Regueifa (pan de voda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bailadora dun grupo de baile tradicional coa regueifa.

A regueifa era unha rosca ou bolo de pan tradicional das vodas galegas. Elaborado preferentemente con fariña de trigo, adoitaba repartirse despois do banquete nupcial entre os veciños non convidados ao casamento.

Características[editar | editar a fonte]

A regueifa podía facerse con centeo ou millo, se ben era máis valorada a que se elaboraba con fariña branca de trigo, un alimento de luxo durante os séculos do antigo réxime. O bolo enfeitábase segundo as posibilidades económicas da familia que o presentaba e o uso e costume do lugar xeográfico. Tíñanse en consideración o seu tamaño, canto máis grande mellor,[1] e os seus adobios, que podían ser ovos, azucre, fitas, lambetadas, garrafas de licor,etc. Nalgunha zona recibía o nome de "rosca da señora madriña", pois era a madriña da voda a encargada de elaborala.[2] Da súa calidade dependía en boa medida o éxito do casamento e o prestixio da casa, que de non cumpriren as expectativas, era satirizada polos asistentes.[3]

Cerimonia[editar | editar a fonte]

Baile da regueifa en Noia a finais do século XIX

Era tradicional que polo serán, despois do banquete nupcial, os veciños acudisen á casa onde tiña lugar o convite e comezasen a solicitar a regueifa con cantigas festeiras. Estes cantos, chamados tamén regueifas, eran respondidos polos convidados ao banquete nun intercambio de coplas enxeñosas. Concluídas estas, sacábase da casa o pan da voda para entregalo os asistentes. Antes de "rendelo" era tradicional que os noivos, ou os padriños[4], ou outra parella escollida para a ocasión, bailase unha muiñeira vella (denominada tamén regueifa) coa rosca da voda sobre a cabeza.

A entrega da regueifa posterior ao baile facíase de xeito diferente segundo as zonas do país. Nalgúns lugares existía a tradición de "voltear a regueifa". Metíase esta nun pano que agarraba unha parella coa boca, cada un por un extremo. Así sostida dabaselle voltas, gañando o premio a parella que máis xirase o pano sen lle caer.[5] Noutros entregábase a regueifa como trofeo a quen mellor improvisara no canto, sendo o vencedor o encargado de efectuar o repartimento entre a concorrencia. Tamén se podía facer un concurso de baile arredor da regueifa gañandoa o mellor bailador.[6][7] Existen mesmo referencias á chamada "carreira da regueifa", unha corrida entre a mocidade na que gañaba o pan o mozo máis veloz.[8]

A entrega da regueifa, xunto con outros convites cerimoniais, facía partícipe da celebración a toda a comunidade e servía para integrar os mozos foráneos, nunha época na que os pretendentes alleos non adoitaban ser ben recibidos.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sobrado Correa (2000). pp.667-668
  2. Sobrado Correa (2000) p.666
  3. Mila i Fontanals, Manuel (1877). Poesía popular gallega. p. 54. 
  4. Padriños de voda bailando a regueifa. Foto Ramón Caamaño (1956).
  5. Grupo de baile e música tradicionais Brincadeira (2020). Volteando a Regueifa. Facebook. 
  6. Barros Silvelo, Ramón (1875). Antigüedades de Galicia. p. 72. 
  7. Sobrado Correa (2000). pp. 670-671
  8. Calvo Varela, Carlos (02/2018). "Correr a Regueifa. Material para a história do atletismo popular" (PDF). Novas da Galiza (164): 24–25. 
  9. Sobrado Correa (2000). p. 664-666

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]