instrumentos máis caros e difíciles de conseguir.[5]
Sacho Conservouse o uso do sacho como base rítmica para canto e o baile nalgunhas comarcas do sur de Pontevedra. Alí asóciase ás labradas comunais dos terreos na primavera. Tamén se utiliza como instrumento musical nos folións de entroido das comarcas de Viana e Terra de Trives.[6]
Tixola As tradicionais tixolas de ferro e mango longo que se pousaban sobre os trespés das lareiras foron tamén eficaces substitutos para pandeiros e pandeiretas. O seu uso instrumental documéntase, cando menos, até a primeira metade do século XX, principalmente na comarca da Limia.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Camafeita, Olga (2001). "Utensilios instrumentalizados". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  2. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Botella". Consultado o 2021-10-18. 
  3. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Culleres". Consultado o 2021-10-18. 
  4. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Cunchas". Consultado o 2021-10-18. 
  5. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Latas de carburo e pemento". Consultado o 2021-10-18. 
  6. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Ferramentas agrícolas". Consultado o 2021-10-18. 
  7. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Cazola ou tixola". Consultado o 2021-10-18. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]