Partidos políticos en España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplar da Constitución Española de 1978

O artigo 6 da Constitución Española de 1978 establece que:

Os partidos expresan o pluralismo político, concorren á formación e expresión da vontade popular e son un instrumento fundamental para a participación política. A súa creación e o exercicio da súa actividade son libres, respectando a Constitución e a Lei. A súa estrutura interna e funcionamento deberán ser democráticos.

Actualmente, a Lei 6/2002, de 27 de xuño, de Partidos Políticos regula a súa creación e funcionamento. O que describimos neste artigo axústase a esta norma.

Tipos de partidos políticos[editar | editar a fonte]

Os partidos políticos son entes privados de base asociativa que forman parte esencial da arquitectura constitucional que lles otorga unha certa garantía institucional, cunha organización e funcionamento democráticos e cunha actuación acorde coa Constitución e as Leis. Os partidos poden organizarse en federacións, confederacións e unións de partidos. Ademais, poden constituírse outros tipos de formacións políticas que non son partidos: as coalicións electorais e as agrupacións de electores:

  • As coalicións electorais son formacións temporais, formadas por partidos ou asociacións coa finalidade de presentar candidatos a unhas eleccións.
  • As agrupacións de electores son grupos políticos que son establecidos co apoio dun número variábel de sinaturas de electores e que só poden presentar unha candidatura a unhas eleccións específicas.

Réxime xurídico[editar | editar a fonte]

Os partidos regúlanse polas seguintes leis e decretos:

  • Lei Orgánica 5 / 1985 de 19 de xuño, de Réxime Electoral Xeral.
  • Lei Orgánica 1 / 2002 reguladora do dereito de asociación.
  • Lei 6 / 2002 do 27 de xuño, de Partidos Políticos.
  • Lei Orgánica 8 / 2007 de 4 de xullo, de Financiamento dos partidos políticos.
  • Real Decreto 2281/1976 de 16 de setembro, polo que se regula o rexistro das asociacións políticas.

Constitución dun partido[editar | editar a fonte]

Logo do Ministerio do Interior, España

Para a constitución dun partido, precísanse a identificación persoal dos promotores, a denominación do partido, os integrantes dos órganos directivos provisionais, o domicilio social e os estatutos do partido. Os estatutos describirán a denominación, fins, domicilio, dereitos e deberes dos afiliados, órganos de representación, goberno e administración, réxime económico e patrimonial, disolución do partido, entre outros epígrafes.
Para ser recoñecido como tal, o partido ten que inscribirse no Rexistro de Partidos Políticos e adquirir personalidade xurídica (Ministerio del Interior, Registro de Partidos Políticos. C/ Amador de los Ríos, 7. 28071.- Madrid). A partir dese momento, comeza a computar o prazo de 20 días que o encargado do rexistro ten para proceder á súa inscrición e conseguinte adquisición de personalidade xurídica.

Disolución dun partido[editar | editar a fonte]

Un partido pode disolverse cando se promovan, se xustifiquen ou exculpen os atentados contra a vida ou a integridade das persoas, cando se exclúan ou se persigan persoas por razón da súa ideoloxía, relixión ou crenzas, nacionalidade, raza, sexo ou orientación sexual, cando se fomente, propicie ou lexitime a violencia como método para a consecución de obxectivos políticos ou para facer desaparecer as condicións para o exercicio da democracia, do pluralismo e das liberdades públicas, ou cando se complemente ou apoie politicamente a acción de organizacións terroristas para a consecución dos seus fins de subverter a orde constitucional ou alterar gravemente a paz pública.

Documentación sobre rexistro de partidos[editar | editar a fonte]

Partidos inscritos no Rexistro de Partidos Políticos do Ministerio de Interior de España[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]