Gaita de barquín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gaita de barquín
Información
Clasificaciónvento madeira
Instrumentos relacionadosGaita galega

A gaita de barquín é unha gaita galega de insuflación mecánica conservada no Baixo Miño. O seu nome fai referencia ao barquín[1] que o gaiteiro sostén baixo o brazo e co que alimenta o fol do instrumento.

Orixe e evolución[editar | editar a fonte]

Foi no século XVII cando por toda Europa comezaron a aparecer gaitas de fol alimentadas con barquín. Estímase que foi nesta época cando a unha gaita galega de dous bordóns lle foi engadido este dispositivo, dando orixe á gaita galega de barquín.[2] Gaitas desta tipoloxía conserváronse até os anos 1930 na comarca do Baixo Miño, se ben é seguro que foi tocada nunha zona moito máis ampla, pois áchanse noticias delas na Limia, Baixa Limia, Terra de Soneira, Terra de Trives e Norte de Portugal.[2]

Alén do seu emprego como instrumento solista e a ocasional integración en cuartetos con clarinete, a gaita de barquín facía parte das antigas treboadas. Nestas agrupacións musicais amenizaba, xunto a tambor e bombo de treboada, todo tipo de romarías, seráns, danzas e procesións no Miño galego e portugués[3]. A aparición desde o derradeiro cuarto do século XIX das bandas de música, con nova instrumentación e repertorio, deu inicio a un proceso de estandarización da gaita galega. Este proceso, acelerado na década de 1920 coa popularización dos cuartetos de gaiteiros, levou aos músicos de barquín a modificar os seus instrumentos e, finalmente, ao seu abandono en favor da gaita galega habitual.[2]

Características[editar | editar a fonte]

A gaita de barquín[4] componse basicamente dos seguintes elementos[5]:

  • Un barquín, ou fol mecánico, que suxeito ao brazo do gaiteiro utilízase para insuflar aire no instrumento.
  • Dous bordóns, saídos da mesma buxa (chamada na zona tigha ou ghalleto) e situados sobre o ombro do gaiteiro. Este bordóns reciben na zona o nome de orneón (roncón) e ornillo (ronqueta).
  • Algunhas das gaitas conservadas tiñan dous tipos de punteiros, uns afinados en Si (tumbais) e outros en Re (grileiros), existindo algúns dotados dunha chave para mudar de oitava.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Barquín". Real Academia Galega. Consultado o 2021-09-07. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » A gaita de barquín". Consultado o 2021-09-06. 
  3. Fernández Santomé (2012). p.34
  4. "Gaita de barquín (Seivane)". seivane.es. Consultado o 2021-09-07. 
  5. Fernández Santomé (2012). pp.79-83

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]