Requintas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Requintas
Orixe culturalGalicia Galicia
Instrumentos típicosRequinta
Gaita galega
Tambor
Caixa
Pandeireta
Bombo
Outros nomesGaitas

As requintas, ou gaitas, son agrupacións musicais galegas, propias das terras do val do río Ulla, compostas por requintas, gaitas e percusión tradicional.

Características[editar | editar a fonte]

A requinta, é un tipo de frauta travesa aparecida en Galiza a comezos do século XIX. Debido á súa afinación, e a permitir o toque nun rexistro agudo que acada o volume da gaita de fol, empregouse desde cedo para o seu acompañamento. A súa popularidade nas terras do Ulla fixo que o seu nome se estendese axiña ao das agrupacións que a empregaban. Estes grupos adoitaban estar compostos por un ou dous requinteiros, que tocaban a carón dunha ou dúas gaitas, e aos diferentes instrumentos de percusión, normalmente caixa e bombo.[1]

As requintas proliferaron, na década de 1920, ao longo dos concellos do tramo medio do Ulla, Silleda, Boqueixón, Padrón, Teo, Touro, Vedra, Vila de Cruces e A Estrada, chegando a existir até vinte grupos distintos (A requinta de Carcacía, A requinta de Lampai, A gaita de San Miguel, Os gaiteiros de Albín, A gaita de Vedra, Airiños do Ulla, etc). A irrupción no panorama musical galego das orquestras de baile na década de 1950 substituíu os grupos de requinteiros, que deixaron de ser contratados para as festas quedando case esquecido o instrumento.[2] Porén, a publicación no ano 1993 do libro A requinta na Ulla coas indagacións do gaiteiro Enrique Montero,[3] fixo rexurdir o interese nas requintas. Apareceron desde aquel momento novos instrumentistas, grupos e artesáns que traballan pola súa normalización. No ano 2017 publicouse un libro-cd que reúne, en máis de 80 partituras, a transcrición de parte do repertorio das requintas tradicionais.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carpintero Arias, Pablo. "Requinta". Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega. Consultado o 2021-07-07. 
  2. "O son da requinta". Raiceiros.org. Consultado o 2021-07-12. 
  3. "A Requinta na Ulla.". todocoleccion.net (en castelán). Consultado o 2021-07-12. 
  4. "A requinta da Ulla". www.edicionsembora.es. Consultado o 2021-07-12. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]