Política de España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo de España

A política de España é o conxunto de condicións administrativas que as leis de España ditan para o funcionamento que os órganos lexislativos consideran apto para o país. Seguindo a clasificación do sistema de goberno no mundo, España posúe a forma de monarquía parlamentaria, pois o seu poder lexislativo (representado na figura das Cortes Xerais) exerce o control do executivo, así como funcións lexislativas, agás potestades lexislativas gobernamentais, como os Reais Decretos Lei. Estes han de ser, en todo caso, debatidos polo Congreso dos Deputados, nun prazo non superior a 30 días, sen que o pobo español poida intervir no devandito proceso.[1] En España, igual que en practicamente todos os países da súa contorna, non existe unha democracia participativa ou semidirecta, como por exemplo en Suíza. Si é posible a participación directa dos cidadáns, a través dunha iniciativa lexislativa popular, a cal precisa dunha recollida de, polo menos, medio millón de firmas mediante unha iniciativa lexislativa popular, que require, para a súa aprobación, someterse ó debate e validación das Cortes Xerais.[2]

Historia recente[editar | editar a fonte]

O expresidente Adolfo Suárez durante unha visita efectuada a Buenos Aires (Arxentina) no outono de 1981

Durante esta época, prodúcese o cambio de réxime, da ditadura franquista á actual democracia. Sendo o Presidente do Goberno Adolfo Suárez aprobouse a Ley da Reforma Política (1976) e a actual Constitución (1978). Suárez gobernou dende 1976 ata 1981.

O 23 de febreiro de 1981, algúns grupos rebeldes da Garda Civil tomaron o Congreso dos Deputados e tentaron impor unha ditadura militar. Con todo, a inmensa maioría das Forzas Armadas Españolas permaneceron leais ó rei Don Juan Carlos I, quen empregou a autoridade real para salvagardar a orde constitucional.[1] Nese momento, o poder executivo recaeu sobre Francisco Laína que exerceu como xefe da Comisión Permanente de secretarios de Estado e de subsecretarios, conformando un goberno provisional que asumiu as funcións do executivo.[2]

España únese á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) a principios de 1982. En outubro dese mesmo ano, o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), liderado por Felipe González Márquez, gañou as eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado con maioría absoluta. O PSOE tamén obtivo a maioría absoluta nas eleccións de 1986 e 1989. González, á fronte do PSOE, gobernou durante os seguintes 13 anos. Durante o seu mandato, desenvolveuse o Estado do Benestar, o modelo autonómico e producíronse cambios importantes en política social, moi atrasada por mor da ditadura. Tamén, este período estivo marcado por escándalos políticos de corrupción e de terrorismo de Estado (GAL). En 1986 España entrou a formar parte da Unión Europea (UE).

En marzo de 1996, o Partido Popular (PP) de José María Aznar foi o partido máis votado, conseguindo case a metade dos escanos no Congreso. Aznar propúxose liberalizar a economía, cun programa de privatizacións, reforma do mercado laboral, e medidas destinadas a incrementar a competitividade en certos mercados, principalmente o de telecomunicacións. Durante a primeira lexislatura de Aznar, España conseguiu os obxectivos da Unión Económica e Monetaria. Durante este período, España participou, xunto cos Estados Unidos e outras nacións aliadas da OTAN, en operacións militares na antiga Iugoslavia. España propúxose tomar parte na guerra de Kósovo en 1999, e as Forzas Armadas Españolas e algunhas unidades de policía foron incluídas en forzas de pacificación en Bosnia (IFOR, SFOR) e en Kósovo (KFOR).

O PP obtivo a maioría absoluta nas dúas cámaras das Cortes Xerais nas eleccións de marzo de 2000. Este resultado permitiu a Aznar formar un goberno sen necesidade de coaligarse con outras forzas políticas como na súa anterior lexislatura. Aznar foi un firme defensor das relacións transatlánticas e da guerra contra o terrorismo. Esta lexislatura estivo marcada pola axitación social producida por algunhas leis ou decisións (cambio das leis de Educación Lei Orgánica de Calidade da Educación, guerra de Iraq, Desastre do Prestige, atentados do 11-M) que certos sectores da poboación non aceptaron. Para as eleccións de marzo de 2004 Aznar nomeou a Mariano Rajoy (até entón vicepresidente 1º do Goberno) como candidato do PP.

