Aña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cantos de traballo en Galiza.

A aña, ou añas, son cantos de traballo asociados ás labradas veciñais da terras para a sementeira do millo. Musicalmente acompáñanse do ritmo obtido polo bater das pedras nos sachos.

Características[editar | editar a fonte]

Cantareiras cos legóns

O costume das labradas chegou até os anos setenta do século XX nas comarcas galegas do Condado e da Paradanta, e consta a súa existencia en Boqueixón[1], na Terra de Montes e na Serra do Suído.[2]

Durante estes traballos de axuda mutua, dividíanse as tarefas manuais entre dous bandos de labregas[a] que competían por rematar primeiro a súa parte. As vencedoras gañaban o dereito a "botala aña", isto é, iniciar unha serie de cantigas sarcásticas dedicados ás perdedoras, mentres se acompañaban da música producida polo bater das pedras nas ferramentas de labranza.[3][4]

O nome de aña, cría femia da ovella, emprégase neste caso como sinónimo de animal ruín con poucas posibilidade de supervivencia, e dáselle o sentido de premio aldraxante para o bando derrotado. De feito, na temática das cantigas empregadas nas añas, abundan as referencias ao animal e a súa familia.[5][6]

Nalgunhas zonas era tradición tamén que as vencedoras, que labraban un dos cabeceiros da leira enviasen un ramallo espetado no arado aos do cabeceiro perdedor.[6] Entregado este ramo bailábase con el que, por extensión, recibe tamén o nome de aña.[3][5]

A asociación cultural Trépia de Pontevedra organiza desde o ano 2010 a "aña urbana", un encontro arredor dos bailes e cantares vencellado ao ciclo das labradas.[7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

Botai d’alá morriñosas

que d’acá botamos nós-e

mataremos un carneiro

i-os collóns serán pra vos-e.


Xa que levaste-la aña,

mociñas do cabeceiro

Xa que levaste-la aña,

levai tamén o carneiro.

—Cantigas da aña

  1. Eran maioritariamente as mulleres as encargadas de traballar cos legóns.
Referencias
  1. Carpintero, Pablo. "Ferramentas agrícolas". Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega. Consello da Cultura. Consultado o 2021-04-08. 
  2. Outeiro, Xandre (2012). ManüEle... de Pandeireta e canto tradicional. Ediciones Intermitentes. p. 63. 
  3. 3,0 3,1 Camafeita, Olga (2001). "Aña". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 
  4. Pablo Carpintero, Rosa Sánchez (2019). Música e evolución. p. 40m 27s. 
  5. 5,0 5,1 Feijoo, Xisco (2020). "As añas". Aturuxo (19): 69–71. 
  6. 6,0 6,1 Carpintero, Pablo. "Ferramentas agrícolas". Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega. Consultado o 2021-04-08. 
  7. Aña Urbana 2013 Asociación Cultural Trépia. Trépia Asociación Cultural. 2013. 
  8. Asociación Cultural Trépia. "Aña Urbana". trepia.org. Consultado o 2021-04-08. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]