Agrupacións musicais galegas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Folerpas, cuarteto tradicional.

As agrupacións musicais galegas son as diferentes formacións, de instrumentos e músicos, aparecidas ao longo dos séculos na música tradicional galega.

Agrupacións[editar | editar a fonte]

Agrupación Características
Dúo tradicional A gaita, instrumento característico da música popular galega, foi ao longo da historia un instrumento solista. Porén, desde o século XVIII, comezan a existir as primeira representacións nas que aparecer formando un dueto co tambor.[1]
Cantareiras Nas festas populares galegas, eran as mulleres as encargadas de achegar o canto e a música para o baile, pois non sempre era posíbel contar cun gaiteiro. Estas cantadoras adoitaban acompañarse de pandeiros, pandeiretas ou calquera dos utensilios do fogar ao seu alcance.[2]
Rancho de Reis Os ranchos son grupos de cantadores, danzantes e músicos, que se organizan durante as festas de reis. Estas formacións percorren as parroquias pedindo o aguinaldo mentres interpretan cantos e danzas de reis. Consérvanse sete destes ranchos nas comarcas do Condado e Vigo.
Folión Os folións de entroido son agrupacións musicais conservadas en Galiza nas comarcas ourensáns de Viana e Trives. Fórmanas os propios veciños para animar as festas empregando ferramentas agrícolas (gadañas, sachos) e os característicos tambores de entroido.
Treboadas Son agrupacións musicais propias do Baixo Miño e do norte de Portugal, onde reciben o nome de Zés Pereiras. Estaban compostas orixinalmente por gaita de barquín, tambor e bombo de mallada. Posteriormente, a gaita pasou a ser de fol, o tambor substituído por unha caixa, e ampliouse substancialmente o número de bombos, até chegar a cinco ou máis.[3]
Bandas populares Desde mediados do século XIX comezaron a proliferar en Galiza as bandas de música. Estas bandas popularizáronse, adaptando o seu repertorio á contorna cultural, e mesturando os seus músicos cos instrumentistas tradicionais.[4]
Trío tradicional Coa a introdución na música popular da instrumentación das bandas de música, os gaiteiros comezaron a incorporala aos seus conxuntos. Un dos primeiros instrumentos adoptados foi o bombo, que asociado a gaita e tambor, formou o trío tradicional.[5]
Coros galegos No último terzo do XIX, na época do Rexurdimento cultural galego, apareceron os coros galegos. Estas agrupacións levaron por primeira vez aos escenarios o canto, a música, o baile e a vestimenta tradicionais de Galiza.[5]
Cuarteto con clarinete Outro dos instrumentos procedentes das bandas que se incorporou á música galega foi o clarinete (ou o requinto). Asociado con gaita, caixa e bombo formou un popular cuarteto que se estendeu por todo todo o país.[6]
Cuarteto tradicional Na década de 1920, os avances na organoloxía, permitiron que dúas gaitas tocasen xuntas nunha agrupación. Algo inédito até ese momento. Apareceu entón unha nova formación, os cuartetos de dúas gaitas, tambor e bombo.[7]
Requintas Nas terras do val do río Ulla trunfaron, desde a segunda década do século XX, as chamadas requintas. Grupos que incorporaban aos cuartetos tradicionais a requinta, un tipo de frauta travesa característica da zona.[8]
Charanga Outra agrupación nacida da fusión entre músicos tradicionais e procedentes das bandas foron as charangas. Estes conxuntos suman instrumentación de vento á gaita e a percusión tradicional.[7]
Bandas de gaitas A finais do século XX produciuse en Galiza un aumento do interese pola música tradicional, en especial pola gaita. Apareceron entón escolas para gaiteiros e, a partir delas, as bandas de gaitas, que permiten ao alumnado tocar e aprender conxuntamente.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Tambor propiamente dito". Consultado o 2021-07-14. 
  2. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Cantadoras". Consultado o 2021-07-14. 
  3. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Bombo de mallada". Consultado o 2021-08-23. 
  4. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » As bandas populares". Consultado o 2021-07-14. 
  5. 5,0 5,1 "Agrupacións". Un paseo pola música de Galicia. Consultado o 2021-07-14. 
  6. Naqueles tempo (TVG) 11 - A gaita galega I. Youtube. 2016. p. 24 m. 27 s. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Carpintero Arias, Pablo. "O gaiteiro". Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega. Consultado o 2021-05-21. 
  8. Carpintero Arias, Pablo. "Requinta". Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega. Consultado o 2021-07-07. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]