O PSOE gañou as eleccións e José Luís Rodríguez Zapatero foi elixido presidente do Goberno. Tres das medidas máis importantes do Goberno no principio do seu mandato foron: a participación da muller na metade dos cargos do Consello de Ministros, a retirada das tropas españolas en Iraq e a aprobación do matrimonio entre homosexuais.

A finais do 2011 celébranse as eleccións xerais onde gaña o PP (Partido Popular) con Mariano Rajoy á cabeza, quedando este como presidente do goberno español, tomando posesión a principios do 2012.

O 1 de xuño de 2018 prospera unha moción de censura contra o Goberno encabezado por Rajoy, sendo naquel momento investido novo presidente do Goberno o líder do PSOE Pedro Sánchez Pérez-Castejón.

Partidos e organizacións políticas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Partidos políticos en España.

Os partidos políticos e coalicións que contan con representación no Congreso, o Senado ou o parlamento europeo son:

Existen outros moitos partidos políticos e coalicións presentes unicamente en concellos ou parlamentos autonómicos na actualidade, á marxe dos citados anteriormente.

En 2002 aprobouse a Lei Orgánica 6/2002 de Partidos Políticos na que se impide o soporte de organizacións terroristas a través de partidos políticos. Mediante esta lei foi ilegalizada a agrupación política Batasuna, e anuladas as listas electorais de formacións como Autodeterminazioaren Bilgunea (AUB) e Aukera Guztiak (AG).

Democracia directa[editar | editar a fonte]

A Constitución Española no seu artigo 1.2 establece que: <<a soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado, e no seu artigo 23.1 que: "os cidadáns teñen o dereito a participaren nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes">>.[3]

O artigo 92 permite referendos consultivos, que aínda que non son imperativos, constitúen unha decisión transcendental decisiva, posto que a desautorización do seu resultado deviría en trascendentais repercusións políticas.[4] Os referendos vinculantes son obrigatorios en dúas situacións; primeira, para a reforma de certos estatutos de autonomía, quer por tratarse dunha comunidade autónoma constituída baixo o amparo do artigo 151, quer porque, deste modo, se recolleu explicitamente no seu estatuto; segunda, por tratarse dunha reforma constitucional que leve unha modificación que afecte a partes fundamentais da mesma, tal como estipula o artigo 168 (reforma agravada), ou cando, a través do artigo 167 (reforma ordinaria), a futura revisión sexa solicitada, a someterse a plebiscito, polo 10 % dunha das cámaras das Cortes Xerais.[5] Ademais o artigo 168 recolle a obriga dunhas novas eleccións xerais para constituír unhas novas Cortes, que serán as encargadas de procederen a examinar o texto e ratificáreno, antes de sometéreno a referendo nacional.

Celebráronse tres referendos en España desde a aprobación da Constitución; o esixido para a súa ratificación en 1978, o de acceso á OTAN, que foi consultivo, e o que inquiría sobre a aprobación do Tratado de Constitución Europea de 2005, tamén consultivo.

Na Constitución Española recóllese a Iniciativa Lexislativa Popular (art. 87 da Constitución e Lei Orgánica da Iniciativa Lexislativa Popular).[6] Tras a recollida de 500000 firmas os promotores da iniciativa propoñen ao Congreso dos deputados a súa discusión.

Poder lexislativo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cortes Xerais.
Entrada ao Congreso dos Deputados, cámara baixa do poder lexislativo español

O poder lexislativo recae nas Cortes Xerais, asemblea bicameral composta polo Congreso dos Deputados e o Senado. Representan o pobo, exercen a responsabilidade lexislativa e aproban os orzamentos.

O Senado é a cámara alta, integrada por un número variable de senadores, dos que un é electo pola lexislatura de cada Comunidade Autónoma, e outro máis por cada millón de habitantes.

