Castromil (autocares)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medalla de Galiza.svg
Antigo edificio Castromil en Santiago de Compostela.

Castromil foi unha empresa galega de transporte de viaxeiros por estrada con sede en Santiago de Compostela fundada en 1917 por Evaristo Castromil.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1910, Evaristo Castromil entrou no negocio da automoción como representante dunha empresa norteamericana de carros.

En 1917 funda o que máis tarde sería Castromil, con sede en Santiago. Iniciou o negocio de viaxeiros e mercadorias con seis autocares Saurer, mercados na Alemaña.[1] A cidade xa tiña liña de ferrocarril con Vigo, Pontevedra e Portugal pero non coas vilas do interior nin coa Coruña.

Nos comezos do trasporte por estrada había varias empresas facendo as mesmas rutas e competindo entre elas. En 1924 promulgouse a Real orde do 4 de xullo, pola que se regularon os servizos de viaxeiros e mensaxería. Só se permitía unha empresa por concesión. Castromil fíxose coas concesións das rutas que xa facía. En 1928 tiña en exclusividade A Coruña, Santiago, Caldas de Reis, Pontevedra e Vigo.[2] Algúns destes autobuses podían levar carga sobre o teito e mesmo algúns tiñan asentos de madeira para viaxeiros, tamén no inverno. Había billetes de primeira, segunda e terceira. A empresa completaba a oferta de transporte de viaxeiros co transporte de mensaxería e o viaxeiro pagaba un suplemento polos vultos que levase. A empresa foi medrando pero tamén a competencia doutras. O negocio do transporte en Galiza estaba moi dividido en empresas pequenas moi localizadas xeograficamente.

En 1969 morreu Evaristo Castromil. O seu fillo Ramón seguiu coa empresa; o neto fíxose cargo da presidencia.

Nos anos 90 xa só quedaban grandes grupos como IASA ou Monbus. Castromil potenciou a súa imaxe de marca con autobuses modernos (Scania) ben rotulados e poñéndolles nomes de galegos ilustres como Rosalía de Castro, Castelao ou Luís Seoane. A empresa contou cunha páxina web na internet e ofrecía alugar os seus autobuses.

Monbus mercou Castromil en 2002, cando a empresa tiña case 200 autobuses. Durante un tempo mantívose a marca nas estradas.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]