Pito galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pito galego
Pito pastoril
Información
Clasificaciónvento madeira
Instrumentos relacionadosFrauta

O pito galego é unha frauta galega de bico ou bisel. Empregada orixinalmente por pastores como instrumento de pasatempo, recibe tamén o nome de pito pastoril.

Características[editar | editar a fonte]

Os pitos galegos son frautas rectas de bisel. Fabricábanse antigamente, con navallas ou ferros quentes, en madeira de sabugueiro, de cana ou con cornos de cabra. Contaban cun número variábel de buratos e unha dixitación similar á da gaita, o que facía que fosen empregados como iniciación á música polos novos gaiteiros.[1] Malia isto, os pitos foron principalmente instrumentos de pastores, e nas súas mans os sitúan as primeiras referencias existentes a eles na época medieval. Naquela altura foron introducidos na música culta baixo as denominacións de fistula vulgaris e tibia ruralis, en referencia as súas orixes populares.[2]

Durante o século XVII, segundo deixou escrito Frei Martín Sarmiento, os pitos foron utilizados para faceren festa en seráns e romarías,[2] e xa no XIX sábese que Canuto Berea os vendía na súa tenda de música da Coruña.[3] A mediados do século XX, cando o instrumento estaba a piques de desaparecer, foi recuperado por artesáns como Paulino Perez de Lugo e Basilio Carril de Santiago[4]. Este último chegou a gravar un vinilo no ano 1971, "Pitos Gallegos"[5], no que interpreta por vez primeira catros pezas co pito como instrumento solista.[3]

Na década de 1980, Antón Corral, seguindo un modelo de Carril retomou a súa construción fabricando pitos na tonalidade de "re". Esta importante variación permitiu utilizalos con outros instrumentos populares como zanfonas, requintas e algunhas gaitas.[6] Alumnos seus acadarían posteriormente outras tonalidades como "sol", "si bemol" ou "la" ampliando aínda máis as posibilidades interpretativas.[1] Hoxe en día os pitos chegan a acadar dúas oitavas cromáticas e son fabricados por construtores profesionais en madeiras nobres como o buxo, o granadillo ou o paovioleta.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "O Pito Galego". pitogalego.gal. Consultado o 2021-09-09. 
  2. 2,0 2,1 "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Pito". Consultado o 2021-09-09. 
  3. 3,0 3,1 "Historia". pitogalego.gal. Consultado o 2021-09-09. 
  4. Bocixa Rei, Xosé. "Basilio Carril". Consultado o 2021-09-09. 
  5. "Os Xacobeos – Pitos Gallegos (1971, Vinyl)" (en inglés). Consultado o 2021-09-09. 
  6. Obradoiro Escola de gaitas e zanfonas (1987). Instrumentos musicais populares galegos (PDF). Universidade Popular de Vigo. p. 10. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de setembro de 2021. Consultado o 10 de setembro de 2021. 
  7. "Pito galego, requintas e varios". Arco Iris Musical. Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2022. Consultado o 2021-09-10. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]