Tamén hai senadores de elección directa polos cidadáns españois. Catro por cada provincia, tres por cada unha das illas de Gran Canaria, Mallorca e Tenerife, un senador por cada unha das illas ou agrupacións delas de Eivissa-Formentera e Menorca nas Illas Baleares, Forteventura, Gomera, Hierro, Lanzarote (incluíndo á Graciosa e as illas menores) e A Palma polas Illas Canarias e dous senadores por cada unha das cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

Distribución de escanos no Congreso dos Deputados por lexislatura

O Senado dura catro anos en exercicio, ten funcións de integración territorial, lexislativa e política.

O Congreso é a cámara baixa, pero ten máis poderes que o Senado. Quizais o máis importante é o de ratificar a proposta que o Rei fai do presidente do Goberno, así como retirarlle a confianza.

O Congreso dos Deputados está composto por un mínimo de 300 e un máximo de 400 deputados, sendo o seu número actual de 350 por determinación da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, aprobada en 1985.

Os Deputados elíxense en cada circunscrición electoral, que ten atribuída unha representación mínima inicial e un número adicional de escanos con arranxo á súa poboación; a circunscrición electoral ordinaria é a provincia. No caso das cidades autónomas de Ceuta e Melilla non se conta a circunscrición provincial. Cada unha destas cidades está representada por un Deputado. Os deputados duran no seu cargo catro anos, ou ben o seu mandato pode terminar o día que as Cortes sexan disoltas polo rei, a petición do presidente.

O réxime de elección dos Deputados fai do Congreso unha Cámara de representación popular e cun carácter netamente político, polo que é o auténtico centro da vida pública española e o escenario onde se protagonizan os debates e votacións de grande importancia. Alén disto, as facultades que a Constitución atribúe ao Congreso sen intervención do Senado salientan o devandito carácter político, dado que ao Congreso en exclusiva corresponde outorgar e retirar a confianza das Cortes Xerais no Goberno e dirimir os conflitos que xurdiren entre as Cámaras na elaboración e aprobación das Leis. O voto dos Deputados é persoal e indelegable (artigo 79.3 Constitución).

Poder executivo[editar | editar a fonte]

Pedro SánchezMariano RajoyJosé Luis Rodríguez ZapateroJosé Maria AznarFelipe GonzálezLeopoldo Calvo-SoteloAdolfo Suárez

É dirixido polo consello de ministros, que ten tantos ministerios como estableza o real decreto de estrutura aprobado polo presidente do goberno de acordo coas necesidades do país no momento. A súa finalidade consiste en facer cumprir as leis aprobadas polo poder lexislativo, do mesmo xeito que planear e executar o programa de goberno a fin de dirixir a administración pública.

O Presidente do Goberno é a denominación dun cargo do poder executivo, que serve como xefe de goberno nalgúns países con sistema parlamentario (España) ou semipresidencialista (Rusia). Aínda que a nivel internacional o consideran equivalente a outras denominacións, como primeiro ministro (Reino Unido, Francia etc.), chanceler (Austria, Alemaña) ou presidente do Consello de Ministros (Italia e outros), as funcións non son necesariamente as mesmas. Por exemplo, en España o presidente do Goberno non é primus inter pares, como adoitan selo os primeiros ministros, como o do Reino Unido, senón un verdadeiro e indiscutido xefe do goberno.[cita [Cómpre referencia]

Presidentes constitucionais do Goberno de España[editar | editar a fonte]

Presidente Partido Lexislaturas Mandato
1. Adolfo Suárez UCD 1[7] 2 de abril de 1979-26 de febreiro de 1981
2. Leopoldo Calvo-Sotelo UCD 1[8] 26 de febreiro de 1981-2 de decembro de 1982
3. Felipe González PSOE 4 2 de decembro de 1982-5 de maio de 1996
4. José María Aznar PP 2 5 de maio de 1996-17 de abril de 2004
5. José Luís Rodríguez Zapatero PSOE 2 17 de abril de 2004-21 de decembro de 2011
6. Mariano Rajoy PP 3[9] 21 de decembro de 2011-1 de xuño de 2018
7. Pedro Sánchez PSOE 3[10] 1 de xuño de 2018

Ministerios[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ministerios de España.
Os Reis de España.

