OU-533

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
OU-533
Entrada a Mourisca (Viana do Bolo) desde o sur
Tipoloxíaestrada convencional
RedeRede de estradas de Galicia
Lonxitude50 km
Localización
InicioA Gudiña  N-525 
FinA Rúa  N-120 

A OU-533 é unha estrada comarcal galega, que discorre entre as vilas da Gudiña e A Rúa, pasando por Viana do Bolo, na provincia de Ourense. É a estrada principal que vertebra a Comarca de Viana. É un tramo da antiga estrada C-533, que transcorría desde A Gudiña até Lalín, na provincia de Pontevedra.

Percorrido[editar | editar a fonte]

A vía sae desde a vila da Gudiña, nun cruzamento coa estrada N-525 a carón da vía da Prata do camiño de Santiago. Aos poucos metros pasa por baixo da liña Zamora - A Coruña, e uns cen metros despois por baixo da Liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia. Aos 10 quilómetros, na parroquia de Pradocabalos, cruza o río da Canela a carón do Mesón da Ponte. Despois segue a carón do río Camba, na cola do encoro do Vao, que modificou o traxecto da estrada desde O Cambón (onde había unha antiga ponte cara a Bembibre) por San Cibrao até a vila de Viana do Bolo, logo de cruzar o río Bibei por un viaduto construído cando se fixo o encoro.

Despois de cruzar Viana do Bolo atravesa Mourisca e San Mamede. No alto do Covelo (1052 m) entra no concello do Bolo, deixando a man dereita o cruzamento cara á Veiga. Despois de pasar por Cambela, hai un cruzamento á esquerda cara ás Ermidas, e segue por Santa Cruz. En Lentellais sufriu obras de mellora para suprimir numerosas curvas. Ao cruzar o río Xares antes a estrada baixaba até Portomourisco e A Portela de Portomourisco, pero construíuse un viaduto augas abaixo que evita as dúas aldeas.

En Freixido enlaza coa OU-536 que leva cara a Larouco, antiga estrada Ourense-Ponferrada, no seu momento N-120 e despois C-536. Neste caso foi construída unha variante cara ao leste para evitar o paso polas aldeas da parroquia. Antes de chegar á vila de Petín cruza o río Sil a carón da ponte da Cigarrosa, pola que discorría antigamente, e remata na vila da Rúa de Valdeorras.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]