Ramón Caamaño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaRamón Caamaño
Biografía
Nacemento9 de novembro de 1908 Editar o valor em Wikidata
Muxía, España Editar o valor em Wikidata
Morte13 de maio de 2007 Editar o valor em Wikidata (98 anos)
Muxía, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónfotógrafo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Ramón Caamaño Bentín, nado en Muxía o 9 de novembro de 1908 e finado na mesma vila o 13 de maio de 2007, foi un fotógrafo galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Fillo único, o seu pai ao pouco de nacer el emigra a Cuba e México onde se dedica á venda de encaixe que elaboran na casa familiar. Ao facer os oito anos o seu pai mándalle unha máquina de cine con algunha película, que lles proxectaba aos rapaces e rapazas de Muxía, a quen lles cobraba a entrada en alfinetes que logo vendía ás palilleiras. Este rapaz, que quería ser electricista, cando ten dezaseis anos merca a súa primeira máquina fotográfica. Era unha máquina de caixa que tiraba as fotos sen enfocar.

A partir do ano 1925 comeza a fotografar o mundo máis próximo: mariñeiros, campesiños, paisaxes, solpores, romarías etcétera. Dous anos máis tarde 1927 compra unha máquina Pathe Baby para proxectar cine, e comeza a distribuír filmes pola Costa da Morte. Marcha a Santiago de Compostela nos invernos dos anos 29, 30 e 31, onde traballará co fotógrafo Ksado, de quen aprenderá entre outras cousas a técnica de colorear fotos con ácidos.

Casamento e fotoxornalismo[editar | editar a fonte]

No ano 1932 coñece no Porto do Son a Tereixa Louro, coa que casará en 1937. Nese ano muda para Cee, onde monta un estudio e comeza a traballar facendo retratos. En 1938 é mobilizado co motivo da Guerra Civil e destinado á fronte de Aragón, onde leva canda si a cámara West Pocket. As súas fotos de guerra poden cualificarse como o primeiro exemplo de fotoxornalismo galego.

Á volta da contenda segue co estudio en Cee, pero a súa actividade esténdese a toda a comarca, principalmente ás vilas de Corcubión e Muxía.

Retirada e pasamento[editar | editar a fonte]

Retirouse da vida profesional e da fotografía en 1975. Tiña un pequeno museo persoal na súa casa, mantido ata o seu falecemento. Foi soterrado no camposanto de Santa María de Muxía.

Obra[editar | editar a fonte]

Nas súas fotografías emprega fundamentalmente o branco e negro, e é sobre todo coñecido polos seus retratos. Os fotógrafos de aldea, coma el, vivían de realizar fotografías por encarga a labregos e mariñeiros, que buscaban con elas manter o vínculo cos familiares da emigración. Tamén ten series de fotografías de defuntos, aos que retrataba a petición dos seus familiares. As fotos realizábanse no estudio, sobre uns decorados ficticios de pano, ou senón nas propias aldeas, con panos e telas que se colocaban de fondo en escenarios naturais. O contraste entre eses decorados e o realismo e austeridade das fotografías, case todas retratos formais e hieráticos, é unha das características do xénero.

Outro dos temas preferidos de Ramón Caamaño foi o das romarías, en especial as da Romaría da Virxe da Barca, de Muxía.

O seu arquivo fotográfico está formado por máis de 6.000 copias fotográficas e preto de 20.000 clixés.

Exposicións[editar | editar a fonte]

  • 1989. Monográfica e antolóxica da súa obra. Centro Cultural Caixavigo (Vigo), itinerante.
  • 2005. Retratos da Costa da Morte, de Ramón Caamaño. Centro Cultural Caixanova (Vigo). Nela xúntanse diversos retratos realizados entre 1928 e 1948

Publicacións[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]