Os ministerios son a forma de organizarse do poder executivo. É unha organización dinámica, e cambia segundo os intereses dos gobernos que os nomean. Por tanto toda lista de ministerios pode quedar obsoleta. Os de antigas lexislaturas están na páxina Ministerios de España. Son os seguintes [2] Arquivado 27 de marzo de 2014 en Wayback Machine.:

Ademais, a ministra de Política Territorial (Isabel Rodríguez García) asume as funcións de Ministra Portavoz

Poder xudicial[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Poder xudicial de España.

É o conxunto de xulgados e tribunais que teñen a potestade de administraren xustiza en nome do Rei. O Consello Xeral do Poder Xudicial é o máximo órgano de goberno da xudicatura. O Tribunal Constitucional controla que as leis e as actuacións da administración pública se axusten á Carta Magna. O Tribunal Supremo é o órgano xurisdicional superior en todas as ordes, excepto en materia de garantías constitucionais.

Exclusivamente aos anteditos xulgados e tribunais corresponde o exercicio da potestade xurisdiccional, xulgando e facendo executar o xulgado. En exercicio da devandita potestade, os xulgados e tribunais coñecen e deciden todos os procesos xurisdicionais das ordes civil, penal, contencioso-administrativo, social e militar. O coñecemento e a decisión, dos susoditos procesos, consiste na tramitación e pronunciamento sobre o fondo do asunto que lles expoñan as partes, sexan estas autoridades ou particulares.

Tamén, nos casos en que a lei así o permite, os xulgados e tribunais se encargan do coñecemento e decisión de asuntos que non suscitan contenda entre partes, nos denominados procesos de xurisdición voluntaria, regulada actualmente na Lei de ''Enjuiciamiento Civil'' de 1881. Estes son principalmente a protocolización de testamentos ológrafos (escritos polo testador «da súa propia man») e outros actos civís que requiren intervención xudicial.

Así mesmo, xuíces de Primeira Instancia e, no seu caso, os xuíces de Paz, teñen ao seu cargo o Rexistro Civil, sendo responsables da custodia e levanza dos libros que rexistran o nacemento, estado civil, e os feitos que afectaren á capacidade de obrar e a defunción das persoas.

Principios[editar | editar a fonte]

A Constitución garante o respecto aos principios esenciais necesarios para o correcto funcionamento do Poder Xudicial. Estes principios son a imparcialidade, a independencia, a inamovibilidade, a responsabilidade e a legalidade.

  • Principio de imparcialidade: En garantía da tutela xudicial efectiva asegurada a todos os cidadáns pola Constitución Española, a Lei Orgánica do Poder Xudicial proscribe a intervención de xuíces e maxistrados no coñecemento e decisión de asuntos nos que poidan ter interese como parte, ben sexa a título persoal ou como representantes doutras persoas. Os xuíces e maxistrados están na obrigada de abstérense de coñecer ou decidir tales asuntos, e no caso de non o faceren, poden mesmo ser recusados pola parte que se crea prexudicada. Un Tribunal superior xerarquicamente decidirá o incidente de recusación e, en caso de atopar fundada a súa formulación, apartará ao xuíz ou maxistrado recusado da causa.
Son causas de recusación, entre outras, a amizade íntima ou inimizade manifesta do xuíz ou maxistrado coas partes ou os seus avogados, procuradores, peritos e testemuñas; tamén o é o parentesco até o cuarto ou segundo grao consanguíneo, segundo os casos, coas mesmas persoas
  • Principio de independencia: Os xulgados e tribunais son independentes de toda autoridade ou persoa no exercicio da súa potestade xurisdicional, mesmo respecto de tribunais superiores e dos órganos de goberno do poder xudicial.
  • Principio de inamovibilidade: Os xuíces e maxistrados son inamovibles e non poden ser trasladados, suspendidos, separados nin xubilados, senón polas causas e coas garantías establecidas na lei.
Isto quere dicir que, fóra das devanditas causas e con arranxo a ese procedemento, ninguén pode impedir temporal ou definitivamente a un Xuíz ou Maxistrado a permanencia no seu cargo e o libre exercicio do mesmo. É dicir, proscríbese toda forma de interferencia na Carreira Xudicial.
  • Principio de responsabilidade: Os xuíces e maxistrados son persoalmente responsables polas infraccións disciplinarias e penais que cometan no exercicio das súas funcións. Esta responsabilidade só pode esixirse pola vía disciplinaria legalmente establecida, sen interferencia dos Poderes Executivo ou Lexislativo, ou a través do procedemento penal ordinario.
  • Principio de legalidade: No exercicio das súas funcións xurisdicionais, os xuíces e maxistrados están suxeitos á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, do mesmo xeito que o resto de autoridades e que o conxunto dos cidadáns.

