OU-636

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
OU-636
TipoloxíaEstrada convencional C-40
RedeRede de estradas de Galicia
Lonxitude26 km
Localización
InicioA Pobra de Trives  OU-536 
FinFreixido de Abaixo  OU-533 

A OU-636 é unha estrada convencional, sen beiravía, pertencente á Rede Primaria Complementaria de Estradas da Xunta de Galicia. Une as localidades da Pobra de Trives e Freixido de Abaixo (Petín).

Descrición[editar | editar a fonte]

Ponte do Bibei.

É unha estrada cun trazado moi sinuoso que segue o antigo camiño romano XVIII do itinerario de Antonino, a Vía Nova (Bracara Augusta-Asturica Augusta). A súa velocidade de percorrido recomendada é de 40 km/h.

É unha estrada desde a que podemos observar grandes paisaxes, coma os Codos de Larouco e o intricado val do Bibei coa súa falla homónima e a formación xeolóxica do ollo de sapo. A saída do concello da Pobra de Trives realízase a través da Ponte do Bibei, unha das poucas pontes romanas abertas á circulación en España. É unha ponte de arco de tres luces, realizado con cantaría no ano 71, na época do emperador hispalense Traxano.

Ao longo da estrada podemos ver métodos de protección xa escasos noutras estradas desta categoría como antepeitos de cantaría unidos por morteiro. Moitos muros de contención e obras de fábrica da estrada están feitos de cantaría desde a década de 1870, cando se construíu a estrada de primeira orde Ponferrada-Ourense, e existen numerosos pasos estreitos con curvas con radios menores cós estándares de construción actual de estradas.

É a única vía de comunicación da comarca de Terra de Trives co principal núcleo administrativo, O Barco de Valdeorras e co resto de España. Ata 1987 discorría a N-120 (Logroño-Vigo) por este retorto trazado. A posíbel construción da autovía do Acceso Centro a Galicia, a A-76 evitaría a circulación por ela.

Traballos de mellora[editar | editar a fonte]

En 130 anos de vía aberta á circulación só se procedeu na década de 1960 a eliminar unhas curvas na baixada desde Trives ata a depresión do río Bibei, á estabilización de noiros e á ocupación de terreos lindantes para variar a traza lixeiramente; e á ampliación da estrada para permitir a dobre circulación instantánea (agás nos pasos de abas de montaña e na Ponte Bibei). Desde que a estrada depende da Xunta de Galicia só se procedeu nunha ocasión ao seu asfaltado integral desde Larouco ata Trives e desde Larouco a Freixido. En 2006 foi aplicada unha nova capa de rodaxe formada por coada bituminosa (slurry) nos seus primeiros 5 km. A sinalización vertical é a mínima necesaria, e non ten sinalización quilométrica de lugares na maior parte do seu trazado.

A Consellería de Política Territorial elaborou un proxecto de acondicionamento xeométrico en planta e en alzado da estrada na década de 1980; pero nunca foi levado a cabo argüíndo escasa intensidade media diaria de vehículos (IMD) na estrada.

Actualidade[editar | editar a fonte]

O Ministerio de Fomento xa anunciou que a autovía A-76 non discorrería polo contorno da Pobra de Trives. É por iso que a Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia anunciou a construción dun enlace entre a estrada OU-536 (Ourense - A Pobra de Trives) e a estrada N-120 (Logroño - Vigo) no contorno do enclave de Montefurado (Lugo). Este anuncio apareceu publicado no DOG en abril do ano 2008, uns meses antes de que se publicase o Estudo Informativo da A-76, a cargo da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]