Saltar ao contido

Regueifa (baile de voda)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Regueifa
Imaxe
 Instancia de
Características
 Xénero artístico
Localización
 País de orixe
Wikidata

O baile da regueifa é unha danza tradicional galega derivada da muiñeira vella. Bailábase nos casamentos, habitualmente os noivos ou padriños, coa finalidade de repartir un bolo de pan (a regueifa) entre a veciñanza. Este molete de pan era portado pola bailadora sobre a cabeza durante a danza e repartido entre os presentes finalizada esta, nun ritual que simbolizaba a aceptación do novo casal entre a comunidade.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Malia existiren múltiples variantes, dependendo do informante e da súa zona de procedencia, a evolución máis documentada da cerimonia sería a seguinte:

  • Finalizada a cerimonia relixiosa os noivos trasladábanse cos seus convidados á casa onde se celebraba o banquete nupcial.
  • Cara ao serán, os veciños non convidados ao xantar acudían á porta da casa dando vivas aos noivos e iniciando cantigas para reclamar a regueifa, o tradicional pan da voda. Desde dentro da casa os convidados respondían a estas coplas con outras, nun desafío de enxeño verbal denominado tamén regueifa. Este proceso de intercambio de cantigas podía chegar a durar horas e, malia a intención festeira, rematar nunha agarrada violenta.[1]
  • Concluída a regueifa verbal, sacábase do interior da casa o pan da voda, máis ou menos adornado segundo os lugares. Era este tradicionalmente elaborado pola madriña, e valorábase moito o seu tamaño e que fose feito de fariña de trigo, un alimento de luxo durante o antigo réxime.[2]
  • Os noivos, os padriños[3] ou outra parella na súa representación, iniciaban entón o baile da regueifa. Acompañados de canto e pandeiretas danzaban unha muiñeira vella a un ritmo pausado. A muller portaba na cabeza o molete de pan, pasandoo a metade do baile ao home nalgunhas zonas.[4] A danza esixía dunha boa técnica e coidado, pois se este caía da cabeza da bailadora considerábase unha deshonra e un sinal de mal augurio para os acabados de casar.[5]
  • Finalizada a danza o pan repartiase entre os asistentes, nunha cerimonia de irmandade na que, simbolicamente, o novo casal era aceptado na comunidade.[6]

Variantes

[editar | editar a fonte]
Bailadora coa Regueifa.

Descoñécese o momento no que comezou a tradición de bailar a regueifa nas vodas galegas. Algúns estudosos estiman que o baile é máis antigo que a regueifa cantada.[7] Na cerimonia, coma noutros costumes recuperados a través de noticias orais, atópanse diferentes variantes dependendo dos informantes e do seu lugar de procedencia.

Nalgunhas zonas indícase que o baile tiña lugar despois do banquete nupcial, noutras que se facía á saída da misa antes de entrar ao convite. Nalgúns lugares afirmase que tiña lugar o día anterior a voda, pois daquela os casamentos podían durar varios días.[8]

Existen tamén diferentes versións sobre as persoas que bailaban a regueifa, podían ser os propios noivos ou outra parella na súa representación, a miúdo os padriños do casamento. Existe unha coñecida fotografía do ano 1956, realizada polo fotógrafo muxián Ramón Caamaño, na que aparecen os padriños da voda bailando a regueifa diante da comitiva nupcial.[3] Tamén se conserva outra, de finais do século XIX, no que catro parellas bailan a regueifa ao tempo.[9]

Asemade, a entrega da regueifa ofrece tamén múltiples versións, recolléndose en ocasións o costume de "voltear a regueifa" antes de rendela. Metíase esta nun pano que agarraba unha parella coa boca, cada un por un extremo. Así sostida dabaselle voltas, gañando o premio a parella que máis xirase o pano sen lle caer.[10] Refírese tamén a tradición de entregar a regueifa como trofeo a quen mellor improvisara no canto, sendo o vencedor o encargdo de efectuar o repartimento entre a concorrencia. Noutros lugares facíase un concurso de baile arredor da regueifa gañandoa o bailador que executara os puntos máis arrevesados.[4][11] Existen tamén referencias á chamada "carreira da regueifa", unha corrida entre a mocidade na que gañaba o pan o mozo máis veloz.[12]

O momento de "partir a regueifa" era un momento crítico no festexo, no que non eran infrecuentes as liortas entre os asistentes.[13]

Recuperación

[editar | editar a fonte]

A celebración da regueifa conservouse viva, aínda que xa precariamente, até a década de 1970.[7] Durante todo o século XX, a cerimonia espertou o interese das asociacións culturais vinculadas ao baile e a música tradicional. A danza foi recreada fóra do seu contexto orixinal en espectáculos e representacións destes grupos folcĺóricos. Os pioneiros foron os coros galegos de comezos de século, como a Agrupación Artística de Vigo e o orfeón ferrolán Toxos e Froles. Máis adiante, outras agrupacións como as históricas agrupación folclórica Aturuxo da Coruña[14] ou a compostelá Cantigas e Agarimos[15] recolleron a testemuña na divulgación do baile. Na actualidade este fai parte do repertorio de moitos dos grupos modernos de baile tradicional, existindo hoxe mesmo obradoiros específicos sobre o baile[16] e tentativas de que este recupere o seu contexto orixinal, os casamentos.[17][18][19]

  1. Rey, Manuel (2020). As regueifas de comezos do século XX en Galicia. 1/2. Twitter @manuelreyp.
  2. Sobrado Correa (2000). pp.667-669
  3. 1 2 Padriños de voda bailando a regueifa. Foto Ramón Caamaño (1956).
  4. 1 2 Barros Silvelo, Ramón (1875). Antigüedades de Galicia. p. 72.
  5. Agrupación Cultural Xacarandaina (2019). Festival Interceltique Lorient. Youtube. p. 7m. 29s.
  6. Sobrado Correa (2000). p.671-672
  7. 1 2 Blanco, Domingo (2009). A regueifa en Cabana de Bergantiños. Concello de Cabana de Bergantiños. p. 16.
  8. Fernández Aldrey, Sergio (2008). MEMOGA. La Memoria de Galicia:Un estímulo para el recuerdo (PDF). Caixa Galicia. pp. 80–81.
  9. Guerra, Pietro (1890-1900). "Romería en Noia". (Portfolio de Galicia de Pedro Ferrer. p. 259). Consultado o 2021-02-11.
  10. Grupo de baile e música tradicionais Brincadeira (2020). Volteando a Regueifa. Facebook.
  11. Sobrado Correa (2000). pp. 670-671
  12. Calvo Varela, Carlos (02/2018). "Correr a Regueifa. Material para a história do atletismo popular" (PDF). Novas da Galiza (164): 24–25.
  13. Rey, Manuel (2020). As regueifas de comezos do século XX en Galicia. 2/2. Twitter @manuelreyp.
  14. Agrupación Folklórica Aturuxo (2012-12-04). "A Regueifa". Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2021.
  15. Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos (1988). Regueifa (Xornadas de folclore Santiago). Youtube.
  16. Rivera, Montse. A Regueifa como baile de voda na Pobra. Facebook.
  17. Amas de Casa de Mazaricos - Asoc. Cultural o Hórreo (2018). A regheifa en Mazaricos. Facebook.
  18. Rubén Bastón (2014). Baile da regueifa en Bueu. Youtube.
  19. Retrouso de Cela (2016). Regueifa de Arcos (Mazaricos - A Coruña). Baile tradicional de voda galega. Youtube.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]