Como principio informador dos procesos xudiciais, non expresamente recollido no art. 117.1 CE:

  • Principio de contradición Principio que inspira o desenvolvemento dos procesos xudiciais e que consiste na posibilidade das partes de discutiren os aspectos xurídicos e fácticos da controversia.

Percepción cidadá[editar | editar a fonte]

En España desde 2009 rexistrouse un notorio empeoramento da imaxe dos políticos ante a opinión pública, feito que reflectiron numerosas enquisas que opoñen unha visión positiva dos políticos como persoas ao servizo do ben común, e unha visión baseada na crenza de que as persoas acceden á política para servírense do pobo máis que para o serviren e co obxectivo de adquiriren, manteren e xestionaren o poder en institucións ou ámbitos públicos con fins propios. Proba diso, son os numerosos casos de corrupción política, así como os resultados obtidos pola clase política nas enquisas xerais de opinión.[11]

Evolución cronolóxica do réxime político español[editar | editar a fonte]

Democracia española (1977-actualidade)[editar | editar a fonte]

  • Lexislación electoral española
  • Eleccións en España
  • Sistema de partidos español
  • Partido político (España)
  • Organización territorial de España

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Será a partir dunha situación tal, na que se quebrar ou existir ameaza inminente de quebra do normal funcionamento dos poderes constitucionais do Estado, cando poida falarse con propiedade dunha función rexia de defensa constitucional. O exemplo de tal hipótese de extrema gravidade, non prevista no ordenamento, foi a tentativa golpista de febreiro de 1981. En casos como o anterior, incumbe ó Xefe do Estado a defensa da Constitución consoante o artigo 61.1, na súa condición de xefe supremo das Forzas Armadas (art. 62.h) e, a través da finalidade que a estas lles outorga o artigo 8."Congreso". 
  2. 2,0 2,1 Executivo provisional que gobernou España durante 16 horas
  3. A democracia directa en España
  4. [dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/830982.pdf]
  5. [1]
  6. Lei Orgánica 3/1984, de 26 de marzo, reguladora da iniciativa lexislativa popular.
  7. Tamén presidiu a Lexislatura constituínte.
  8. Calvo-Sotelo só presidiu durante un ano. Na súa investidura aconteceu o 23-F
  9. Se ben é certo que Mariano Rajoy gobernou durante 3 lexislaturas, cómpre destacar que unha delas foi a XI lexislatura, na que non chegou a ser investido, xa que logo, ficou en funcións. Na XII lexislatura foi destituído ano e medio despois na Moción de censura contra Mariano Rajoy de 2018. Por tanto, o seu mandato durou 6 anos e medio, un dele case enteiramente en funcións.
  10. Pedro Sánchez goberna desde a metade da XII lexislatura, tras ser investido a metade de período vía Moción de censura. Así mesmo, gobernou en funcións a XIII e goberna con plenos poderes na XIV lexisltura.
  11. «Tres problemas principales que existen actualmente en España.»

Véxase tamén[editar | editar a fonte]


Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • "Consumo político e cosmopolitismo. Un estudo de participación política postconvencional en España." Revista Española de Investigacións Sociolóxicas. Centro de Investigacións Sociolóxicas, xullo-setembro de 2011. Edición 135. Páxinas 89-106. Dispoñible en EBSCOhost Academic Search Complete

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]